SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2018 | Actualizada ás 20:20 por EUROPA PRESS
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu a insistir en que debería modificarse o Código Penal para que as accións "intencionadas" de prender lume que poidan pór en risco a vida das persoas sexan tipificadas como "terrorismo incendiario".
Feijóo incidiu na "intencionalidade" dos lumes, despois de transcender que o 61% dos grandes incendios que se produciron na vaga de incendios forestais do pasado outubro foron con "gran probabilidade" intencionados, segundo o estudo do Ministerio Fiscal, cuxas conclusións fixo públicas este luns na Cámara o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes.
O fiscal tamén ratificou que "non se puido determinar" que "obedezan a unha iniciativa criminal complexa de grupos de persoas ou organizacións que actúen de forma coordinada ou planificada ou persigan obxectivos supraindividuales". Tamén "quedan descartados", segundo dixo, o tres elementos que forman parte do imaxinario dos incendios forestais: madeira, urbanismo e economía do lume.
Por outra banda, sobre a utilización da expresión "terrorismo incendiario" que fixo o propio Feijóo e outros dirixentes da Xunta após a onda de outubro, o fiscal interpretou que cando políticos "se refiren a iso estanse referindo desde un punto de vista vulgar, ordinario ou común". Porque, desde o punto de vista xurídico, engadiu que, "obviamente, isto non é terrorismo".
Este xoves, ao termo da reunión semanal do seu Executivo, Feijóo afirmou que "concorda" co fiscal en todas as súas reflexións, tamén no que respecta ao "terrorismo incendiario". Non en balde, incidiu en que el "coñece" o Código Penal e, en consecuencia, é consciente de que non contempla este sentido.
É por iso, engadiu, que el defendeu e mantén que se debería "modificar" este aspecto para trasladar aos autores de incendios intencionados que este tipo de actuacións terán "unha consideración máxima no Código Penal".
"A XUNTA NUNCA FALOU DE TRAMAS"
A súa "total coincidencia" co fiscal levouna tamén ao plano da "altísima intencionalidade" dos lumes, que a Xunta cifra "nun 87 por cento".
Finalmente, o presidente galego proclamou que "a Xunta nunca falou de tramas". "Outros gobernos, si", contrapuxo, en referencia ao Goberno bipartito despois da vaga de incendios do ano 2006.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.