Que tipo de bebedor de cervexa es? Investigadores da Coruña teñen a resposta

Un estudo realizado por expertos da Universidade da Coruña establece cinco tipos diferentes de consumidores desta bebida: amantes da cervexa, os moderados, os bebedores sociais, mulleres no fogar e os que a consomen para emborracharse.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 14/06/2018 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O consumo de cervexa aumenta ano tras ano en España: en 2017 situouse en 48,3 litros per  cápita, case dous litros máis que en 2016, aínda que se mantén lonxe da media europea, próxima aos 70 litros por persoa e ano. Marcas como a galega Estrella Galicia viven unha época de ouro: nos últimos sete años case triplicou os litros que saen da súa fábrica na Coruña. Pero non todos os que consomen cervexa responden a un perfil. Están os auténticos amantes desta bebida, os expertos prudentes, os bebedores sociais, as mulleres no fogar e os clásicos consumidores que só buscan emborracharse. Estes serían, segundo investigadores da Facultade de Economía e Empresa na Universidade da Coruña (UDC), os cinco tipos principais de bebedores deste ouro líquido milenario.

Cervexa
Cervexa | Fonte: Pixabay.

O obxectivo deste estudo foi examinar os posibles segmentos de consumidores de cervexa e perfilalos con respecto ao seu comportamento de consumo, para o cal se traballou cunha mostra de 592 consumidores.

"Os achados suxiren que os consumidores de cervexa non se poden ver como un grupo de consumidores homoxéneo", expoñen os autores do traballo, Cristina Calvo Porral, Javier Orosa González e Félix Blázquez Lozano.

Os autores presentan o que consideran unha "categorización exhaustiva" dos consumidores de cervexa, agrupados en cinco grupos, nun traballo que se vén de publicar na revista científca British Food Journal co título 'A clustered-based segmentation of beer consumers: from «beer lovers” to “beer to fuddle»'.

AMANTES DA CERVEXA

Este grupo de consumidores representa o 16,22 por cento da mostra analizada, caracterizándose pola súa alta implicación coa cultura da cervexa. Este grupo inclúe principalmente consumidores de 26-30 anos (31,3 por cento da mostra) que beben cervexa varias veces á semana (43,8 por cento).

Cervexa.
Cervexa.

Este grupo está composto por entusiastas da cervexa que aprecian e valoran a calidade e os atributos intrínsecos da cervexa, sendo moi fieis ao produto.

Do mesmo xeito, os amantes da cervexa están dispostos a pagar un prezo superior e mostran unha gran intención de compra, en comparación cos outros segmentos de consumidores. É dicir, consideran a calidade da cervexa como un atributo clave e é moi probable que proben e compren cervexas especiais e artesanais.

Polo tanto, este grupo caracterízase polo desexo de explorar novas experiencias de sabor e novas variedades de cervexa, polo que se podería considerar, para os cervexeiros, como o grupo máis atractivo, xa que estes consumidores están dispostos a pagar un prezo superior pola cervexa, mostran unha alta intención de compra e son moi leais ao produto.

OS MODERADOS

Os autores do estudo sinala outro segundo grupo ao que cualifican como "séniores prudentes". Este grupo de consumidores representa o 13.51 por cento da mostra e caracterízase polo seu consumo moderado, pragmático e moderado de cervexa, xa que na súa maioría consomen cervexa ocasionalmente (48 por cento) e fóra de casa (68 por cento).

Este grupo ten a maior número de consumidores maiores, xa que a maioría deles teñen máis de 51 anos (48 por cento). E o seu tipo de cervexa preferida —despois da cervexa Pilsner— é a cervexa sen alcol.

Ademais, aínda que non son consumidores cun compromio coa cervexa, si teñen unha lealdade moderada ao produto, unha imaxe favorable deste e unha grande intención de compra.

Este grupo de consumidores mostra a maior demanda de cervexa sen alcol, o que suxire, segundo os autores do estudo, que as bebidas con baixo contido de alcol poden ser máis atractivas para os consumidores maiores. Outra posible explicación sería que os consumidores maiores están moi preocupados pola saúde e lle dan importancia aos produtos saudables.

Para este grupo é tamén importante o sabor do produto, seguido do aroma. 

BEBEDORES SOCIAIS

Este terceiro grupo representa o 30,07 por cento da mostra, sendo o máis numeroso.

Este segmento ten o maior número de consumidores pertencentes ao grupo de idade de 18-25 anos (57,2 por cento), sendo o 48,1 por cento homes e o 51,9 por cento mulleres.

Estes consumidores son os que beben cervexa con menos frecuencia, xa que consomen a bebida de cando en vez (49,4 por cento), mostrando o maior consumo fóra do fogar (87,8 por cento).

Os investigadores da UDC destacan que se trata dun grupo pouco fiel ao produto e que mostra unha baixa intención de compra, á vez que ten unha imaxe positiva moderada da cervexa e a calidade percibida.

Neste grupo, o consumo de cervexa cumpre unha función de socialización. Do mesmo xeito, é probable que este grupo de consumidores comparta unha cervexa con amigos e compañeiros en lugares que ofrecen experiencias sociais fóra do fogar. Máis detalladamente, estes consumidores asocian o consumo de cervexa e as experiencias de beber con contextos e ocasións informais e relaxantes; para eles, a cervexa é un claro símbolo de demarcación entre estar no traballo e non estar no traballo, argúen os investigadores, que consideran que protagonizan probablemente a asociación emocional máis popular co consumo de cervexa.

O sabor é o atributo de cervexa máis importante para este grupo de consumidores (84,3 por cento). Ademais, os bebedores sociais mostran unha baixa intención de compra de cervexa e pouca lealdade co produto, xa que a cervexa non xoga un papel clave nas súas rutinas diarias.

CONSUMO NO FOGAR

Este cuarto grupo representa o 17,23 por cento da mostra e representa o segmento máis pequeno.

Este segmento comprende maiormente mulleres consumidoras (70,5 por cento) que teñen unha maior tendencia a consumir cervexa en casa (75,4 por cento) e valoran o sabor como o principal atributo de cervexa (13,2 por cento).

Este grupo de consumidores na súa maioría bebe cervexa unha vez á semana (38,4 por cento) e mostra unha baixa disposición a pagar un prezo superior pola cervexa. Ademais, o nivel medio de lealdade e importancia dada á calidade do produto suxire un baixo compromiso como consumidores coa cervexa. Con todo, eñen unha alta intención de compra e unha imaxe positiva do produto. 

En resumo, caracterizanse por ter un consumo de cervexa privado equilibrado ou moderado, sendo as mulleres as que dominan este grupo.

Os autores do estdudo tamén destacan que as consumidoras de cervexa son máis conscientes das cuestións relativas á saúde e, por esta razón, os beneficios nutricionais da cervexa poderían ser un dos motivos subxacentes do seu consumo de cervexa.

CERVEXA PARA EMBORRACHARSE

Este grupo representa o 22,97 por cento da mostra e caracterízase pola súa baixa lealdade ao produto, unha pobre imaxe da bebida e unha baixa intención de compra de cervexa.

A maior parte destes consumidores teñen entre 18 e 25 anos (74,5 por cento), e a maioría beben cervexa fóra de casa (83,9 por cento) varias veces á semana (29,2 por cento) e unha vez á semana (27,7 por cento), principalmente en bares, cafeterías e pubs.

Máis precisamente, este grupo de consumidores mostra os valores máis baixos para a calidade percibida da cervexa, o que suxire que non teñen un grande interese na calidade ou os atributos da cervexa, e non consideran que a cervexa ofreza unha calidade confiable.

Para estes, a cervexa é un produto basicamente para emborracharse e divertirse.

Tendo en conta que exhiben un comportamento sensible aos prezos, as cervexas comerciais de produción industrial son unha boa opción para eles, xa que buscan prezos baixos, sen preocuparse demasiado pola calidade do produto, conclúese no estudo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta