O aceite galego pode previr o alzhéimer e o párkinson

Unha investigación de científicos das universidades de Vigo, Granada e Ancona (Italia) salienta o potencial das variedades de oliveira autóctonas de Galicia 'Brava' e 'Mansa' para previr trastornos neurodexenerativos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/06/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Dúas novas variedades de oliveira en Galicia foron caracterizadas recentemente: 'Brava' e 'Mansa'. Agora sábese que ademais do seu potencial e calidade alimenticia, o aceite galego tamén pode contribuír a previr o alzhéimer, o párkinson e outras enfermidades neurodexenerativas.

Olivas autóctonas
Olivas autóctonas | Fonte: Fonte: Pedro Soto

Os aceites de oliva virxe extra obtidos de 'Brava' e 'Mansa' foron seleccionados para o cribado in vitro para avaliar a súa capacidade de inhibir as encimas claves involucradas na enfermidade de Alzheimer, Parkinson ou o trastorno depresivo maior. O aceite da variedade 'Brava' presentou a mellor actividade inhibidora contra todas as encimas, cando se comparou co aceite 'Mansa'.

O estudo, publicado na revista Molecules, foi realizado por investigadores da Área de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo, do Departamento de Ciencias Clínicas Especializadas e Odontoestomatolóxicas da Università Politecnica delle Marche (Ancona, Italia) e do Departamento de Química Analítica da Universidad de Granada.

Os investigadores salientan no seu estudo o crecente interese na dieta mediterránea polos efectos protectores contra varias enfermidades, incluídos os trastornos neurodexenerativos, especialmente os alimentos ricos en polifenoles, como o aceite, con propiedades antioxidantes.

O estudo avaliou as propiedades terapéuticas dos aceites galegos de oliva virxe extra 'Brava' e 'Mansa'. Os investigadores extraeron os polifenoles e probaron a súa capacidade para inhibir as encimas asociadas con afeccións neurodexenerativas como a enfermidade de Alzheimer, a de Parkinson e o trastorno depresivo maior.

Oliveiras autóctonas.
Oliveiras autóctonas.

Das análises realizadas concluíron que ambas as variedades de olivas galegas, pero particularmente a 'Brava', poderían inhibir algunhas das encimas involucradas nestas enfermidades neurodexenerativas.

Nas súas conclusións, os científicos afirman que estas variedades de aceites galegos "poderían ser candidatas potenciais para o desenvolvemento de preparados medicinais e alimentos nutracéuticos ou funcionais" para combater os trastornos do sistema nervioso central.

Polo tanto, o estudo conclúe que o consumo diario de aceite de oliva virxe extra galego podería axudar a unha menor incidencia de trastornos neurodexenerativos.

O pasado mes de outubro, as variedades de oliveira Brava galega e Mansa galega foron aprobadas por resolución da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios. Este fito fixo posible que o patrimonio varietal da oliveira en Galicia, moi descoñecido ata o momento, se convertese no máis occidental da Europa continental e se abrise a porta á comercialización das novas variedades recoñecidas. Apostando por cultivar estar oliveiras autóctonas, e acadando produción dabondo, os olivareiros galegos poden así xa empregar a denominación “Brava galega” e “Mansa galega” nas etiquetas dos seus aceites embotellados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Miriam M.

Alguén me pode aclarar se a principal autora do estudo (María Figueiredo González) ten algo que ver ca empresa de Aceites Figueiredo?

1 Aceites Figueiredo

Ola Miriam, non Maria Figueiredo non ten nada que ver con Aceites Figueiredo, é unha das investigadoras pero non ten que ver, é unha coincidencia que se apelide coma o nome do noso pobo. Aceites Figueiredo somos os que lle suministramos o aceite autóctono para ditos estudos. Un saudo

2 Un galego

É unha mágoa que non sane a estupidez. Ao mellor lográbamos librarnos de tantos pánfilos que nos rodean.

1 vainilla

Si es tan bueno como dicen, debería exportarlo a varios países. Es importante compartir este tipo de recursos, así como hicieron con la vainilla. https://www.vainilla.info/