Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2018 | Actualizada ás 14:08
En declaracións aos medios este mércores, Santiago Villanueva lembrou as últimas informacións relativas á explosión dun almacén ilegal en Tui, cuxo propietario, dono tamén dunha empresa de pirotecnia, foi enviado a prisión sen fianza este martes após ser detido por segunda vez ao ser descubertos outros almacéns irregulares.
Villanueva mencionou que había máis de mil quilos de material explosivo no almacén e non unicamente material inerte. Ademais, atribuíu á investigación aberta pola Garda Civil a raíz do suceso, que cobrou dúas vidas, o feito de que se "detectaron" outros dous almacéns ilegais con máis de 1.600-1.700 quilos de material explosivo.
O delegado do Goberno, que volveu a apelar á colaboración cidadá sobre o coñecemento que poida ter sobre almacenamentos con explosivos, defendeu que as empresas de pirotecnia están "moi reguladas" e contan cunha normativa que implica "unha chea dean controis: de almacenamento, manipulación, acceso, venda e medidas de seguridade".
Dito isto, lembrou que se iniciou unha revisión de todas as instalacións, que se fan de forma ordinaria, e desexou que "non se volva a producir" unha situación como a vivida a semana pasada no municipio pontevedrés. "A partir de aí, seguiremos traballando por que se continúe a investigación, por se se detecta algún outro almacenamento", apuntou.
NEGA QUE HOUBESE FALLOS EN CONTROIS
Ademais de agradecer á Garda Civil o seu labor, Villanueva negou que houbese fallo nos controis. "Non, porque o que se controla por parte da Garda Civil son as instalacións legais", sinalou, antes de lembrar que Galicia conta con numerosos núcleos de poboación e pode almacenarse de forma irregular este material en "calquera garaxe ou galpón". Villanueva defendeu que os controis se realizan como "en calquera ámbito de actuación" --como o sanitario-- e insistiu en que "unha actividade ilegal non pode estar controlada" per se.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.