Oito meses agardando a que o Sergas lle faga un cateterismo do que depende a súa operación

Tras dúas reclamacións no Hospital da Costa de Burela sen resposta, o paciente decidiu denunciar, xa que da proba depende que sexa operado dunha válvula cardíaca.

Por Galicia Confidencial | Burela | 11/05/2018 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

Un paciente do Hospital da Costa, en Burela, vén de denunciar que leva oito meses agardando para facer un cateterismo que valore se pode ser operado dunha válvula cardíaca. O paciente,que precisa tamén facer unha biopsia urolóxica, presentou dúas reclamacións ante o rexistro do Hospital da Costa ás que lle fixeron caso omiso.

Hospital da Costa de Burela
Hospital da Costa de Burela | Fonte: Sergas.

O paciente, operado hai 49 anos dunha coartación aórtica, debe acudir a revisións periódicas na consulta de cardioloxía. Nunha destas revisións foille detectada unha nova lesión valvular que precisa cirurxía, máis previa á intervención é preciso realizarlle un cateterismo  de valoración. Por iso asinou os consentimentos informados para facer o cateterismo o día 7 de setembro do 2017. Porén, aínda hoxe segue agardando pola proba.

O doente está ademais pendente de facer unha biopsia urolóxica, proba que descarta ou diagnostica a existencia dun cancro, máis o Servizo de Uroloxía non realiza a proba sen un cateterismo previo e sen que se resolva primeiro o seu problema cardiolóxico.

Ante esta situación, o paciente decidiu trasladar o seu caso á Plataforma na Defensa da Sanidade da Mariña, que cualifica a situación de "desoladora". Coa axuda desta plataforma, o doente rexistrou unha reclamación o día 2 de abril de 2018 ,con número de entrada 1045.

"TEÑO MEDO DE QUE ME PASE ALGO"

“Presentei esta reclamación dado que me parecía excesivo estar desde setembro do ano pasado agardando por unha proba e unha operación de corazón que considero debe ser urxente e porque teño medo de que me pase algo. O medo está sempre presente na miña vida e a Isto engádese a angustia de saber se teño algo maligno na próstata, pero non me poden facer a biopsia ate que se resolva o problema cardíaco. Non hai humanidade nen tampouco vergoña”, conta o paciente angustiado.

A reclamación non foi atentida pola xerencia do hospital, polo que o paciente decidiu contactar de novo coa Plataforma Sanitaria para insistir cunha nova reclamación, presentada o 10 de abril de 2018 co número de rexistro  1458, oito días despois da primeira. A data de hoxe aínda ninguén contactou con el e está sen citar para facer o cateterismo no HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo), primeira das probas que debería facer.

UNHA "BURLA" E UNHA "INDECENCIA"

Para a Plataforma Sanitaria este caso "constitúe unha auténtica burla e unha absoluta falta de respecto cara os pacientes, que día a día están a sufrir os recortes máis brutais por parte do goberno da Xunta, que ousa volver xogar coa saúde e coa vida da xente sen importarlles o que lles poida ocorrer".

“ É indecente esta falta de sensibilidade e empatía cos mariñás e mariñaos. Os mesmos que din estar ao carón da xente para procurarlle máis e mellores servizos minten descaradamente e abandoan á súa sorte aos pacientes. Lembrámoslles que pode volver ocorrer o que pasou cos pacientes que padecían hepatite B, aos que se lles negou o acceso á medicación que curaría a súa enfermidade conducindo esta decisión á súa morte”, alertan desde o colectivo sanitario.

A Plataforma Sanitaria advirte tamén que os cidadáns están a "ter moita paciencia cos responsables da política sanitaria de Galicia, que día a día ven como as súas xustas demandas están a caer en saco roto e co agravante de que xogan coa vida das persoas a sabendas do que fan". Por iso, avisan, "que non descarten que os pacientes pasen polos xulgados, como se ven indicando de xeito moi claro nas reclamacións que se presentan”, conclúe a Plataforma Sanitaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Vaiapolavirxe

Pois se queren pasar polos xulgados que pasen, pero alí tamén están como están. A teima do PP é a aniquilación dos servizos públicos. Sexan cales sexan.