A cruda realidade da pandemia da Covid: ansiedade, depresións e problemas familiares

A psicóloga María Carpallo lembra que "un 43,4 % da xente que chamaba non se atopaba en ningunha situación con respecto á covid, tan só precisaba usar o teléfono porque tiña malestar emocional por estar na casa". Un 66,8 % chamaban por sintomatoloxía de ansiedade; un 30,5 % por sintomatoloxía depresiva; e un 13,9 % por problemas familiares.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A atención psicolóxica prestada durante a crise do covid precisaba ser analizada dalgunha maneira, para ver se realmente fora efectiva e se sería útil de cara a futuras crises ou habería que mudar certos aspectos da mesma. En marzo de 2020 foi cando se decretou o estado de alarma e tamén cando os colexios oficiais en coordinación co Consello Xeral de Psicoloxía crearon o teléfono de atención á poboación xeral. Co apoio de Fundación Maphre e Psicofundación varios investigadores realizaron unha análise da efectivade deste teléfono que foi desgranada pola psicóloga María Carpallo González durante o I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias celebrado en Santiago a pasada semana.

Un neno usa o teléfono móbil e unha tablet
Un neno usa o teléfono móbil e unha tablet | Fonte: Eduardo Parra - Arquivo

Tal e como lembra Carpallo, "nun principio este teléfono estaba dirixido á poboación xeral afectada por covid, non só que o estivesen padecendo, senón tamén xente que tiña familia contaxiada á que estaba coidando, xente á que lle falecera un achegado, xente confinada ou xente que o estaba pasando mal polo propio confinamento, e mesmo xente que estaba en tratamento psicolóxico e que por culpa da covid quedara sen ese tratamento". Acadáronse un total de 30.000 intervencións telefónicas, sendo "o dispositivo máis grande que se fixo a nivel nacional en coordinación de todos os colexios". Delas, a análise puido contar cos datos proporcionados por dez colexios de psicoloxía, pois non todas as comunidades participaron, aínda que a galega si, aportando a información de 723 chamadas recibidas (por exemplo, o de Madrid fixo 4.587 e o total de todos os colexios participantes foi de 10.119 chamadas).

Carpallo asegura que "foi todo un reto, xa que cada colexio tiña a súa propia forma de recollida de datos, algo que había que unificar". Polo que respecta ao xénero, a maioría das chamadas realizadas foron por mulleres, que fixeran o 71,2 % das mesmas, fronte ao 28,2 % realizadas polos homes. Por franxas de idade, a persoa máis nova que chamou a este telefóno de atención psicolóxica tiña 7 anos, mentres que a máis maior tiña 99. O grupo de idade que máis fixo uso do teléfono foi o de 36 a 50 anos (33,7 % das chamadas), seguido polo de 51 a 65 (27,8 %). Por outra banda, como explica Carpallo, "había moitos colexios que non recollían a información de en que situación estaba a persoa que chamada respecto á covid, pero si que houbo algúns psicólogos que a apuntaron".

"UN 43,4 % DA XENTE QUE FIXO USO DO TELÉFONO NON SE ATOPABA EN NINGUNHA SITUACIÓN RESPECTO Á COVID, SÓ TIÑA MALESTAR POR ESTAR NA CASA"

Deses datos puido extraerse que un 8,4 % das chamadas foran realizadas por enfermos de covid; un 11 % por ter soportado a morte dalgún familiar a causa da covid; un 9,6 % de chamadas foran realizadas por unha persoa maior que se atopaba soa; e un 8,3 % eran chamadas feitas por persoas con discapacidade dalgún tipo. Aínda que as variables non eran excluíntes entre si, de tal xeito que unha persoa podía estar enferma de covid e ao mesmo tempo estar sufrindo porque lle falecera a raíz da enfermidade un achegado. Con todo, o máis chamativo era que a pesares de que se trataba dun teléfono de atención dirixido a problemas de saúde mental relacionados coa covid, como destaca Carpallo, "un 43,4 % da xente que chamaba non se atopaba en ningunha situación con respecto á covid, tan só precisaba usar o teléfono porque tiña malestar emocional por estar na casa".

