Premios Peña Novo 2018

Hai cento vintecinco anos que nacía en Vilalba o xurista e político máis sobranceiro do primeiro terzo do século XX. Estamos a falar de Lois Peña Novo, cofundador das Irmandades da Fala, que puxeron cabo a un período protagonizado pola reivindicación literaria. O novo movemento vaille coller o relevo cunhas intencións programáticas que abranxían a todos os sectores da sociedade, modernizando o seu discurso e integrándoo na coordenada dos movementos nacionalistas europeos.

Por Xosé Glez. | Redondela | 15/06/2018

Comparte esta noticia
Peña Novo foi o intelectual máis lúcido que tivo o galeguismo, malia non ter militado nunca nas fileiras do Partido Galeguista. Da súa visión progresista e innovadora son os textos aprobados polas asembleas nacionalistas de Lugo e Santiago de Compostela, nas que se plasmaron a igualdade de dereitos do home e da muller, sobre todo habida conta que a emigración deixábaas indefensas xuridicamente por mor da tutela que exercían sobre elas os homes.
 
O rego do discurso de Peña Novo era fondo. Partía dunha análise certa cando afirmaba que a falta de autoestima dos galegos, que os facía dependentes das políticas conservadoras que marxinaran a Galicia, convertíaos en negadores da súa propia identidade.  Ese medo ´-dicía- que chegou a dominar ata as superiores categorías culturais. Medo a manifestárense íntegramente en galego; galegos na lingua, galegos na arte, galegos na política; galegos en todas as afirmacións da nosa vida individual e colectiva. Medo, nunha palabra, a seren demasiado galegos.
 
A Fundación Lois Peña Peña consitúese baixo a súa advocación para render homenaxe a quen outros lle negaron valor ao seu exercicio político e galeguizador. Foron moitas as xeracións que foron formadas na admiración a tres, catro ou cinco personaxes da nosa historia, sen que tivesen máis méritos que o vilalvés. Hai vintecinco anos que se institucionalizaron os premios que levan o seu nome e apelidos para recoñecer o maxisterio galeguizador de Galicia en ámbitos extraliterarios, nos que se xoga o futuro do porvir da normalización da lingua galega.
 
Un xurado de persoas ben representativas  en cadanseu ámbito profesional veñen de conceder os PREMIOS PEÑA NOVO 2018 a tres personalidades que sobrancean en cadajnseu ámbito.
 
A  María Xosé Queizán Vilas, como recoñecemento a unha traxectoria vital de compromiso coa lingua e cultura galegas desde os anos cincuenta deica hoxe estimando o xurado como moi positiva a articulación dun discurso feminista enraizado na realidade galega, mobilizando o seu discurso ás conciencias das mulleres para conquistaren a dignidade e igualdade cos homes.
 
A Manuel González González, polo seu traballo de investigación científica e constantes achegas á riqueza do noso idioma. Destaca o xurado o seu esforzo por dotar á lingua galega de recoñecemento internacional.
 
A Xesús Costas Abreu, xurista e funcionario da administración local, pola súa implicación na galeguización do dereito e da Administración de  Xustiza, e as súas achegas nos anos 80 na fixación dunha linguaxe xurídica e administrativa.
 
O próximo día 28 do mes que andamos celebrarase no castelo de Soutomaior o acto de concesión dos galardóns con todos os pronunciamentos formais que son costume con nutrida concorrencia de xentes que todos anos acuden desde distintos lugares de Galicia. 
As portas do castelo ábrense ese día para todos os que queiran acudir, sen máis requisitos que o de presentárense naquel emblemático espazo histórico.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.