Xoán Hermida, de En Marea, renuncia a "facer uso" da súa condición de deputado

O número seis de En Marea por Pontevedra, parlamentario electo desde o venres, remitiu o escrito ao Parlamento á primeira hora deste xoves.

Por E.P. | | 26/04/2018 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

O deputado electo de En Marea por Pontevedra Xoán Hermida remitiu na mañá deste xoves á Mesa do Parlamento o escrito polo que acepta incorporarse ao Grupo Parlamentario do partido instrumental no Pazo do Hórreo. Con todo, renuncia a "facer uso" da súa condición de parlamentario e ás prerrogativas que lle corresponden, entre elas o salario, ata que se resolva o "proceso interno" aberto en En Marea sobre a continuidade de Paula Quinteiro.

Xoán Hermida, Marea Pontevedra
Xoán Hermida, Marea Pontevedra | Fonte: Europa Press

Esta fórmula, pola que En Marea garante a súa continuidade como segunda forza na Cámara galega en escanos con 14, empatada cos socialistas, que obtiveron menos votos nas eleccións, foi pactada o pasado mércores polo portavoz do partido instrumental, Luís Villares, e o propio Hermida, que remarcou que a súa decisión vai na liña de non prexudicar a En Marea.

O escrito foi enviado por fax á Mesa do Parlamento á primeira hora deste xoves, día no que vencía o prazo para a súa adscrición a un grupo, de non facelo sería asignado automaticamente ao Mixto. Nel, Hermida aclara que renuncia "expresamente" a "calquera prerrogativa" que lle corresponda como deputado, entre elas a percibir salario.

A súa intención, como asegurou ao longo desta semana, é renunciar formalmente á acta de deputado unha vez se resolva a continuidade de Paula Quinteiro, a parlamentaria que se viu envolta nun altercado coa policía a mediados do mes de marzo e cuxa dimisión reclama a dirección política de En Marea e o seu portavoz, Luís Villares, contra a opinión dunha maioría do Grupo Parlamentario.

Ademais, asegura que "por motivos profesionais" non podería dedicar "o tempo que sería necesario para a alta responsabilidade que esixe ser representante do pobo galego" no Parlamento. Segundo Hermida, esta situación "coincide lamentablemente" co caso de Paula Quinteiro, quen, ao seu xuízo, protagonizou uns "acontecementos" que "embazan a imaxe de En Marea" e "contradin o compromiso ético" asumido polos seus representantes.

CASO QUINTEIRO

O órgano de dirección de En Marea, o Consello das Mareas, ten intención de convocar na súa reunión deste sábado a consulta ás bases sobre a situación de Quinteiro. En todo caso, a decisión de continuar ou non no Pazo do Hórreo corresponde unicamente á propia Quinteiro, membro de Podemos e afín á corrente Anticapitalistas, xa que a acta de deputado é persoal.

"Mentres este proceso interno non acabe non vou tomar ningunha decisión con respecto á acta de deputado que neste momento ostento", apunta Hermida no seu escrito enviado á Mesa do Parlamento, no que indica que a súa "vontade é acabar renunciando, se é posible na maior brevidade posible, tendo en conta que se resolvan os motivos de carácter ético e político que provocaron esta situación".

E é que, en pleno debate interno sobre a situación da parlamentaria, Hermida, número seis da lista por Pontevedra, candidatura pola que foi electa Paula Quinteiro, anunciou que renunciaría a asumir a súa condición de deputado en caso de producirse unha vacante.

Fíxoo coa intención de "elevar o listón" da "ética" dentro de En Marea, despois de que transcendese que nunha multa en Pontevedra recollésese que se enfrontou aos axentes policiais. Sobre este extremo, Hermida aclarou que foi el quen denunciou a actuación dos policías, o cal foi arquivado.

Un día máis tarde do seu anuncio, o deputado Juan Merlo, tamén da lista por Pontevedra, presentou a súa renuncia ao coñecerse que inflara o seu currículo na web do Parlamento, onde figuraba que era enxeñeiro cando nunca obtivo ningunha titulación nese campo.

EN MAREA, 'SEGUNDA' FORZA

Deste xeito, Luís Villares consegue 'salvarse' como líder da primeira forza da oposición, aínda que na práctica En Marea traballa con dous deputados menos con respecto ao PSdeG, que conseguiu o mesmo número de parlamentarios aínda que menos votos nas últimas eleccións.

Así, a forza rupturista conta cunha deputada de baixa desde practicamente o inicio da lexislatura, mentres que Xoán Hermida tampouco chegará a prometer ou xurar o seu escano se se mantén o pactado. As normas parlamentarias din que un deputado electo ten o prazo de tres sesións plenarias para tomar posesión da súa acta e, deste xeito, ser parlamentario de pleno dereito.

Pasado este tempo, faltaríanlle unicamente os dous plenos ordinarios de maio, xa que o terceiro foi o desta semana, queda nunha sorte de "limbo", no que non ten dereito a presentar iniciativas nin a cobrar soldo da Cámara. Será a situación na que quede Xoán Hermida a partir de xuño, previsiblemente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Cinismo astronómico

Explicación gráfica do cinismo. Fai 15 días "Renuncio para elevar o nivel ético". Agora: "Non renuncio para elevar o nivel ético"... dentro de 1 mes: "collo o cargo para axudar a Villares a manter o nivel ético". ¿Apostas? Hermida, no cuela. Falso

4 5Wtv

usease: que polo capricho deste fulano (que ten un hotel en Marón, e por eso non lle interesa este traballo) , o parlamento galego perde a un representante da soberanía popular. Un escano de toda a cidadanía baleiro usado para unha "vendetta" interna?. patético e bochornoso

3 Yoggolatte

A nómina de maio e estes días de abril vaina cobrar, pero como deputado do grupo mixto. Cando maio remate e pase o primeiro plenario de xuño sen asomar o fuciño (que me custa traballo crelo) serà cando perda a nómina e a posibilidade de presentar iniciativas, ata que vaia por alí a dicir que sí que toma posesión. Esta merendada incomprensible vaise aclarar coa decisión da Mesa que como é lóxico nom vai aceptar tomas de posesión a medias, a conveniencia ou con dous sabores e toppies coma se for una tenda de xeados. Pero venderase como unha manobra política dos que controlan con maioría absoluta o parlamento. Coma se o vise.

2 Te lo juro ante notario

O de se renuncia a "facer uso" poderase ver cando remate a lexislatura e se saiba se "fixo uso" ou non. Para empezar xa está cuberto legalmente como aforado e vai recibir o salario, que lle poden retirar se non aparece por aí.

1 xacobe

Seguimos moi preocupados e traballando nos problemas da nosa xente, ou non?