Hostalaría, o precariado amplificado

O verán é o momento en que persoas desempregadas, estudantes e xente nova que busca o seu primeiro traballo, aumentan as filas de contratacións na hostalaría. Contratos temporais a media xornada que logo se traducen en salarios mínimos e horarios extensos.

Por Moncho Mariño | Santiago | 20/05/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Non se aguanta” di Marta, unha das moitas persoas que traballou o verán pasado na hostalaría. “Era un local pequeno, fóra da cidade, estiven todo o verán porque necesitaba cartos, pero aquilo non se aguantaba”. A ela non lle importa dar o seu nome “mentres non digas nada máis de min”, todo porque ao mellor volve necesitar o posto este mesmo verán. “Traballaba de martes a domingo, en principio catro horas para axudar a poñer as mesas, atendelas e logo recoller” pero finalmente “acabei traballando máis horas, ás veces acababa á unha, dúas e logo volver para a casa en coche, esa é outra, porque debín gastar en gasolina case a metade do que gañei”.

Terraza en Santiago de Compostela
Terraza en Santiago de Compostela

Hai historias semellantes dentro do mundo conformado polas persoas que traballaron de maneira temporal na hostalaría. A cuestión é que este campo laboral moitas veces non reúne as condicións laborais e contractuais que se deberan ofrecer segundo os convenios laborais. Uns convenios que funcionan a “medio gas” debido a que nestes momentos só os de Pontevedra e Coruña parecen ser os máis dinámicos mentres que Ourense e Lugo xa están caducados.

CONDICIÓNS

“O que sucede no verán é que a xente fixa ou que xa leva tempo traballando colle vacacións, entón contráse persoal novo para cubrir eses ocos” di Marta. Pola súa experiencia pode dicirnos que “nos locais grandes teñen persoal fixo con prazas cubertas, pero se vas traballar a locais máis pequenos temos máis horas do que falaches, máis traballo que as tarefas que che dixeron e logo o salario é moi baixo en comparación coas tarefas que fas”.

As xornadas poden extenderse das catro ou seis horas ata as dez ou doce. Normalmente as xornadas de traballo son partidas, co que poderiamos falar de acabar de dúas a catro horas máis do estipulado. Hai traballadoras e traballadores que poden estar “empatando”,  mesmo facendo fins de semana co que estarían traballando ininterrompidamente sen días libres. “Iso ocorre máis nos locais pequenos, hai  menos días libres porque non poden contratar máis persoal, pagan menos porque normalmente non teñen os resultados que esperaban, ou iso din moitas veces, que non lles dá” responde Marta.

Os horarios longos supoñen moitas veces a caída no rendemento das traballadoras e traballadores. Isto podería supor un risco mesmo para a saúde e integridade de empregados e empregadas. Por outra banda, as inspeccións de traballo segundo fontes do sector “só piden o DNI, que esteas dado de alta na Seguridade Social e despois non preguntan nada de horarios por exemplo”. Pero a pesar disto, no sector séguese empregando persoas sen contrato. “Normalmente son xente que chaman para reforzar un servizo como unha voda, unha fin de semana ou cando son as festas do lugar” afirma outro traballador que non dá o seu nome. Sobre os riscos laborais “si hai cursos de prevención por parte  de empresas externalizadas que ofrecen unhas horas sobre prevención e medidas de seguridade”.

Desde a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría da Coruña (APEHC), o seu presidente Héctor Cañete di “as prácticas abusivas son cada vez menos no noso sector, e nós, dende a Asociación, traballamos para que así sexa. A lei é clara e todos temos que cumprila. Abusos hai en tódolos sectores, pero entre todos os correximos”.

CONTRATACIÓN E CONVENIOS

“Normalmente os contratos asinados son precarios e a tipoloxía contractual depende do convenio laboral provincial para ese sector” di José Antonio Boullosa, de UGT Galicia. Sobre a contratación de falsos autónomos, “existe sobre todo no sector de reparto de produtos para fornecer os locais de hostalaría e tamén se dá bastante no sector dos eventos puntuais” puntualiza Boullosa. Sobre o perfil que se busca contratar Boullosa di que “tanto ten a idade ou os coñecementos sobre a profesión, están chegando persoas doutros sectores como o da construcción por exemplo, que levan tempo sen traballo” o que leva a unha desprofesionalización da hostalaría.

Aínda que a APEHC recoñece que si están chegando profesionais doutros sectores, din que desde a patronal e o empresariado se están poñendo os recursos necesarios para a reciclaxe destas persoas. “Por suposto que temos constancia destes feitos. Somos os primeiros que tentamos poñerlle freo. E ese freo pasa pola formación, como facemos na nosa Escola de Hostalaría Álvaro Cunqueiro. O que falta é formación, pero o modelo está a mudar. E o notamos porque a Escola traballa arreo todo o ano o 110% da súa capacidade”.

Hai modalidades contractuais no sector que van desde a contratación diaria, alta e baixa na Seguridade Social no mesmo día, cousa que no caso de non poder asistir un día é probable que ese ou esa traballadora non volva ser chamada. Neste tipo de contratos é frecuente introducir todas as variables, como por exemplo a parte proporcional das vacacións, que realmente non se tiveron. Outro tipo frecuente é por obra e servizo. Aquí non se paga a parte correspondente aos descansos que tampouco se realizan. 

Os convenios laborais son un tema que tamén ten o seu. “A día de hoxe o mellor convenio laboral da hostalaría é o da provincia da Coruña e pola contra, o de Lugo leva sen renovarse desde 2001” apunta Leo Cruz desde a Central Unitaria de Traballadores (CUT). “Nos últimos anos na provincia da Coruña conseguimos que se subisen os salarios, pero as nocturnidades reduciron o seu abano temporal, é dicir, restáronlles horas para non ter que pagar máis” di Leo Cruz.

Preguntado o presidente da  APEHC sobre a cuestión dos convenios, Héctor Cañete di descoñecer o punto sobre as nocturnidades “A verdade é que non me consta que no último convenio colectivo apareza iso en ningún epígrafe. No seu día, negociei os convenios colectivos, dende A Coruña, e cos sindicatos sempre se fixo de forma amigable. Seguimos na mesma liña”.

Sobre a cuestión salarial e a súa repercusión nos beneficios para o empresariado hostaleiro “entre os anos 2016 e 2017 o sector tivo os mellores resultados económicos dos últimos quince anos en Galicia” di Transi Fernández da CIG servizos. “O empresariado é reticente á transformación dos contratos e isto está levando a unha desprofesionalización do sector” remarca Fernández.

Actualmente na provincia de Pontevedra estase tentando levar adiante a negociación do convenio. Por que existe esa diferenza entre provincias? Por que no caso da provincia da Coruña o Camiño de Santiago e o feito de ter tres das sete grandes cidades dálle un peso máis forte á hostalaría que nas outras non ten. Como din fontes do sector “se chegamos a ter unha folga en toda a cidade de Santiago durante o verán, todo isto afunde, moitos negocios terían a tempada arruinada”.

CONSECUENCIAS

A contratación de persoal sen cualificación, desde traballadores e traballadoras desempregadas procedentes doutros ámbitos laborais, estudantes que buscan un salario para manterse durante o curso, está afectando ao sector no sentido de “que ao non contratar profesionais, a categoría laboral reflectida no contrato ou a efectos da Seguridade Social, é a de auxiliar de camareiro” afirma Transi Fernández, “e así temos persoas que levan anos e anos como auxiliares sen que podan subir de categoría profesional”.

Por outra banda, nos últimos anos tamén se deu a circunstancia da apertura de locais logo de que os seus propietarios, polos motivos que fosen, decidisen investir diñeiro nun bar, nun restaurante ou nun negocio semellante. “O que aparece é un empresariado inexperto que se meteron a autónomos e logo non souberon facelo ben, que abriron sen ter coñecementos e que pensaban que a hostalaría non era un oficio tan escravo” reflexiona Transi Fernández.

Sobre o achegamento de persoas doutros sectores para traballar na hostalaría, Héctor Cañete reflexiona: “Moitos dos que nos piden traballo veñen doutros sectores, como a construción, que deriva moito persoal cara a hostalería, e hai que formalo de maneira correcta. O noso sector xera miles de postos, pero hai que dotalos de calidade”.

Sobre salarios, actualmente todo depende, xa se dixo, dos convenios, pero poden variar tanto como o desexe o empresario ou empresaria. Poden ir desde 800 para axudante de camareiro en Pontevedra a pouco menos de 900 segundo as categorías en Coruña. Lugo eu Ourense son as provincias cos salarios máis baixos. O promedio salarial en Galicia non chega aos 900€, e segundo datos de consultoras privadas, é un 12% máis baixo que o promedio estatal.

O caso é que a hostalaría en Galicia supón o 20% do seu PIB, superando mesmo a industria. “Con 3.000 bares só en Santiago xeramos aproximadamente o 12% do PIB. Isto fai uns 9.000 postos de traballo directos e moitos miles indirectos. Toda a economía está moi vencellada á hostalaría e, día tras día, vémolo nas cifras de contratación. Somos os únicos que contratamos e xeramos emprego” di Héctor Cañete. Pero este fenómeno podería ter consencuencias como apuntaba o expresidente da Xunta González Laxe, que virar cara a hostalaría como sector maioritario dentro do PIB non crea un marco dinámico economicamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta