Pais da patria

Rato: despois de acadar certo prestixio como ministro de Aznar, Rodrigo Rato foi, de 2004 a 2007, director do FMI.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 22/02/2011

Comparte esta noticia

Segundo recoñece agora o propio organismo, durante esa etapa non foi quen de anticipar a crise, nin de prever a súa magnitude. Non alertou do desastre que se aveciñaba. Pola contra, recomendou prácticas destrutivas: alentou a camiñar de fronte ao abismo. Agora o mundo económico navega na incerteza e millóns de familias pagan as consecuencias. Pero Rato é presidente de Caja Madrid e segue a gozar da consideración dos seus.

Aznar: nunha operación fraudulenta, Aznar e Rato entregaron as cinco grandes empresas públicas españolas (Telefónica, Endesa, Argentaria, Tabacalera e Repsol) a homes da súa confianza e despois puxéronas á venda en Bolsa. O xornalista Jesús Mota di que non debe entenderse o termo expropiación como unha metáfora: é real. Tampouco soubo pórlle freo á economía do ladrillo. Pola contra, axudou a inflar esa tremenda burbulla que agora ateaza a economía española. Mais este grande estadista, na vez de pedirlle desculpas á cidadanía, é capaz de escribir que "España puede salir de la crisis", e imparte doutrina desde a súa plataforma de ultradereita (Faes) mentres recibe elevadas remuneracións como asesor de diversas empresas multinacionais.

Villar Mir: foi ministro con Arias Navarro, nos estertores do franquismo. Despois fixo unha gran fortuna a partir de sociedades en bancarrota e utilizando a súa posición de privilexio. En Galicia tamén deixou a súa pegada. Secou o tramo final do río Xallas (único río de Europa que caía ao mar en cascada) para construír unha central eléctrica; provocou, no 2007, un desastre ecolóxico coa morte de milleiros de troitas no mesmo río ao pechar as comportas do encoro río arriba; a fábrica de Ferroatlántica en Cee, da que é propietario, é das máis contaminantes de Galicia; paralizou a chegada do AVE a Galicia ao preitear coa Xunta pola expropiación da mina de cuarzo de Serrabal (Boqueixón). A Casa Real vén de concederlle o título de marqués. Aquí deberiamos declara-lo persoa non grata.
Ruíz Mateos: Cando lle expropiaron Rumasa, no ano 1983, vestiuse de Superman e declarouse vítima dunha confabulación do goberno. Levantou outro imperio, Nueva Rumasa, que agora se desmorona coma un castelo de naipes. Volverá face-lo pallaso, para proclamar a súa inocencia. Moitos traballadores quedarán na rúa polas súas manobras e non lle van rir as ocorrencias..

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.