A verdade do proxecto mineiro de Touro-O Pino: serán máis hectáreas, menos postos de traballo e terá impactos medioambientais

A envergadura do polémico proxecto mineiro será moito maior do que anunciaron as empresas mineiras Atalaya Mining e Cobre San Rafael nun primeiro momento, superando as 1.000 hectáreas de explotación e as 15.000 de exploracións; os postos de traballo directos apenas serán un cento, dos cales unha quincena serán cargos de Atalaya Mining e só entre 78 e 88 de man de obra especializada; un novo informe da empresa tamén recoñece que "as diferentes fases do proxecto mineiro terán un impacto no medio ambiente".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/06/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O polémico proxecto da mina de cobre de Touro-O Pino vén mudando de cifras a medida que Atalaya Mining e Cobre San Rafael avanzan no seu desenvolvemento. Un novo informe técnico confirma que a megamina terá unha envergadura moito maior do que anunciaran os responsables deste proxecto: a explotación directa afectará a 1.060 hectáreas, mentres que a extensión total que abranguen os dereitos totais de exploración é de nada menos que 15.300 hectáreas. 

Mina en Touro.
Mina en Touro.

O informe, de 322 páxinas, é un estudo de prefactibilidade elaborado para Atalaya Mining por Alan C. Noble, enxeñeiro e propietario de Ore Reserves Engineering, con sede en Lakewood, Colaborado (Estados Unidos). Que di ese informe? Entre outras cousas, confirma que a dimensión real do proxecto é maior do que se dixera nun principio.

Atalaya Mining aumenta de 122,7 a 153 quilómetros cadrados a área de exploracións xeolóxicas, e de 689 a 1.060 as hectáreas de traballo da mina de Touro-O Pino.

Atalaya Mining, a través de Cobre San Rafael, desmentira a este xornal que o proxecto fose ampliarse, cando Galicia Confidencial alertou de que a mineira tiña á súa disposición —segundo se recoñecía nun documento interno deste mesmo ano— nada menos que 122,7 quilómetros cadrados nos que poden facer exploracións xeolóxicas e, polo tanto, ampliar o radio de explotación mineira no caso de que detectasen oportunidades alén dos límites da antiga mina de cobre de Touro. Agora, confírmase que a extensión real que abranguen eses dereitos de explotación xeolóxica é aínda moito maior, até 15.300 hectáreas, isto é, 153 quilómetros cadrados, case un 25% máis do que se anunciara e presentou Atalaya Mining a potencias investidores

Polo tanto, estamos ante un proxecto dunha envergadura moitísimo maior da anunciada previamente pola empresa mineira. Así o confirma este novo informe asinado por Alan C. Noble, que vén a constatar as últimas denuncias feitas polas plataformas civís contrarias a esta megamina, que xa alertaron de que o proxecto mineiro non afectaría só a Touro e O Pino, senón tamén a Santiago de Compostela e Boqueixón.

Manifestación en Santiago contra a Mina de Touro - O Pino
Manifestación en Santiago contra a Mina de Touro - O Pino

"Os dereitos mineiros totais (concesións de investigación e explotación) cobren unha área de aproximadamente 2.744 hectáreas", esclarece o estudo de prefactibilidade.

Alén das hectáreas baixo dereitos de exploración, a extensión real da explotación da mina de cobre de Touro e O Pino tamén será significativamente maior do que se dixera: pasa de 689 hectáreas a 1.060. Así o confima este documento, nas súas páxinas 20, 40, 53 e 319. Superficie que se amplía a 2.744 hectáreas se se suman as concesións de investigación e explotación que ten Cobre San Rafael até 2068.

En concreto, o informe detalla na páxina 53: "O lugar do proxecto ten unha área de influencia de aproximadamente 1.060 hectáreas, mentres que os dereitos mineiros totais (concesións de investigación e explotación) cobren unha área de aproximadamente 2.744 hectáreas".

Estes serían, a día de hoxe, os números reais da extensión do proxecto mineiro e das exploracións xeolóxicas que se reserva a mineira: até 153 quilómetros cadrados.

SÓ UN CENTO DE POSTOS DE TRABALLO, E NON 400

Os números tamén mudan no que se refire aos postos de traballo que crearía a mina de cobre de Touro-O Pino. As cifras de postos directos que manexa agora a empresa son netamente inferiores á que lle vendeu aos veciños da comarca: pasa dos últimos 400 prometidos a tan só un cento, confirmándose que "o tema de crear emprego coa mina é un conto", como xa denunciou a Plataforma Mina Touro-O Pino NON.

En marzo deste mesmo ano, o conselleiro delegado de Atalaya Mining, o ourensán Alberto Lavandeira —que esquivou por varias veces os convites de Galicia Confidencial para falar con este xornal—, prometeu "cando menos 400 postos" de traballo directos que serían ocupados por veciños da zona e indefinidos nun 90%. "Non vai haber suficiente xente" na comarca para cubrir eses postos, chegou a ironizar. Pero do que prometeu Lavandeira á realidade hai unha diferenza de 300 postos de traballo menos. Cando menos iso é o que pon de relevo o informe de Alan C. Noble.

O informe só contempla entre 101 e 111 postos de traballo directos: 8 postos de supervisión do contratista e persoal de apoio, 78-88 de man de obra especializada subcontratada, e 15 persoas de Atalaya Mining.

Na páxina 230 do informe, nun apartado titulado 'Mining Personnel' (cadro de persoal da mina), Noble expón os números reais de postos de traballo directos que ten pensado crear a empresa: un total de entre 101 e 111.

Segundo o documento elaborado para Atalaya Mining, repartiríanse así: 8 postos de supervisión do contratista e persoal de apoio; 78-88 postos de man de obra especializada subcontratada, e 15 persoas de Atalaya Mining.  

"O persoal do contratista dedicarase á supervisión e a man de obra especializada, é dicir, operacións mineiras e mantemento de equipos. O traballo dos empregados do departamento de minas de Atalaya  Mining limitarase a tarefas de administración de contratos, seguridade e supervisión, e a maioría dos servizos técnicos (enxeñería, xeoloxía, etc.)", detalla Alan C. Noble no seu informe.

Alberto Lavandeira, conselleiro delegado de Atalaya Mining, prometeu "máis 400 postos de traballo directos, cunha porcentaxe aproximada de 30% de titulados universitarios"; diso nada se fala no novo informe.

Polo tanto, as cifras reais de creación de emprego directo que manexa Atalaya Mining son moito máis pequenas —catro veces menos— que as prometidas en varios xornais e aos veciños polo seu conselleiro delegado, Alberto Lavandeira, ou as expostas por Cobre San Rafael na súa páxina web, onde mantén que "o novo proxecto supón unha grande oportunidade de dinamizar social e economicamente a comarca, xa que se calcula que se xerarán máis de 400 postos de traballos directos, cunha porcentaxe aproximada de 30% de titulados universitarios", o cal queda absolutamente desmentido no estudo de prefactibilidade agora presentado.

Máis adiante, na páxina 296, nun apartado titulado 'Social Acceptability' (aceptación social do proxecto), o informe volve ao discurso populista que usou Lavandeira sobre os presuntos beneficios que terá a mina para a comunidade da comarca.

Cheo de ambigüidades, o documento elaborado por Alan C. Noble para Atalaya Mining di: "Os investimentos realizados polo proxecto e a contratación de persoal producirán beneficios para a economía rexional e crearán empregos directos e indirectos". Neste punto, é necesario subliñar que a táboa da páxina 230 dedicada a debullar o persoal que traballará na mina contempla a contratación dun máximo de 86-96 persoas (sen contar os representantes de Atalaya Mining). 

Con todo, o documento cae de novo no discurso ampuloso que veñen vertendo Atalaya Mining, Cobre San Rafael e Alberto Lavandeira en determinados medios de comunicación e nas reunións organizadas cos veciños da comarca. Así, mantendo a ambigüidade, dise que a creación de empregó "é un dos factores principais para a aceptación social do proxecto".

"O proxecto pode ter un impacto negativo debido a perturbacións ambientais tales como emisións de po, ruído, vibracións e aumento do tráfico nas estradas", recoñécese no documento.

IMPACTO NEGATIVO E RISCOS REAIS

No informe dirixido por Alan C. Noble tamén se recoñece que haberá impactos negativos na comarca derivados da actividade mineira. De feito, dise claramente: "As diferentes fases do proxecto mineiro terán un impacto no medio ambiente".

En concreto, recoñécese: "O proxecto tamén pode ter un impacto negativo debido a perturbacións ambientais tales como emisións de po, ruído, vibracións e aumento do tráfico nas estradas, todo o cal afectará as comunidades locais".

Máis detalladamente, no documento afírmase que "o proxecto terá un impacto na calidade do aire e o ruído na área, pero reducirase durante o peche". "O impacto principal", engádese, "será causado polo po, as emisións do vehículo e os cheiros, e os impactos visuais serán a luz e o ruído". E un chisco máis adiante, conclúese que "tanto a calidade do aire como os impactos do ruído terán potencialmente o maior efecto nos núcleos de poboación próximos".

Neste sentido, exponse que un impacto negativo será un "maior tráfico na área, que será particularmente pesado durante as fases  preoperativas e operativas". "Este tráfico pesado tamén aumentará as emisións de po e o desgaste nas superficies da estrada", descríbese no documento.

A mineira, mediante este estudo, tamén asume que haberá "perda de recursos, alteracións de calidade, risco de contaminación, aumento da erosión, etc."

Respecto do impacto no solo, o informe expón que haberá "perda de recursos, alteracións de calidade, risco de contaminación, aumento da erosión, etc.". A iso hai que engadir que "tamén existe o risco de contaminación accidental polo funcionamento da maquinaria ou a xestión inadecuada dos residuos", dise no documento.

Haberá tamén impactos negativos na xeomorfoloxía da comarca, xa que, como sinala o informe, "todos os proxectos mineiros teñen un impacto directo na xeomorfoloxía". Como se sinala neste estudo, "partes da área da mina xa foron alteradas desde unha perspectiva  xeomorfolóxica" polas actividades mineiras pasadas. Agora, o desenvolvemento do proxecto de Atalaya Mining e Cobre San Rafael "aumentaría o impacto na xeomorfoloxía durante a fase de explotación activa", detállase no informe.

No que se refire ao impacto na vexetación, asúmese que haberá "perda temporal de hábitats afectados que se restaurarán progresivamente, na medida do posible, durante a recuperación". É dicir, destruiranse hábitats cuxa recuperación non se garante ao cento por cento tralo peche da mina.

De feito, e tal e como teñen denunciado varias organizacións ecoloxistas e científicas, neste informe tamén se recoñece que haberá "varios hábitats de interese europeo afectados polo proxecto", entre os que se apuntan dous hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea existentes no ámbito de actuación: Uceiras húmidas atlánticas de zona temperada con Erica ciliaris e Erica tetralix e Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior, para as cales sería necesario proporcionar "medidas de protección, correctivas e compensatorias para a súa conservación"

O informe tamén recoñece que haberá "impacto directo na fauna" coa "eliminación temporal dos hábitats de superficie". E engádese: "A eliminación da vexetación desprazaría a fauna asociada e colocaríase en áreas próximas con características similares".

No que se refire ao impacto na paisaxe, o documento sinala que "parte da área da superficie foi alterada previamente" pola actividade mineira pasada e "mostra unha profunda transformación antrópica con respecto á paisaxe orixinal". E máis adiante asúmese que a comarca "sufrirá unha perda de calidade na paisaxe debido á construción dos edificios e infraestrutura, o desenvolvemento de pozos mineiros e a creación do depósito de relaves auxiliares, etc.".

Haberá tamén impacto negativo sobre o patrimonio. Así, o estudo dirixido por Alan C. Noble destaca que "o proxecto podería afectar o sitio arqueolóxico número 18: Castro da Copa".

Iso si, todos estes impactos na comarca, segundo o informe e a propia empresa, tentaríanse minimizar na medida do posible para causar os menores estragos. Con todo, ninguén obvia xa que haberá que asumir custos medioambientais, patrimoniais, para a saúde e o benestar se o proxecto sae adiante.

Alberto Lavandeira, de Atalaya Mining, empresa que quere explotar a mina de Touro
Alberto Lavandeira, de Atalaya Mining, empresa que quere explotar a mina de Touro
Pancarta en contra da mina de Touro-O Pino
Pancarta en contra da mina de Touro-O Pino | Fonte: Plataforma Mina Touro-O Pino Non
Unha viñeta de López sobre a mina de Touro - O Pino
Unha viñeta de López sobre a mina de Touro - O Pino
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 17 comentarios

5 plo

Las razones contra la mina están encima de la mesa y son claras. Contaminación, desastre ecológico, destrucción de puestos de trabajo. Las razones a favor están debajo de la mesa y pasan de mano en mano. Así de claro

4 p0tr

La opinión de los afectados es irrelevante. Si por los expropiados y afectados por una obra pública fuese, no habría puertos, AVE, autovías o minas. Si cumple con la normativa, adelante. Es riqueza para el rural ¿o se creen que con la despoblación que afecta al rural este tiene futuro si no se crean industrias alternativas que fijen población?

1 Max power

Riqueza para que rural? Para o que estas destruindo? Ou para os postos de traballo que non son para os da zona, hay que leer e comprender a lectura. E no caso de contaminacion do rio ulla tamen é riqueza para o rural? Se tanta riqueza é, non entendo que tantos concellos se poñan encotra da apertura....

2 p0tr

¿Contaminación del Ulla? Tenéis que mentir, como en que había 80.000 manifestantes cuando la policía municipal de Santiago, en manos de Martiño Noriega, daba una asistencia de 12.000, lógicamente amplificada porque midiendo el Obradoiro y echando cuentas allí no había más de 8.000 personas tirando por alto. La industria es sucia, puede contaminar algo --no el Ulla claro-- pero es fuente de riqueza y prosperidad allí donde se establece. Prefieres seguir con la vaquita, el paisaje y el estiércol. Fuera atraso e ignorancia.

3 Son

Aquí hai moito troll rafaelino. Os fondos de inversión nos din que a opinión dos afectados é irrelevante. Si señor. A única opinión é a dos señores da pasta, eses que pretenden contaminar media Galicia nun tempo record e destruir miles de empregos de toda a vida, ofertando a cambio 87 empregos para uns aniños. Miren, en Galicia, sabemos contar. Fora de aquí mentireiros

4 p0tr

No nací ayer ¿80.000 manifestantes el domingo? Y si se miente en esto ¿me quiere decir alguien por qué no se va a mentir en todo lo demás? Se ve que anda por detrás extrema izquierda, aprovechando el cabreo de gente normal --pero a la que no hay que hacer caso porque el bien común prevalece sobre el individual-- porque dice la experiencia popular que "un comunista nunca dice la verdad. Un comunista es un tío más falso que un duro de madera y va por detrás". Sueñan con una insurrección... Una tila. ¡Malvados!

5 Max power

p0tr ti si que eres ignorante. Prefires ter unha mina de contaminacion e non unhas vacas? Pois intenta muxir o cobre. Analfabeto Lee se queres o proxecto e saca as tuas conclusions. Porque volvo a decircho, e con todo respeto pero eres un analfabeto. Firmado unha persoa que estudiou e leeu mais que ti, muxeu moitas vacas e botou mais "estiercol" que ti. Podo asegurarcho!!

3 Carmen

Cuanta hipocresía.Queremos las cosas, pero mejor que salgan de un país africano, lejano, y con explotación infantil, antes que tener empresas que cumplan todas las normativas y que generen empleo y riqueza en Galicia, ya sean 100 0 1000 empleos. Es lo de siempre..... Si a la mina¡

1 Xeito

Emprego moi pouco e riqueza si, pero só para unha empresa con sede nun paraíso fiscal (vamos, que nin a través dos impostos nos chegaría nada). Hai que ter máis cabeciña...

2 Dav

Irrelevante? Un poco duro, sobre todo si tienes tu casa y medio de vida a 200 m de balsas de lodo que tienen riesgo de rotura. Y pasado la vida útil de la mina que? Que industria queda?

3 Homer simpson

Carmen, ti comprendes o que lees? Ou sinceramente inventaste a historia que che gusta? Que non van ofertar postos de traballo. Non hay riqueza pos veciños Que lle queda un chan totalmente contaminado durante os proximos 50 anos(e senon mira que ainda non se sanou o problema da anterior mina) E a mais que posible contaminacion do rio ulla, cantos postos de traballo destruiria se se contamina o rio ulla? Por 100 postos de traballo ponse en perigo miles e miles de postos de marisqueo Recomendoche unha cousa. Comprate un libro

2 Sendero

En África ya se respeta más el medioambiente que en Galicia. 1 de cada 5 m2 ocupados por eucaliptos para ENCE. Un proyecto de megaminería que afecta a valores patrimoniales como el Camino de Santiago, o Santiago de Compostela. Que traerá pobreza y más pobreza. Hay que ser muy burros para autorizar esta mina, o haber recibido algo por debajo de la mesa. Solamente gente sin escrúpulos puede defender una mina así.

1 Mauricio

Traerá pobreza? Pues yo no lo veo asi.Generara empleo y eso es riqueza

1 Lira

Minas de cobre e fábricas de celulosa están ben en África, Fora da Galiza as empresas contaminantes.

1 Marga

Algo contra África? Mellor en Moncloa, Génova, Ferraz,...

2 Luismi

Si y los trabajadores Gallegos que se vayan también a Africa a trabajar en sus minas y con sus condiciones. Bienvenida sea la mina.Y al que no le guste que se vaya

3 Pau

Si, que se vaian para África os da plataforma. Só veñen o concello a comer o cocido o día da festa e a protestar para que non poidamos traballar.