Temas: XUSTIZA FOLGA

Funcionarios de xustiza en folga queiman as súas nóminas como protesta polas "coaccións" da Xunta

Confían en que a reunión do mércores sexa "un punto de inflexión" no conflito.

Por E.P. | A CORUÑA | 17/04/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Funcionarios de xustiza en folga na Coruña queimaron as súas nóminas como sinal de protesta polas "coaccións" que aseguran recibir por parte da Xunta a través do sistema de peche das mesmas en datas posteriores ás fixadas.

Folga xustiza queima de nóminas
Folga xustiza queima de nóminas | Fonte: Europa Press

Os traballadores -case un centenar, segundo os convocantes- secundaron o acto ante o edificio da antiga Audiencia Provincial da Coruña portando as súas habituais camisetas azuis nas que se podía ler a lema 'Xustiza en loita'. Ademais, corearon lemas como "se Rueda non o asume, lume, lume, lume".

No acto, o portavoz do comité de folga na Coruña, Javier Fernández, explicou que as nóminas "se pechan sempre a 5 de cada mes", pero engadiu que desde que se iniciou o conflito -do que este martes se cumpren 70 días- "pecháronse as nóminas o 13 de febreiro e o 11 de marzo".

"Porque cantos máis descontos metan na nómina, mellor", dixo ao explicar os argumentos polo que, na súa opinión, a Administración autonómica está a levar a cabo o peche de nóminas nestas datas. Javier Fernández vinculouno, ademais, cun intento de "coaccionar" aos traballadores en folga.

REUNIÓN COA XUNTA

Con todo, dixo que seguirán secundando o paro indefinido, aínda que se mostrou confiado en que a reunión fixada para este mércores no edificio administrativo de San Caetano poida marcar "un punto de inflexión".

"A esperanza sempre a levamos", apuntou o portavoz do comité de folga na Coruña, quen situou no Executivo galego a posibilidade de cambiar a actual situación. "Eles teñen que pór interese", subliñou, ademais de insistir en que estes momentos está "paralizada" a Xustiza.

Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta