Galicia, entre as peores rexións de Europa para a cooperación de empresas con universidades

Un estudo realizado por economistas de Estonia destaca as fraquezas do sector privado en Galicia para apoiar a cooperación universidade-industria, situando o noso país entre as rexións máis débiles na Unión Europea no que se refire a investigación, innovación e coñecemento nas empresas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/05/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia é unha das rexións europeas máis débiles para fomentar a cooperación entre universidades e industria desde o sector privado. Segundo un estudo realizado por economistas da Universidade de Tartu (Estonia) —publicado no Journal of the Knowledge Economy co título 'Comparative View of the EU Regions by Their Potential of University-Industry Cooperation'—, o noso país atópase á cola na Unión Europea (UE) nesta materia, canda Asturias, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura, Andalucía, Murcia, Comunidade Valenciana, Illas Baleares e Illas Canarias, en España, e rexións do sur de Italia e de países do leste.

O Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo aproveita os descartes da pesca para rexenerar óso humano
O Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo aproveita os descartes da pesca para rexenerar óso humano | Fonte: ganadores.gal.

Os investigadores estonianos avaliaron e compararon o potencial de 154 rexións da UE para apoiar a cooperación universidade-industria como unha condición previa importante para a implementación da Estratexia de Especialización Intelixente impulsada pola Comisión Europea para que cada rexión explote os seus mellores recursos baseándose en investigación e innovación. A análise fíxose sobre tres factores que describen o apoio dos distintos actores nos sistemas rexionais de innovación á cooperación universidade-industria: apoio do sector privado, apoio do sector público e apoio das propias universidades.

O primeiro factor —o apoio do sector privado á cooperación universidade-industria— inclúe gastos de I+D no sector empresarial, pequenas e medianas empresas innovadoras que colaboran con outras, número de patentes europeas, pequenas e medianas empresas que introducen innovacións de produtos ou procesos, emprego en fabricación de alta tecnoloxía e servizos intensivos en coñecemento. 

Na avaliación do papel de apoio do sector privado, os economistas atoparon que hai 41 rexións fortes e 49 débiles, sendo as que maior potencial mostran Baden- Württemberg e Baviera en Alemaña, e Estocolmo e Sydsverige en Suecia. Pola contra, rexións de Rumania, Polonia e España son identificadas como as máis débiles, sendo as peores as rumanas Sud-Vest Oltenia, Nord-Est, Sud- Est, Rexións Nord-Vest e as polacas Podlaskie e Warminsko-Mazurskie, que son as que contan co apoio máis débil do sector privado para a cooperación universidade-industria.

Nesa lista de rexións débiles destaca tamén Galicia, canda outras nove autonomías en España: Asturias, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura, Andalucía, Murcia, Comunidade Valenciana, Illas Baleares e Illas Canarias. As demais comunidades autónomas só mostran un potencial medio (ningunha mostra gran fortaleza), facendo de España un dos peores países da UE para potenciar a cooperación entre universidades e industria.

Mapa do apoio do sector privado ás universidades nas rexións europeas (weak: débil; middle: medio; strong: forte) / Lilles, A., Rõigas, K. & Varblane, U. J Knowl Econ (2018). https://doi.org/10.1007/s13132-018-0533-1.
Mapa do apoio do sector privado ás universidades nas rexións europeas (weak: débil; middle: medio; strong: forte) / Lilles, A., Rõigas, K. & Varblane, U. J Knowl Econ (2018). https://doi.org/10.1007/s13132-018-0533-1.

Nos outros dous factores considerados para avaliar o potencial da cooperación entre universidades e industria —apoio das administracións públicas e das propias universidades— Galicia sae un pouco mellor parada —sitúase no grupo cun potencial medio—, aínda que se mantén lonxe das rexións europeas máis avanzadas. 

Así, o factor 2 describe o apoio do sector público á cooperación universidade-industria, o cal inclúe a poboación con educación superior completada, gasto en I+D no sector público, emprego no sector terciario e persoal de I+D.

Neste apartado atópanse 38 rexións fortes, sendo os países máis fortes Suecia, Países Baixos, o sur de Francia, Reino Unido, Irlanda e Dinamarca. Particularmente destacan rexións como a danesa Hovedstaden, a checa Praga, a sueca Estocolmo e a holandesa Utrecht, que son as que máis invisten en I+D con apoio público e teñen a máis alta concentración de cidadáns con educación superior.

Pola contra, existen 45 rexións débiles neste aspecto, sendo as peores Sud-Vest Oltenia, Sud-Muntenia, Nord-Est e SudEst en Romanía, acompañadas de rexións de Italia e sur de Portugal.

En España, só País Vasco e Madrid se mostran fortes no apoio do sector público á cooperación universidade-industria; o resto de rexións atópanse no grupo intermedio.

Por último, no factor 3, que describe o apoio das propias universidades á cooperación universidade-industria, considera se as universidades se atopan entre as 500 mellores do mundo, ademais do número de estudantes. Aquí, o mapa é máis homoxéneo e mesmo aparecen entre as rexións máis fortes as polacas Mazowieckie e Malopolskie.

En total, identificáronse 32 rexións fortes e 52 débiles, sendo Francia, Reino Unido e Alemaña os países que ofrecen o mellor ambiente universitario para fomentar o apoio á cooperación coa industria.

Rexións italianas como Vale d'Aosta e a Provincia Autónoma de Bolzano, ou as portuguesas Região Autónoma da Madeira e Região Autónoma dos Açores son as máis débiles. 

Neste apartado, Galicia atópase entre as rexións intermedias, mentres que Madrid, Andalucía. Comunidade Valenciana e Cataluña se sitúan entre as fortes e Asturias, Navarra, A Rioxa, Estremadura, Castela-A Mancha, Murcia, Illas Baleares e Illas Canarias están entre as rexións débiles.

DIFERENZAS ENTRE ESTE E OESTE

"A investigación revelou unha forte división Este-Oeste entre as rexións da UE nas tres dimensións", salientan os autores do traballo.

"Os resultados indican que moitas rexións dos países de Europa Central e Oriental, pero tamén algunhas rexións do sur de Europa, non parecen ter a suficiente forza de apoio como para poder beneficiarse da política de especialización intelixente da UE", conclúen os autores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Filomenot

En cambio en las universidades gallegas abundan los profesores y catedráticos que usan sus despachos y tiempo de supuesta investigación para sus negocios privados.

1 QRuB

Incluso algunos jetas aprovechan el despacho para zumbar tras haber ligado en Tinder, Grindr, etc. No solo entran a dedo, algunos tienen un morro de aquí a mañana.