Feijóo, trala moción de censura: "Eu estou a disposición de Galicia"

O presidente da Xunta evita meterse de cheo na sucesión dun Mariano Rajoy "tocado", malia ser o mellor posicionado. Feijóo di estar ao servizo do PP galego e de Galicia, pide escoitar a Mariano Rajoy e critica o goberno "inviable" de Pedro Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2018 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

"Estou a disposición de Galicia e do partido, pero de Galicia". Así o proclamou este venres o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, antes de lembrar que quedan "dous anos de mandato", ata 2020, como xefe do Executivo autonómico e que o seu compromiso é "cumprir" coas súas obrigacións "como presidente da Xunta". Deste xeito, evitou meterse de cheo na disputa para suceder a Mariano Rajoy trala moción de censura que este venres desaloxou de Moncloa ao xa ex-presidente do Goberno central.

Feijóo, após a reunión semanal do seu Goberno
Feijóo, após a reunión semanal do seu Goberno | Fonte: Europa Press

Fontes do PP recoñecen que Rajoy está "tocado", tras converterse no primeiro presidente da democracia española que perde unha moción de censura. Con todo, tamén din que non descarta continuar á fronte do partido, aínda que o máis probable é que se abra un duro debate no Partido Popular que leve á elección dun novo presidente da formación e candidato á Presidencia do Goberno español. Nas quinielas, Feijóo parece ser o fravorito, aínda que tamén soa o nome da xa ex-vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría. O aval de Feijóo, din pesos pesados do PP, é "as súas tres maiorías absolutas" en Galicia, algo único hoxe no mapa electoral en todo o Estado. Pero Feijóo é precavido e non quere gastar as súas balas tan cedo.

"Todo o mundo sabe que son o presidente da Xunta, que me quedan dous anos de mandato e que o meu compromiso é cumprir coas miñas obrigacións como presidente da Xunta, que é ser representante do Estado en Galicia. Espero e desexo cumprir o meu mandato e o meu compromiso", sentenciou Feijóo, antes de participar en Santiago nun acto organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar.

ESCOITAR A RAJOY

No medio dunha forte expectación mediática, tras prosperar a moción de censura do PSOE, Feijóo, foi preguntado polo seu futuro político e un xornalista apuntou que todas as miradas están postas nel.

"A súa e a dos seus compañeiros", respondeu Feijóo, quen, se sobre Rajoy debe seguir liderando o PP na oposición ou considera que o seu tempo político finalizou, remitiuse ao Comité Executivo do próximo martes, onde Rajoy "falará" aos populares sobre "cal é a súa situación e o seu punto de vista".

O líder do PPdeG augurou que Rajoy expoñerá "que é o que considera mellor para reconstruír unha oposición real e efectiva" que poida "gañar as próximas eleccións". "Imos escoitalo e imos saber cal é a súa opinión", apelou, antes de incidir en que a el lle parece "determinante" a percepción que poida ter o seu xefe de filas.

"MÁIS CÓMODO TER UN LÍDER COMO RAJOY QUE COMO SÁNCHEZ"

"Para min é moito máis cómodo ter un líder como Rajoy que ter un líder como Sánchez", aseverou Feijóo, antes de volver manifestar a súa convicción de que hai que esperar a "escoitar" ao seu xefe de filas o vindeiro martes, cando trasladará "ao conxunto do partido" como a situación.

Feijóo tamén quere saber cal é a percepción de Rajoy acerca de "que é o mellor" que poden facer os populares para España e para construír "unha alternativa a un goberno" —o de Pedro Sánchez— que tachou de "inviable".

E é que, sobre o Goberno de Pedro Sánchez, o presidente galego deu por feito que o único que suscita é "preocupación". "Creo que todos os españois e en consecuencia os galegos, estamos preocupados", remarcou, antes de dar por feito que o "está" tamén quen "celebra" a vitoria da moción, os que "non están de acordo" con Rajoy e quen "nunca" votaron polo PP.

"E intimamente estou convencido de que o señor Sánchez está preocupado porque sabe que así non se pode chegar, que así non vale e que así é moi difícil que poida cumprir dunha forma minimamente correcta e ética as súas obrigacións como presidente do Goberno", advertiu.

Non en balde, mostrouse convencido de que o feito de que un dirixente chegue "desta forma" para presidir España tras "perder dúas veces" as xerais, "pagando a peaxe de ERC e os políticos de  Puigdemont", e ofrecendo ao país "un goberno marcado pola inestabilidade desde o primeiro momento", preocupa a "moitos españois", entre eles a "moitos" votantes do PSOE.

"Non creo, honradamente, que Pedro Sánchez empezase ben. Na miña opinión, non se podía comezar peor", aseverou, antes de incidir en que, en todo caso, "xa se sabe a vía elixida" polo dirixente socialista para presidir o Goberno. "Quere chegar a calquera prezo, ocorra o que ocorra, e deixe no camiño o que deixe", apostilou.

Agora, ao seu xuízo, faltan por responder preguntas como o "como", "con quen" e "para que". "Iso ímolo a saber nas próximas semanas e nos próximos meses", remarcou.

"HOXE TAMÉN EMPEZA O FUTURO"

Finalmente, preguntado acerca de se considera que o PP podería gañar unhas eleccións cun presidente que acaba de perder unha moción de censura, respondeu que "o presente acaba de empezar esta mañá". "É un presente de inestabilidade, que ten preocupados a militantes do PSOE e á maioría dos cidadáns, incluído a Sánchez", lamentou.

Pero engadiu que "o importante de hoxe é que hoxe tamén empeza o futuro". "E o futuro imos decidilo todos os españois, que toda a xente saiba que temos o futuro nas nosas mans, que dentro dun ano imos votar algo moi importante, todos os concellos, a maior parte de comunidades e os nosos eurodeputados, como mínimo", subliñou.

Aí, continuou, estará "o primeiro termómetro" do que tachou de "aloucada moción de censura".

Finalmente, preguntado acerca de se está a disposición do PP, declarouse "a disposición de Galicia e do partido, pero de Galicia". Xa mentres abandonaba a sala onde atendeu aos medios de comunicación, preguntóuselle acerca de se é o futuro do PP, ao que non contestou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta