Protestas polo peche de oficinas da Seguridade Social na Coruña e a "privatización" de servizos

O persoal alerta de que os peches de varias oficinas de atención ao público afectan a unha poboación total de máis de 300.000 persoas de varios concellos, dos que 120.000 son traballadores afiliados e de alta na Seguridade Social, correspondentes a máis de 10.000 empresas. Desde 2001 foron suprimidos un 20% de postos de traballo nestes servizos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/05/2018 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

O persoal da Seguridade Social, a Xunta de Persoal da Administración Xeral do Estado e o Comité de Empresa convocan unha concentración este martes contra o peche de varias oficinas de atención ó público da Seguridade Social da Coruña. A protesta terá lugar ás 12:30 horas diante da oficina da Tesourería Xeral da Seguridade Social, sita en Rafael Alberti 11 (preto da fonte de Paxariñas e unha das que está previsto pechar). Ante a decisón unilateral da direción deste organismo, o persoal quere reclamar que "non se pechen oficinas que atenden a un gran número de persoas da nosa cidade e dos concellos limitrofes, e non se supriman máis postos de traballo tan precisos nestes tempos".

Oficina da Seguridade Social na Ronda de Nelle
Oficina da Seguridade Social na Ronda de Nelle | Fonte: Google Maps.

O pasado día 9 de febreiro, a directora provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social na Coruña (TXSS) convocou á representación do persoal a unha xuntanza para comunicar o peche das oficinas ubicadas na rúa Ronda de Nelle (Administración 1) e Rafael Alberti (Administración 2), para a súa posterior integración na oficina ubicada na Praza de Vigo (Administración 7).

Na actualidade, nestas oficinas estase a atender á poboación e empresas radicadas nos distritos postais do 15005 ao 15011 da Coruña e nos concellos de Bergondo, Miño, Monfero, Oleiros, Sada, Vilarmaior, Abegondo, Aranga, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Oza-Cesuras, Paderne, Sobrado e Vilasantar, afectando a un conxunto de poboación total de máis de 300.000 persoas, dos que 120.000 son traballadores afiliados e de alta na Seguridade Social, correspondentes ás máis de 10.000 empresas afectadas.

A xestión que, ate o de agora, se estaba a levar nestas oficinas derivaríase cara a Administración número 7, con sede no edificio da Dirección Provincial da Praza de Vigo; onde se trasladaría unha parte do persoal afectado polos peches, concentrándose o resto da xestión nunha nova oficina que “de xeito provisorio” se ten previsto radicar na rúa Fernando Macías, onde sería derivado o resto do persoal obrigado a trasladarse.

Logo de informar do proxecto ao persoal afectado, procedeuse a unha recollida de sinaturas onde se manifestaron “en contra da supresión ou traslado das administracións da TXSS da cidade da Coruña, dado que o obxecto polo que foron creadas era cumprir co principio de cercanía e inmediatez na prestación de servizo ó cidadán". O persoal entende que "a ubicación que teñen as devanditas oficinas nestes intres é a idónea, xa que vai en sintonía coa distribución dos códigos postais atribuídos ás mesmas en función da cercanía dos asegurados", amosándose "en desacordo coa amortización de prazas que se pretende levar a cabo coa supresión e traslado das Administracións”.

Nunha nova reunión mantida coa directora provincial da TXSS o día 6 de abril, trasladáronlle o malestar que a medida prevista está a provocar entre o persoal afectado, facéndolle saber que estaban en "total desacordo" coas medidas previstas no proxecto presentado, ademais de subliñar que o previsto neste proxecto non concordaba coas propostas recollidas no informe da Inspección de Servizos da Dirección Xeral da TXSS de febreiro do ano 2014, no que, atendendo á calidade do servizo que se pretende prestar, se propuña o mantemento dunha das dúas administracións que agora se pretenden pechar, preferentemente da radicada na rúa Rafael Alberti (Zona Paxariñas), por “gozar dunha boa ubicacion, atoparse fronte o edificio administrativo da Xunta de Galicia e estar mais lonxe da Dirección Provincial, e non ter así concentradas nunha pequena distancia as Administracións".

DESMANTELAMENTO E PRIVATIZACIÓN

Visto o acontecido durante este tempo, e "ante a negativa da directora provincial da Tesourería na Coruña a buscar un entendemento que evite un deterioro no servizo e empeore as condicións de traballo do persoal", dende os órganos de representación (Xunta de Persoal e o Comité de Empresa) expresan o seu "total apoio" ás demandas do persoal afectado polo proxecto de supresión, traslado e integración de Administracións. Coincidindo coa opinión destes, consideran que "non existen motivos obxectivos relativos ás necesidades de xestión nin problemas de persoal que recomendan unha medida traumática desta índole, entendendo que a desaparición de calquera oficina dun organismo público supón unha perda na calidade do servizo".

"Queremos denunciar que este proxecto ten como único obxectivo avanzar na política de desmantelamento dos servizos de atención presencial, privatización dunha boa parte destes servizos, o peche das oficinas e a amortización dos postos de traballo, derivando unha boa parte da xestión presencial que, até o de agora, veñen facendo os empregados públicos que prestan servizo nestas oficinas cara a un modelo de Administración Telemática sen ter en conta as persoas que, por diferentes motivos (idade, accesibilidade, etc.), non poden realizar este tipo de xestión, onde os servizos son prestados ou atendidos, en gran medida, por empresas privadas", expoñen.

A este respecto, subliñan que dun total de 396 efectivos cos que contaba a dirección Provincial da TXSS na Coruña a data de decembro de 2011, pasouse a unicamente 326 (datos a decembro de 2017), isti é, unha perda, en termos absolutos, de 70 persoas, supondo un recorte de máis do 20% respecto do actual cadro de persoal.

Polo exposto, dende a xunta de persoal e o comité de empresa iniciarán medidas para seguir mantendo o servizo ao cidadán tal e como está nestes intres. Para isto, ademais da denuncia pública, solicitarán o apoio dos colectivos e institucións involucradas, demandando dos partidos políticos con representación nos concellos onde residen os usuarios afectados polos peches que aproben resolucións contrarias a supresión e traslado do servizo, ao mesmo tempo que promoverán actos de protesta do persoal afectado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta