Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2018 | Actualizada ás 14:40
O eurodeputado do PPdeG, Francisco Millán Món, destacou que os populares tentarán conseguir que os orzamentos europeos que se aprobarán o próximo ano "sexan beneficiosos" para Galicia pese ao recorte do 5% que se prevé nos fondos totais da Política Agraria Común (PAC) e do 7% nos de cohesión.
Acompañado polo portavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, o europarlamentario mantivo este venres un encontro cos xornalistas en Santiago de Compostela, aos que trasladou que a redución nestas partidas é un dos elementos que máis lle "preocupa" da proposta de Marco Financeiro Plurianual presentada recentemente polo presidente da Comisión Europea (CE), Jean-Claude Juncker.
"Europa terá que afrontar novos retos con menos contribuíntes debido á inminente saída do Reino Unido da Unión europea", sinalou Francisco Millán Mon, que destacou que haberá que gastar máis "en política de Defensa e control migratorio" á vez que "se duplican" os recursos destinados ás bolsas Erasmus. "Novas necesidades de gasto pero menos recursos: 12.000 millóns menos como consecuencia do Brexit", apuntou.
Con todo, confiou en que esta redución non "sexa prexudicial" para Galicia tendo en conta que á hora de repartir os fondos de cohesión non só se terá en conta o PIB rexional senón outros criterios cos que a Comunidade galega pode saír beneficiada. Entre outros, Millán Mon explicou que Europa terá en conta o desemprego, especialmente a súa incidencia entre os mozos, un criterio complementario que tanto a Galicia como a España "pode beneficiar".
No encontro cos medios, ademais, Millán Mon mostrouse crítico coa acción da Comisión Europea en relación á loita contra o declive demográfico. "Gustaríame que houbese máis coraxe, unha linguaxe máis contundente na loita contra este problema, que é unha das grandes preocupacións da Xunta e do Goberno do Estado", sinalou.
PESCA
Outra cuestión na que incidiu o eurodeputado do PPdeG foi a xestión política nas institucións europeas en beneficio do sector pesqueiro galego. Así, mostrouse satisfeito pola inclusión dos intereses de Galicia nos traballados para elaborar o regulamento de medidas técnicas deste sector, que "refundiría 30 textos distintos".
En materia de pesca, tamén incidiu na importancia dos acordos con terceiros países para a frota galega, que "necesita de augas doutros países para levar a cabo as súas tarefas extractivas". Neste punto, cualificou de fundamental os de Guinea Bissau, Marrocos ou Mauritania.
Ademais, valorou posibles tratados comerciais con Australia e Xapón e considerou necesario recibir con "cautela" un posible convenio con Tailanda, importante exportadora de conservas, para que non prexudique ao sector galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.