A ciencia, en feminino

Concello e Universidade de Santiago poñen en marcha a terceira edición do programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ para visibilizar o traballo das mulleres na ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas e incentivar unha maior pesenza de mozas nestas carreiras.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/04/2018 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

A terceira edición do programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole dará comezo este xoves 26 no CEIP López Ferreiro co obradoiro Física Divertida, impartido por Encina Calvo e Mª José Pérez Comuñas, profesoras do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Laboratorio de prácticas de Física na Universidade de Santiago
Laboratorio de prácticas de Física na Universidade de Santiago | Fonte: USC.

O programa, organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC en colaboración co Concello de Santiago, ten como finalidade visibilizar as enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos e incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), mediante a realización de obradoiros didácticos destinados ao alumnado de 4º de primaria en colexios públicos do concello.

Nesta terceira edición están previstos 18 obradoiros nos que participarán nenas e nenos de dos CEIP Cardeal Quiroga Palacios, Lamas de Abade, López Ferreiro, Mestre Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Pío XII, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas, Roxos e Vite I. Todos están impartidos por profesoras investigadoras da USC de diferentes áreas (Astronomía, Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial, Electrónica e Computación, Enxeñería Química, Física Aplicada, Química Inorgánica, Química Orgánica, Química Analítica, Óptica), técnicas superiores de apoio á investigación do CiQUS e investigadoras do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

OBRADOIROS XA PROGRAMADOS

CEIP López Ferreiro:

  • Física Divertida. Impartido por Mª José Pérez Comuñas e Encina Calvo Iglesias, profesoras do Departamento de Física Aplicada da USC. 26 de abril

    Laboratorio de Farmacia na Universidade de Santiago
    Laboratorio de Farmacia na Universidade de Santiago | Fonte: USC.
  • A Maxia da Química. Impartido por Laura Acevedo e Noela Torrente, técnicas superiores de apoio á investigación do CiQUS. 27 de abril

CEIP Monte dos Postes

  • Informática visual aplicada á bioloxía. Impartido por Eva Cernadas profesora da Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e investigadora do CiTIUS. 21 de maio

  • Xogando coa luz. Impartido polas profesoras e investigadoras Maite Flores, María Aymerich e Carmen Bao da Área de Óptica da USC. 21 de maio

CEIP Pío XII

  • A Maxia da Química, impartido por Laura Acevedo e Noela Torrente, técnicas superioras de apoio á investigación do CiQUS. 1 xuño

  • Falando cos superordenadores. Impartido por Mª José Rodríguez Malmierca e Natalia Costas, investigadoras do CESGA. 14 xuño

  • Buscando estrelas. Impartido por Josefina Ling profesora de Astronomía de la USC e investigadora del Observatorio Astronómico Ramón María Aller. 18 xuño

CEIP de Roxos

  • Aprendendo Química a través da realidade virtual e a realidade aumentada. Impartido por Rebeca García Fandiño, investigadora Ramón y Cajal da USC. 14 de xuño

CEIP de Vite I

  • Informática visual aplicada á bioloxía. Impartido pola profesora Eva Cernadas profesora da Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e investigadora do CiTIUS. 15 de xuño

CEIP Raíña Fabiola

  • Aprendendo Química a través da realidade virtual e a realidade aumentada. Impartido por Rebeca García Fandiño, investigadora Ramon y Cajal na USC. 20 de xuño

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta