"Chámome Beatriz e, como tantas outras nais, sei o que é dar a luz a un neno sen vida"

Unha verinesa que perdeu á súa filla pide no Congreso un protocolo hospitalario de morte perinatal. Leva máis de 225.000 firmas para evitar que "moitísimas mulleres" non pasen pola súa experiencia "traumática".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2018 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

Un protocolo hospitalario específico para nais que dan a luz a nenos falecidos é a petición que realiza no Congreso Beatriz Rodríguez, unha muller natural de Verín (Ourense) que perdeu á súa filla na 41ª semana de embarazo e que, posteriormente, foi ingresada "na mesma planta" que o resto de nais e "sen axuda psicolóxica".

Petición de Beatriz Rodríguez en Change.org que pide un protocolo en caso de morte perinatal
Petición de Beatriz Rodríguez en Change.org que pide un protocolo en caso de morte perinatal

Así o contou nunha entrevista con Europa Press este martes, mesmo día no que se reúne coa deputada do Grupo Popular María Teresa Angulo e co parlamentario socialista Jesús María Fernández Díaz para trasladarlle o seu caso e pedir, co apoio de máis de 225.000 firmas da plataforma Change.org, a creación dun protocolo hospitalario de morte perinatal.

"Chámome Beatriz e, como tantas outras nais, sei o que é dar a luz a un neno sen vida. Este é un tema do que apenas se fala, porque é duro, porque desagrada e porque ninguén sabe que dicir, pero é unha realidade. A morte perinatal existe e a quen a sufrimos axudaríanos moitísimo que se aplicase un protocolo de actuación específico nos hospitais nos que damos a luz. Non quero que ningunha muller pase polo que tiven que pasar eu", conta na recollida de firmas.

E é que, segundo explicou, "soamente determinados hospitais" dispoñen de directrices nestes casos. "Non hai axuda psicolóxica especializada, non hai axuda para os familiares, ponnos no mesmo lugar onde están outras mulleres tendo aos seus nenos... Psicoloxicamente iso é moi duro", expresou.

"DIXÉRONME QUE TODO ESTABA BEN"

O 7 de decembro de 2016, durante a semana número 41 do seu embarazo, Rodríguez acudiu ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuou) para facerse unha proba basal, un procedemento que se realiza para comprobar o estado do feto antes do parto. "Dixéronme que estaba todo ben", asegura.

Segundo o seu relato, acudía a entregar os resultados ao servizo de urxencias cando decidiu ir ao baño. Nese momento, Rodríguez atopou na súa roupa interior o que define como "un tapón amarelo". "Pregunteille á enfermeira se iso era normal e díxome que mo mirarían", prosegue.

Durante as probas que lle realizaron a continuación, a verinesa asegura que a xinecóloga "se empezou a pór nerviosa porque non lle atopaba o latexado á nena e preguntoume cando fora a última vez que me fixo un basal". "Fai dez minutos, e estaba todo normal", respondeu.

"NON TIVERON COMPAIXÓN"

Entón, a doutora certificoulle a morte da nena e, despois de máis dun día "con contraccións e sen axuda psicolóxica", tivo á nena nun parto "normal", a pesar de que lle practicaron unha "cesárea inútil".

Ademais, Rodríguez denuncia que, despois de dar a luz, foi ingresada durante un mes "na mesma planta" que o resto de mulleres. "Non tiveron nin compaixón nin nada, viñan as nais cos seus nenos, pedinlles que me quitasen de alí e dixéronme que non podían", sentenza.

"Caéuseme o pelo, tardaron máis de 15 meses en entregarme a autopsia, que se contradi co parto, pedíronlle unha proba de paternidade á miña parella... todo foron aberracións", declarou a verinesa, quen tamén asegura que "xa existe" unha denuncia presentada "polo penal e polo administrativo".

UNHA EXPERIENCIA "TRAUMÁTICA"

Esta experiencia, que Rodríguez cualifica como "traumática" case ano e medio despois, é algo que, nas súas palabras "está a pasar a moitísimas mulleres hoxe en día e desde fai 30 ou 40 anos". "As persoas que che atenden nun parto perinatal ou neonatal poden ser grandísimos profesionais, pero nestes casos é necesario que, ademais, estean especificamente formados sobre que necesitan uns pais que acaban de dar a luz a un bebé sen vida", escribe Rodríguez en Change.org.

Por todo iso, o documento coas máis de 225.000 foi levado ao Congreso este martes e será presentado este mércores ante o Ministerio de Sanidade. "Tento cambiar algo para que a miña filla non morrese en balde", expresou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Finezza

Moitos animos. A compaixon non e un dos puntos fortes do noso sistema sanitario agas casos contados. Compre mellorar e moito neste aspecto. Sei que un e ou non e compasivo pero creo que a formacion en comunicacion cos pacientes eeten familiares ten que mellorar moito.