Temas: TUI PIROTECNIA

O presidente da Xunta promete unha chuvia de millóns para axudar ás vítimas da explosión de Tui

Anuncia un decreto ante unha "situación de emerxencia expecional" para dar axudas de xeito directo aos afectados. "Terán dous anos de tranquilidade absoluta", di o presidente da Xunta sobre este paquete de axudas. A Xunta será a que cobre o importe dos seguros, no caso de que os afectados acepten as súas condicións.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 31/05/2018 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Unha semana e un día despois da traxedia. Unha frase que o presidente da Xunta repetiu varias veces este xoves despois de presentar o que considera un decreto urxente de axuda ás vítimas da explosión en Paramos (Tui). Unha chuvia de millóns que os afectados poderán cobrar case de xeito directo presentando só documentación mínima. Trátase, dixo Alberto Núñez Feijóo, dun decreto aprobado "ante unha situación de emerxencia excepcional".

Feijóo visita Tui despois da explosión
Feijóo visita Tui despois da explosión | Fonte: EP

"Estaremos en disposición de comezar a pagar xa a próxima semana", dixo o presidente galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que aprobou este decreto. Un decreto que, en total, repartirá cinco millóns de euros. E entre as prioridades da Xunta para cobrar están os dous rapaces que quedaron orfos, os que perderon a súa vivenda e os que teñan desperfectos en fogares e vehículos.

PAQUETE DE AXUDAS

Unha das prioridades é aloxar ás persoas que perderon as súas casas. "Terán dous anos de tranquilidade absoluta", dixo Feijóo ao anunciar que a Xunta daralle 450 euros ás familias afectadas para alugar un piso ou unha casa e un axuda, a maiores, de 600 para facer fronte a fianzas e outro tipo de gastos.

Ese será o primeiro paquete. O segundo estará enfocado directamente ás vivendas e persoas afectadas. Así, o Goberno galego dará unha axuda especial aos dous rapaces que perderon aos seus pais na explosión e tamén aos que perderon as súas casas. Unha ducia delas quedaron desfeitas, practicamente irrecuperables. Os seus propietarios recibirán 125.000 euros para realizar unha nova vivenda; 110.000 pola casa e o resto en concepto do enxoval perdido.

O resto das casas afectadas tamén terán axudas directas. Os seus propietarios terán que presentar unha memoria valorada do impacto. O tope máximo das axudas serán 110.000 euros.  Un terceiro paquete de axudas irá destinado ás persoas que perderon os seus vehículos.

En todos os casos, o cobro será rápido, segundo dixo Feijóo. Os propietarios terán que presentar documentos acreditados polo Concello de Tui de que son os propietarios desas vivendas ou obxectos afectados pola explosión. "Adianteremos os cartos rápido para que a súa situación se prolongue o mínimo posible. Só precisaremos documentación simplificada", engadiu.

"VEREMOS COMO COBRAMOS O QUE PUXEMOS"

Con todo, os afectados deberán cederlle os dereitos legais das reclamacións á Xunta para que sexa esta a que se encargue de cobrarlle o importe pertinente aos seguros. "Veremos como imos cobrar o que poñemos", advertiu o presidente galego. "O diñeiro que poñemos será de xeito responsable porque logo xo llo cobraremos aos seguros", dixo. Parte dos cartos tamén será destinado a reconstruír edificios públicos afectados, como escolas.

Pola súa banda, Feijóo descartou diferenzas con outras institucións, como o Concello de Tui, que tamén aprobou un decreto dun millón de euros en axudas. "Estamos coordinados", dixo ao indicar que as axudas para os vehículos afectados se farán en coordinación co concello. "Se concello, Xunta e deputación colaboramos podemos deixar a todos tranquilos", insistiu. 

En relación aos efectos que a explosión provocou en Portugal --Paramos está preto da fronteira--, Feijóo dixo que non ten constancia de queixas por parte do alcalde de Valença e que se hai desperfectos, serán subsanados. O presidente galego suliñou que hai habilitada unha oficina de reclamación na que traballan conxuntamente, dixtintas administracións, que será desde a que se coordinen as axudas.

CRÍTICAS

Esta chuvia de millóns coincide con críticas dalgúns veciños, como as publicadas en Xornal de Vigo, nas que denuncian que a Xunta quere agora "encher aos afectados con cartos, como no Prestige" para evitar reclamacións. Por outra banda, os afectados queixáronse hai uns días, tras manter varias xuntanzas con responsables da Xunta e do concello, da dificultade que vían para poder cobrar. 

Este decreto chega unha semana despois de que o presidente da Xunta visitara a zona afectada e anunciara que a Xunta non ía pagar con diñeiro público, uns desperfectos que lle corresponde pagar á aseguradora da pirotecnia La Gallega.

Temas: TUI PIROTECNIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 pais de vergonza.

É un problema sistémico. Non se trata so dos partidos trátase de todas as institucións. Esta noticia é moitísimo máis importante do que se quere facer pensar. TODAS as institucións miraron para outro lado TODAS con resultado de morte. Polícia, administració de xustiza, concello, dame igual a cor política é de vergonza que morra xente porque outros NON FAN o seu traballo. Todo o mundo sabía o que alí había, con denuncias e nunca fan nada pois agora mirádelle a cara a esa xente se tedes coll... pais de paletos¡¡¡¡¡

1 GrazasBeiras

o amigo dos narcos e líder dun grupo xudicialmente condenado por corrupción quere dicir que pretende que os NOSOS cartos tapen a boca da xente afectada pola forma que ten o PP de gobernar: chafulleira, torpe e, por desgraza, potencialmente mortal. De nada.