Home cun móbil
Home cun móbil | Fonte: Arquivo

Ademais, "nun 25,2 % dos casos a xente chamara máis dunha vez", porcentaxe que de seguro puido ser superior, porque "hai que ter en conta que só anotaban que chamara a mesma persoa se tocaba que o psicólogo que a atendera lle volvía a coller a chamada ou lle recoñecía a voz, as demais non se anotaban, se atederan ao paciente, por exemplo, dous psicólogos diferentes". E por que motivos chamaban as persoas que non o facían directamente por problemas relacionados coa covid? Pois un 66,8 % chamaban por sintomatoloxía de ansiedade; un 30,5 % por sintomatoloxía depresiva; un 13,9 % por problemas familiares; un 9,5 % por problemas co sono; un 8,5 % por necesidade de asesoramento; e mesmo podía haber sintomatoloxías combinadas.

Finalmente, a través deste teléfono de atención psicolóxica derivouse un 23,7 % dos casos a outros servicios, xa fose a Atención Primaria (nun 18,9 % dos casos), atención especializada (nun 27,4 %) ou ao hospital (nun 17,2 %). E naqueles nos que se realizou intervención directa por parte dos psicólogos (7.303 chamadas) houbo tres niveis de intervención: no inicial e máis básico (aplicado a 4.365 chamadas, o 59,8 %) recorríase á ventilación, á validación emocional e á escoita activa; no seguinte nivel (aplicado a 5.532 chamadas, o 75,7 %) xa se daba á persoa recursos de apoio emocional, pautas de autocoidado como apagar a televisión e procedíase á derivación en caso de ser preciso; e nun terceiro nivel de intervención (aplicado a 3.533 chamadas, o 48,4 %) optábase pola xestión emocional e o afrontamento. Pero tamén houbo un 35,8 % das persoas que precisaron ser intervidas pasando polos tres niveis.

ENQUISA 12 MESES DESPOIS: "A PORCENTAXE DE POBOACIÓN MEDICADA ERA SUPERIOR Á QUE TIÑA SÍNTOMAS"

Aos 12 meses da chamada realizouse un seguimento das persoas que recorreran ao teléfono de atención psicolóxica dos colexios de Galicia, A Rioxa, Murcia e Valencia. En total realizáronse 337 seguimentos: no caso de Galicia foron 164 as persoas que deron o seu consentemento. Case do mesmo xeito que nas persoas que chamaran durante a covid, o 73,3 % das enquisadas eran mulleres e o 26,7 % eran homes. Neste caso a franxa de idade que máis crecera era a dos 51 aos 65 anos (un 33,5 % das chamadas), chegando á mesma porcentaxe que a de 36 a 50 anos (tamén un 33,5 %). Como explica Carpallo, nese intre "as cousas xa cambiaran: xa había moi pouca xente traballando en contacto con enfermos de covid (1 %), xa había menos contaxiados (o 45,9 % estaban sáns) e a vacinación ía en aumento (51 %) a pesares de ser enquisas realizadas ao comezo da campaña". 

O máis relevante foi que ao preguntarlle ás persoas como se sentiran durante o confinamento, o 90 % dicían que mal ou moi mal, fronte a solo un 6 % que o estaba levando mellor. Un ano despois de ter pasado a crise, a porcentaxe de xente que se atopaba de forma máis normal ou máis positiva era moito maior. Con todo, un 35,1 % da xente aseguraba ter síntomas de depresión, un 38 % dixo que tiña síntomas de ansiedade, mentres que un 33,8 % aseguraba ter sufrido ataques de pánico nas últimas dúas semanas antes da enquisa.

Ao preguntarlle aos enquisados sobre o consumo de medicación, "a porcentaxe de poboación medicada era bastante superior á xente que dicía na enquisa que tiña síntomas": un 50,4 % aseguraban estarse medicando fronte á ansiedade (cando só o 35,1 % aseguraba ter síntomas na enquisa), un 50,1 % para poder durmir e un 43,9 % por padecer depresión (cando só un 38 % dicía na enquisa ter síntomas). Para Carpallo isto é algo que "tamén axuda a ver o uso abusivo que a día de hoxe se chega a facer da medicación". Finalmente, Carpallo destaca que un 92,3 % considera que a atención recibida dende o teléfono durante a covid foi útil.

MÁIS DE 45 DAS MORTES POR CADA 100.000 HABITANTES AO ANO ASÓCIANSE A PROBLEMAS DE SAÚDE MENTAL

Para poñernos en contexto do problema ao que nos enfrontamos, tamén durante este I Congreso Nacional de Psicoloxía das Emerxencias a psicóloga María Tajes Alonso lembrou que a prevalencia dos trastornos mentais a nivel mundial estímase que está nos 970 millóns de persoas afectadas, a maioría mulleres (52,4 %). Os problemas máis prevalentes son os trastornos de ansiedade (31 %), os trastornos depresivos (28,9 %) e os trastornos de neurodesenvolvemento (11,2 %). Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), no 2019 os trastornos depresivos eran os segundos causantes dun maior número de anos de vida vividos con discapacidade e isto tenderá a aumentar no futuro.

Polo que respecta ao custe económico que isto supón para a sanidade pública, resalta que en España 1 de cada 5 persoas vive con problemas de saúde mental, sendo as patoloxías máis comúns a ansiedade, a depresión, o autismo ou o TDAH, o que custa ao redor do 4 % do PIB do Estado español ao ano. Ademais, 45,8 mortes por cada 100.000 habitantes ao ano asóciase a problemas de saúde mental, incluíndo trastornos aditivos. Así mesmo, unha das problemáticas con maior impacto na saúde pública é o suicidio: en Europa falecen unhas 140.000 persoas ao ano por suicidio, máis de 4.000 en España e máis de 300 en Galicia.

O SUICIDIO MULTIPLICA POR 2,5 AS MORTES POR ACCIDENTE DE TRÁFICO E POR 14 AS MORTES POR HOMICIDIO

A Confederación de Saúde Mental de España elaborou un informe de situación o pasado ano 2023 que revisaba como estaba mentalmente a poboación tras a covid, e observou que ao redor do 75 % (74,7 %) dos enquisados consideraba que a súa saúde mental empeorara dende a pandemia. Neste aspecto tamén hai unha notable fenda de xénero, pois as mulleres foron un dos grupos máis afectados, cun 83 % das enquisadas (máis que a media xeral) que consideraba que a súa saúde mental empeorara na pandemia. "As mulleres embarazadas, por exemplo, ou as que experimentaran unha situación traumática, eran máis vulnerables aos efectos psicolóxicos da pandemia, e tamén aquelas que soportaban a maior carga en roles tradicionalmente asociados ao xénero feminino, como os coidados dos fillos e a realización de tarefas domésticas", expón Tajes Alonso.

Agora mesmo, como afirma, "seguimos nunha situación na que as doses poboacionais diarias de fármacos da familia dos sinosedantes e antidepresivos seguen a ser moi altas, particularmente nalgunhas rexións de España hai un impacto maior, que se correlaciona con datos como un maior índice de suicidios e diagnósticos de trastornos mentais". En conclusión, o suicidio segue sendo unha principal causa non natural de morte en España: no 2021 foi causa de morte para 4.003 persoas; e multiplicaba por 2,5 as mortes por accidente de tráfico; por 14 as mortes por homicidio; e por 93 as mortes por violencia de xénero. "A saúde mental quedaba bastante aparte da maior parte das estratexias globais de crecemento ou benestar ata fai uns anos, que xa se incluíu dentro dos obxectivos de desenvolvemento sostible", conclúe a psicóloga.

Teléfono de atención ao covid en Galicia
Teléfono de atención ao covid en Galicia | Fonte: Xunta - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta