Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2025 | Actualizada ás 19:57
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou que técnicos da Xunta avalía no terreo a afectación no patrimonio cultural dos incendios do mes de agosto, que afectaron especialmente á provincia de Ourense. Así o trasladou en resposta a unha pregunta formulada no pleno da Cámara galega pola deputada do BNG Mercedes Queixas sobre a avaliación da afectación dos incendios sobre o patrimonio cultural e que medidas realiza a Xunta.
Na súa intervención, Queixas, que o cualificou como un conselleiro "desaparecido" durante a onda de incendios e con "o seu silencio" escolleu "ignorar o patrimonio cultural", lamentou que López Campos "non fose capaz" de facer unha avaliación e recoñecer que patrimonio cultural arde e segue en perigo e ameazado polos próximos incendios.
Pola súa banda, o conselleiro apuntou que "xa están identificados" os primeiros danos e todas as zonas afectadas polos incendios de Galicia "serán visitadas" para poder facer un diagnóstico de cada un dos bens. A continuación, remarcou que a Xunta "estivo en contacto constante" cos diferentes concellos para coñecer o "impacto real" dos incendios nos bens.
Así mesmo, afirmou que os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa comezaron a desprazarse aos lugares afectados, para sinalizar os bens patrimoniais danados e adoptar as medidas necesarias. O obxectivo é que os técnicos percorran o territorio de Galicia afectado os incendios co fin de contar cun "diagnóstico fiable e rigoroso" que permita ter coñecemento dunha "fotografía precisa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.