Temas: MúSICA RAP

Fermín Muguruza: "O novo disco é o máis duro que fixen desde hai 20 anos"

Reivindica as cancións "de urxencia" como a que contén o berro "Barcelona antifeixista" para contar o que pasaba o 1-O.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2018 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

Fermín Muguruza cualifica o seu novo traballo como "o disco máis duro que fixen desde 'Ireki Ateak' con Dut hai vinte anos. Ten un son moi besta, moi industrial, mesmo difícil para determinado público que me segue". Este novo álbum chámase 'B-Map 1917 + 100', que presentará o próximo 26 de maio na sala Capitol de Santiago de Compostela.

Muguruza
Muguruza

O novo álbum proxecta a sombra do centenario da Revolución Rusa sobre dez zonas xeográficas distintas do planeta. Esas zonas son cidades cuxo nome empeza pola letra B: Bilbao, Barcelona, Beirut, Buenos Aires, Brazzaville, Belfast, Berlín, Bogotá, Belgrado e Baton Rouge.

"Dez rueiros músico-político-emocionais a partir dos cales Fermín Muguruza mapea o ruxido da indignación, a convulsión e a revolución no mundo actual", segundo destacan os seus promotores. Ademais, nunha entrevista  Muguruza afirma que "se alguén pensaba" que a súa evolución xa acabara "estaba equivocado". Nesta ocasión, o músico vasco xúntase co dúo barcelonés de electrónica de combate The Suicide of Western Culture, para facturar o que para moitos críticos foi un dos mellores discos de 2017.

"Eles querían facer un single, un par de cancións comigo. Como todo isto coincidiu coa miña estancia en Barcelona grazas á residencia en Fabra i Coats co proxecto Black is Beltza, quedamos de novo alí e empezamos a darlle voltas ao par de cancións que me ensinaron, a ver que saía", explicou Muguruza na entrevista mencionada.

CANCIÓNS DE URXENCIA

"A canción 'Barcelona, Sant Andreu' non tiñamos pensado sacala tan axiña. Pero a fin de semana xusto antes do 1 de outubro escribiume Miqui de Suicide e díxome 'mágoa que non teñamos aínda acabada esta canción, co berro de 'Barcelona antifeixista', porque sería o momento de lanzala xusto agora'. Acendéuseme unha luz: 'Como, é que esta canción hai que sacala agora!. Non podemos esperar', explicou o músico de Irún.

Muguruza pensaba que había "que contar" o que estaba a pasar en Cataluña e que esa fose "unha achega" desde o seu punto de vista. "Que a xente se anime e vaia a votar, que utilice o seu dereito a expresarse. En dous días, Juanjo xa tiña o vídeo. A min esa idea de cancións de urxencia paréceme interesantísima e moi potente", rememora. Coas facilidades para crear e compartir música que existen actualmente, o artista considera que "é cada vez máis posible" e remítese a unha unha cita de John Lennon "cando dixo que lle gustaría facer cancións coma se de noticias dun xornal se tratase".

"OS TRES B"

Sobre "B-Map 1917 + 100", expón que estaba a traballar para 'Al Jazeera' cunha serie de documentais sobre música árabe e que por entón se instalou en Beirut. "Un dos representantes da cadea díxome que houbo un tempo no que tres cidades do mundo eran as que máis información promovían: Beirut, Bilbao e Belfast", lembra.

"Os tres B das noticias. Eu caín en que había e hai outras cidades que empezaban por B cuxos conflitos tamén espertan moito interese xornalístico: Barcelona, Berlín... Descubrín un mapa moi interesante ao redor da letra B" sinala Muguruza.

Tamén reflexiona sobre que "a letra B é como da outra cara da realidade, é a contracalle/kontrakalea". "Ironía do destino, ese tamén é o nome da rúa onde habito; e a Kontrabanda ou a Kontrakantxa, nomes de bandas que me acompañaron en distintas xiras", resalta.

TRES COLABORACIÓNS

Hai tres colaboracións no disco: Safaa Hathot, unha rapeira palestina que achega a introdución en árabe en 'Beirut Never Dies', Malena D'Alessio en 'Buenos Aires Gernika Jai Alai' e Marala, un trío feminino catalán que cantan o 'Txoria Txori' de Joxean Artze e Mikel Laboa ao principio da canción sobre Barcelona.

Nun álbum que presenta como "moi completo" e "ambicioso", Muguruza advirte de que o que queren contar "non é só a partir da letra e da música", senón "tamén a partir da estética e das imaxes que acompañan a cada canción, que teñen todas a súa propio videoclip".

Fermín Muguruza asegura non saber "se faltan máis cancións que expliquen a realidade", pero indica que el tenta buscalas. "Paréceme necesario ou, como mínimo, unha cousa que eu si necesito".

Temas: MúSICA RAP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta