O presidente galego nega que exista persecución a sanitarios non afíns á Xunta

“Se alguén ten algún expediente disciplinario é porque a inspección médica abriu un expediente”, xustifica ao ser preguntado polas críticas feitas polo colectivo Batas Blancas sobre a persecución a algúns profesionais da sanidade pública.

Por Galicia Confidencial | compostela | 07/06/2018 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

A chegada de Alberto Núñez Feijoo ao goberno da Xunta trouxo canda si unha diminución do 8,65% no orzamento sanitario galego. No ano 2015 a redución total foi do 10,3% con respecto ao ano 2014. Os datos apuntaban daquela que Galicia era a comunidade autónoma coa maior redución de diñeiro destinado a sanidade. 

Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública
Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública

O documento “Claves da Política Sanitaria do PP” do colectivo Batas Blancas de Galicia apunta que “entre 2013 e 2017 segundo os datos que aportou o Director Xeral de Asistencia Sanitaria, o SERGAS enviou a Centros Privados Concertados a case 350.000 pacientes para realizárenselles probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas”

E as consencuencias desta política sanitaria da actual Xunta de Galicia tamén se deixa sentir dentro do colectivo profesional, tanto entre facultativos como en enfermeiría e outros corpos do sistema sanitario. De tal xeito é así, que cuestións puramente administrativas, profesionais e de posicionamento teórico sobre determinadas áreas da saúde, poden supoñer unha vía para o que algúns traballadores e traballadoras pensan que son manobras para retirar persoal pouco favorable ás actuais políticas sanitarias tal e como xa informou GC.

QUE PASOU COS DOUTORES PEDREIRA E BORRO?

Isto é o que lle aconteceu, segundo denuncia Batas Blancas, aos doutores Víctor Pedreira e José María Borro. O primeiro cesaba como subdirector xeral de Saúde Mental e Drogadiccións tras a chegada de Feijóo. Despois do seu paso pola administración autonómica, quixo volver ao seu posto como xefe de psiquiatría do Centro Hospitalario de Pontevedra (CHOP). Posto que ocupaba desde o ano 1982, ao que accedera mediante un proceso selectivo por parte da Deputación de Pontevedra. E aí comezou un calvario que durou anos porque o Sergas estivo paralizando a súa reincorporación convocando ata tres tribunais diferentes. 

Feijóo xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, nunha sala de urxencias
Feijóo xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, nunha sala de urxencias | Fonte: xunta.gal

Isto acabou nos tribunais e, finalmente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia intrepretou o acontecido “como unha clara desviación de poder” e por tanto, había que anular o último dos tribunais médicos que valorou a súa praza. Ata o día de hoxe non se ten executado a sentenza do TSXG no caso do doutor Pedreira.

Outro caso semellante é o sucedido co doutor José María Borro, que fora xefe de cirurxía torácica do Centro Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Por terceira vez, o doutor Borro foi absolto pola Audiencia Provincial da Coruña logo dunha demanda por danos contra a honra presentada por tres médicos do CHUAC. 

A demanda fora presentada por José María Borro despois que de denunciase ao SERGAS que eses tres doutores derivasen de maneira irregular a unha clínica privada, doentes con cancro de pulmón para practicarlles cirurxía dunha única incisión. Alí cobrábase pola intervención cunha técnica que segundo o doutor Borro “era moito máis arriscada e sen vantaxes científicas demostradas”.

FEIJÓO DI QUE A COMPETENCIA É DOS INSPECTORES MÉDICOS

Tras preguntar Galicia Confidencial por estes casos, Feijóo dixo que “non comparte” a opinión de que haxa persecución médica, nin tampouco os datos sobre a privatización da sanidade que recolle o informe de Batas Blancas. 

“Non comparto esa opinión e non se vai en contra de ninguén. Se alguén ten algún expediente disciplinario é porque a inspección médica abriu un expediente", indicou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta ao referirse a eses inspectores médicos que son persoal dependente do Sergas, e, polo tanto, da Consellería de Sanidade e da Xunta da que el é titular.

"Os inspectores médicos teñen a autoridade e a independencia médica para abrir un expediente cando o consideren oportuno porque sen un inspector médico non se pode abrir un expediente disciplinario se algún dos médicos aos que se refire están nese suposto”, respondeu.

Con todo, no caso do doutor Pedreira non se abriu ningún expediente tal e como apuntou o presidente da Xunta, xa que se tratou dunha vulneración dos seus dereitos profesionais tal e como recolleu a sentenza do TSXG. E no caso do doutro Borro, tres sentenzas déronlle a razón a pesar de abrirselle expediente médico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta