Galiza ten dereito: aprofundemos a Democracia!

A chave para saírmos desta é aprofundármonos na Democracia, considerando que a Democracia non debe ser un acto ritualizado de votar cada 4 anos, senón o exercicio permanente do poder por parte das maiorías sociais.

Por Xosé Mexuto | A Coruña | 09/03/2011

Comparte esta noticia

Non é só a economía a que está en crise, é sobre todo o sistema de representación política nas condicións do capitalismo serodio. A pergunta aquí é a quen representan parlamentos e gobernos. Se a resposta é que maioritariamente xa non representan o pobo (nin sequera nun plano formal), entón estamos chegando á nai do año. En Democracia as políticas por definición non poden ser impopulares ou, por mellor dicir, antipopulares. Ninguén se ataca a si mesmo. Se o poder ataca o pobo, entón é que o pobo non ten o poder. E se o pobo non ten o poder, que Democracia é esa?

É mellor non andármonos moito con eufemismos: a conquista da Democracia é neste momento unha tarefa indisolubelmente unida á derrota do proxecto neoliberal. Sen aquela esta non será posíbel. E para materializar esa conquista da Democracia o que cómpre é activarmos todos os resortes da participación social na vida pública. Que o pobo adquira conciencia de que si quere, pode; de que si está, de que si comparece, non haberá maneira de o engaiolar. O pobo, se quere, será quen máis ordene.

En Galiza só o nacionalismo aposta pola participación social. Non é unha aposta táctica nin oportunista. A forma de ser do nacionalismo é esa -unha forza de goberno, si, pero unha forza de loita social tamén-. O nacionalismo en Galiza ou é participación popular na organización da sociedade ou non será.

Este domingo 13 de Marzo, BNG e CIG convocan unha manifestación moi importante para o futuro imediato do noso País -baixo o lema Galiza ten dereito, en defensa do Aforro, o Emprego e o País-, unha excelente oportunidade para participarmos na vida pública do País e para expresarmos con clareza que as cousas non poden continuar así e que é preciso unha viraxe radical, unha mudanza profunda, un novo rumo para a nosa nación.

Non podemos continuar así, baixo políticas ditadas por poderes oligárquicos que desprezan a Galiza e ás súas maiorías sociais, poderes que baixo a camisola socialdemócrata ou conservadora lexislan desde Madrid ou Santiago contra os os intereses do pobo galego.

É tempo, en fin, de que o demos galego tome o mando e a palabra e faga real no noso País a Democracia.

Interésanos a tod@s, coa soa excepción dos oligarcas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Mexuto É xornalista e responsábel de comunicación do BNG, onde traballa no gabinete de comunicación dende 1996. Foi xefe de prensa do BNG no Congreso dos Deputados no período 1996-2003. Antes da súa incorporación ao BNG, Xosé Mexuto traballou nas redaccións de El Ideal Gallego (1987-1988) e La Voz de Galicia (1989-1996). Foi tamén correspondente da axencia Efe na cidade de A Coruña. Ten colaborado con A Nosa Terra e Xornal de Galicia. É coautor, con Jesús Flores, de "A Historia do Deportivo" (Edicións Xerais, 1993). En Xullo de 2006 publicou "A nación galega existe. Conversas con Francisco Rodríguez", obra sobre o líder da UPG.