Margarita Ledo: "Cando te expulsan do teu país soamente podes levar a lingua, non a terra"

A catedratica da USC é a coordinadora do libro "Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega", unha obra que recolle a historia do cinema do país desde os anos 30 ata a actualidade.

Por Alicia Casas | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2018 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

"Estamos aquí para facer país". Esta foi unha das primeiras ideas que se puxeron enriba da mesa na presentación do volume "Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega". Un libro presentado na librería NUMAX, editado polo Grupo de Estudos audiovisuais e a Editorial Galaxia, e que fai un percorrido histórico, cultural e sociolóxico do cinema galego desde os anos 30 ata a actualidade.

Portada de 'Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega'
Portada de 'Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega' | Fonte: NUMAX

Baixo a coordinación de Margarita Ledo, o volume naceu "ao abeiro de dúas efemérides, os cincuenta anos do 1968 como animador do cinema militante e a declaración do 2018 como «Ano europeo do Patrimonio Cultural. Material, Inmaterial e Dixital»". E así, "Marcas na paisaxe."  conta coa participación de  investigadoras que esculcaron na relación do cinema galego con diversos aspectos esenciais da nosa cultura como a emigración, a paisaxe, a lingua ou a procura dun cinema nacional-popular dende un punto de vista gramsciano.

"HAI ALGO QUE NON FUNCIONA NO INVESTIMENTO CULTURAL"

Na presentación deixouse claro que as condicións para a produción de filmes son moi duras. "Hai algo que non funciona no investimento cultural, que non vaia o 90% a a manter a Cidade da Cultura", sinalou Margarita Ledo. 

Doutra banda, esbozáronse outras ideas transversais como o subtitulado,a defensa da versión orixinal,  que supón un "entrenamento para a comprensión de distintas linguas. Tendo como referencia o exemplo portugués" proseguiu a catedrática.

Margarita Ledo Andión, coordina o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC
Margarita Ledo Andión, coordina o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC | Fonte: Youtube

"Cando te expulsan do teu país soamente te podes levar a lingua, non a terra. Aparece na produción máis popular e na máis culta. Conxugar o eu e o nós, tanto no exilio como na diáspora", dixo Ledo. E foi unha das últimas ideas que se puxeron enriba da mesa.

De feito, a primeira declaración de intencións na presentación desta obra: facer país. E foi algo que apuntou o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, ao comezo da súa intervención e no seu xeito particular de "dar as gracias aos profesionais por facer este tipo de estudos". Mentres que, ao tempo, "facer país" parecía ser tamén o cometido do libro, a razón pola cal os oito investigadores que participaron o tiñan escrito.

Doutra banda, a Editorial Galaxia inaugura con "Marcas na paisaxe" unha colección de Pantallas para cinema que, en palabras de Francisco Castro, se trata dunha "idea moi coherente coa idea fundacional de Galaxia, que é unha sociedade anónima pero a servizo da propia cultura".

No acto, interviron a coordinadora do libro e catedrática en Ciencias da Comunicación, Margarita Ledo Andión, o doutor en Historia da Arte Xosé Nogueira Otero, e o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro. Tamén estiveron presentes as demais autoras do volume: Marta Pérez Pereiro, María Soliña Barreiro, Fernando Redondo Neira, Brais Romero Suárez, José Luis Castro de Paz e Xan Gómez Viñas.

A LINGUA GALEGA COMO VALOR ENGADIDO

Na presentación, Xosé Nogueira fixo un breve percorrido pola historia do cinema galego. Comezando nos anos 30 e rematando na actualidade, reflexionando sobre o Novo Cinema Galego. Algunhas das ideas máis salientables e recentes, explicativas dos nosos días, atópanse nos anos 90: "anos complicados nos que o sector audiovisual coñece un pulo e comeza a funcionar a TVG". "Na deriva industrial as rodaxes en galego van ser unha excepción, salvo algunhas pezas moi autorais", sinalou Xosé Nogueira. 

Así, existía moita produción que "a propia xente non percibía como cinema galego" e dábase o paradoxo de películas como "A lingua das bolboretas" que se filmaban en castelán pero si se percibían como galegas.

Houbo que agardar ao novo século para que cambiaran as políticas audiovisuais e "os cineastas independentes que rodaban en galego tumbaran un mito: para chegar aos festivais non había que rodar en castelán", asegurou Nogueira. E citou autores coma  Alfonso Zarauza (Os fenómenos), Jorge Coira (18 comidas), Luis Avilés (Retornos) ou Ignacio Vilar (A esmorga) que, con producións máis ou menos independentes, son seleccionadas por festivais. "A lingua galega convértese nun valor engadido", concluiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

algúns pensamos que Se nos levan a TERRA a Lingua DESAPARECE !!! https://youtu.be/ag_dlVnEzFU