17 encontros fotográficos para recoñecerse nas persoas con autismo

Afundación acolle en Vigo unha mostra coa que reflexionar sobre a identidade social das persoas con Trastorno do Espectro Autista. Os encontros tiveron lugar entre personalidades destacadas na sociedade galega e persoas con TEA.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 04/06/2018 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

Afundación, a Obra Social de Abanca, presentou esta tarde, xunto ao colectivo de fotógrafos La Diapo Fotografía conformado por Esteban de la Iglesia e Manu Suárez, e en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a mostra «Como me presento? 17 encontros fotográficos para recoñecerse nas persoas con TEA», na Sala de Exposicións I da Sede Afundación de Vigo. O acto de inauguración contou coa presenza dos fotógrafos autores da mostra, Esteban de la Iglesia e Manu Suárez; a comisaria, Monse Cea; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela.

Exposición «Como me presento? 17 encontros fotográficos para recoñecerse nas persoas con TEA»
Exposición «Como me presento? 17 encontros fotográficos para recoñecerse nas persoas con TEA» | Fonte: Afundación.

Comisariado por Monse Cea, este proxecto convida á sociedade para cuestionarse a forma en que se constrúe a identidade social das persoas diversas, nunha proposta de coidada linguaxe e estética, para descubrir a arte inclusiva e contribuír no recoñecemento dos seus protagonistas. Poderase visitar ata o vindeiro 30 de xuño de luns a sábado en horario de 17.30 a 20.30 horas.

Este proxecto retrata 17 encontros que tiveron lugar entre personalidades destacadas na sociedade galega, como o actor Luís Tosar, a cantante Sés, o científico Ángel Carracedo ou o cociñeiro Pepe Solla, e persoas invisibilizadas socialmente, representadas neste caso en persoas con TEA (Trastorno do Espectro Autista).

Mediante estas reunións, os fotógrafos Esteban de la Iglesia e Manu Suárez, compoñentes do colectivo La Diapo Fotografía, e a comisaria Monse Cea, convidan a reflexionar sobre a gran fenda existente entre estes dous perfís e a cuestionarse a forma en que se constrúe a identidade social das persoas con capacidades diversas.

Para cumprir o seu obxectivo, recrean a acción de presentación, o acto social que marca o comezo dunha relación entre persoas descoñecidas co fin de coñecerse e recoñecerse no outro, a pesar das súas diferenzas. Mentres isto sucede, de la Iglesia e Suárez retratan coas súas cámaras esta situación, e retrátanse á súa vez mutuamente rexistrando o momento. O propósito final, promover o coñecemento das persoas con TEA a través das imaxes resultantes deste proceso creativo afastados do ámbito terapéutico, familiar ou educativo aos que a imaxe pública destas persoas se asocia habitualmente.

O resultado é unha obra de arte contemporánea que toma a fotografía como eixe conceptual e formal e como vehículo artístico de comunicación e inclusión. Este traballo serve ao desexo de devolver o carácter significativo á fotografía profesional en xeral e ao retrato de persoas en particular. Enmárcase na corrente da arte procesual, polo que nas 28 fotografías e o vídeo que conforman a montaxe verase reflectido o proceso de creación do resultado final: os protagonistas retratándose entre si e os fotógrafos retratando estes encontros, desvelando así os mecanismos de xeración da imaxe. Todo para crear un xogo de retratos cruzados, resultado final do traballo exposto.

A realización deste proxecto foi posible grazas ao apoio de colaboradores como Construcciones Oreco, Grupo Quatrium e Zlick.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta