Valdeorras e Ribeira Sacra desembarcan en Alimentaria

Esta feira bianual de alimentación, bebidas e gastronomía que se celebra en Barcelona é un referente en España e a nivel internacional para o sector. Empezou este luns e remata o 19 de abril.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 16/04/2018 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Alimentaria é un centro de negocios internacional para todos os profesionais da industria da alimentación, bebidas e gastronomía, xa que acoden profesionais de todos os países do mundo. Unha cita obrigada coa innovación, as últimas tendencias e a internacionalización do sector. Este ano chega á 22ª edición con máis de 95.000 metros cadrados de exposición, expectativas de xerar un impacto económico de máis de 200 millóns de euros e atraer uns 150.000 visitantes, dos que 45.000 serán internacionais.

Viños de Valdeorras en Fenavín
Viños de Valdeorras en Fenavín

Viños galegos, entre eles os da D.O. Valdeorras e a D.O. Ribeira Sacra, estarán en Intervin, salón dos viños, sidras e espirituosos de Alimentaria. Considérase como o maior encontro sectorial da industria vinícola do país e a principal plataforma internacional do viño español ao mostrar e difundir unha variada e ampla oferta en tintos, brancos, rosados, cava, espumosos e bebidas espirituosas.

A máis que notable capacidade de convocatoria internacional de Intervin permite reunir a miles de profesionais de diferentes países que buscan as últimas novidades do sector e novos aliados comerciais. Catadores, distribuidores, comerciantes polo miúdo, importadores e traders amantes do bo viño danse cita no salón para facer negocios, abrir mercados, descubrir novidades e desvelar tendencias. Cunha crecente capacidade de exportación, Alimentaria e Intervin demostraron ser un dinamizador estratéxico da industria vitivinícola e unha dobre garantía de éxito gozando dun gran recoñecemento internacional, froito de sucesivas campañas de promoción nos países máis importantes para a industria española de alimentos e bebidas.

A presenza da D.O. Ribeira Sacra en Alimentaria, coméntanos José Manuel Rodríguez, é unha aposta forte baseada no convencemento de que estar presente neste Salón é imprescindible e abre novas oportunidades de negocio para as adegas, tanto a nivel nacional como internacional, e axuda a consolidar as relacións comerciais xa establecidas.

Pola súa parte, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, refírese a este foro como un escaparate excepcional para os brancos e tintos de Valdeorras, escaparate que se debe aproveitar para achegar os viños a diversos públicos especializados, pero tamén a consumidores finais. “O potencial deste salón reflíctese no feito de que nel teñen presenza a meirande parte das rexións vitivinícolas españolas e por riba de 800 adegas de todo o Estado”, engade.

Ribeira Sacra
Ribeira Sacra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta