PP acusa o PSOE de "secuestrar" a Deputación de Lugo e "gastar todos os recursos" en "conspirar uns contra outros"

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tenta facer máis sangue entre os socialistas logo de que o alcalde de Becerreá volvese pactar cos populares.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2018 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, acusou ao Partido Socialista de "secuestrar" a Deputación de Lugo para "facela vítima das súas loitas internas" e "gastar todos os seus recursos en conspirar uns contra outros".

Miguel Tellado do PPdeG
Miguel Tellado do PPdeG | Fonte: Europa Press

O número dous dos populares galegos referiuse deste xeito á crise aberta na institución provincial logo do inicio da expulsión do alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, do grupo socialista, por pactar en varias ocasións co PP.

Tellado considerou que este "último acto" do esperpento vivido na institución provincial lucense debe facer reflexionar sobre o feito de que "debe gobernar quen gaña as eleccións". "É imprescindible que se deixe gobernar á lista máis votada e, se así se fixese, estas cousas non pasarían na Galicia actual", manifestou.

Así, pediu "respectar a vontade dos cidadáns" para "evitar a tiranía das minorías" e "garantir as estabilidades das institucións". E é que, na súa opinión, nos últimos anos, na Deputación de Lugo non houbo "nin respecto á vontade dos cidadáns, nin estabilidade".

"O que si houbo é moita tiranía dos socialistas", manifestou para estender esta falta de estabilidade tamén ao goberno municipal de Ferrol, outro "exemplo da zona cero da inestabilidade e de gobernos contra a vontade dos cidadáns".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta