Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/05/2018 | Actualizada ás 14:00
A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) ven de presentar alegacións ao borrador do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, en proceso de información pública por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia. Segundo esta sociedade científica, o plan "pon en risco" este espazo.
A SGO considera que "o documento presenta "importantes eivas na diagnose dos valores naturais do Parque Nacional, ao incluír datos obsoletos e ignorar todo o coñecemento existente xerado nos últimos anos". Así, indica que á hora de avaliar o estado de conservación da especie emblemática e un dos principais valores de conservación do Parque Nacional, o corvo mariño cristado, o PRUX presenta datos con nada menos que trece anos de antigüidade.
"Isto é especialmente grave por canto desta maneira non se ten en conta o grave descenso poboacional desta especie nas Illas, que acada o 55% na última década e implica a consideración de «en perigo de extinción» no ámbito do Parque Nacional", alerta a SGO.
Os ornitólogos recordan ao Goberno galego que o coñecemento sobre o delicado estado de conservación desta especie procede de estudos que foron malia o cal, lamentan, "son ignorados á hora de elaborar o PRUX e aplicar as correspondentes medidas de xestión".
Así, denuncian que "o PRUX renuncia a avaliar e propoñer medidas para reducir un dos principais impactos existentes actualmente no Parque Nacional: a saturación de artes de enmalle nas augas", o cal "probablemente está a provocar unha elevada mortandade desta especie protexida pola lexislación autonómica".
A Sociedade Galega de Ornitoloxía tamén censura que "o PRUX reincide na vocación eminentemente turística do espazo protexido, obviando os seus principais obxectivos de conservación e mesmo poñéndoos en risco".
A sociedade ornitolóxica considera "especialmente preocupante a desprotección de áreas de elevadísimo interese ambiental nas Illas de Ons e Sálvora", Zonas de Reserva desde a declaración do Parque Nacional e que co novo PRUX pasan a ter a consideración de Zonas de Uso Restrinxido, o cal, alertan desde a SGO, "implica unha menor protección e a apertura ao seu uso público e turístico".
"A desprotección destas zonas non responde a ningunha demanda social, pon en grave risco algúns dos principais valores naturais das Illas (hábitats e zonas de nidificación de especies ameazadas) e provoca que a inclusión destas Illas no Parque Nacional careza de sentido, posto que non garante a súa conservación nin permite cumprir os obxectivos deste tipo de espazos, os máis relevantes en termos de conservación da biodiversidade a nivel estatal", argúe a SGO.
Por todo isto, solicita un "compromiso real" da Xunta de Galicia coas Illas Atlánticas e a súa riqueza natural, a través da elaboración dun PRUX "de calidade, rigoroso e efectivo", para "garantir a súa conservación, obxectivo fundamental dun Parque Nacional e ao que debe estar supeditado calquera outro tipo de interese sectorial ou particular", conclúe a SGO.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.