Por Galicia Confidencial | Barcelona | 12/09/2025 | Actualizada ás 09:00
A Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornella creou en 1987 o Certame de Poesía en Lingua Galega “Rosalía de Castro”, evento que este ano chega a súa trinta e oito edición.
A principios dese ano convócase coa finalidade de promover a poesía galega e os novos poetas que saíran do país, e tamén como homenaxe á insigne poetisa que dá nome a asociación. Cumprindo esta tarefa, desde os seus comezos ata hoxe, participaron no certame escritores e escritoras que cultivan con paixón a poesía. Poetas noveis, afeccionados e mesmo consagrados participaron cos seus traballos ao logo dos trinta e oito anos de vida do Certame. Entre os participantes neste concurso, cómpre salientar, entre outros, a Darío Xohán Cabana ou a Fiz Vergara Vilariño.
UN CERTAME SEMPRE MOI BEN ACOLLIDO
Máis de tres décadas consecutivas da edición deste certame, que na actualidade conta cunha inmensa simpatía dentro dos aconteceres poéticos do país e na emigración galega, no que levan participado poetas de tódolos lugares do mundo, alí onde os galegos e os seus descendentes se atopan e cultivan esta arte literaria na nosa lingua.
Dende a organización entenden que "se non é un dos máis importantes editados en lingua galega hoxe, sen lugar a dúbidas, si é o máis importante que se deu na Galicia Exterior ao longo da súa historia, e os mesmos participantes dannos a razón, dado o seu interese ano tras ano por participar no Certame, e segundo as valoracións dos diferentes xurados que se encargaron nestas edicións de dar a coñecer os gañadores". Neste senso, tense en conta nas anteriores valoracións que destaca "non só o número de participantes, que é moi abondoso e altamente positivo senón que a calidade dos traballos presentados ao Certame, xeralmente e agás contadas excepcións, é excelente".
No que respecta ás BASES para poder concursar na edición deste 2025, estas atópanse na páxina de Facebook do propio Certame de Poesía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.