A Xunta anuncia un concurso millonario para facer unha serie ou longametraxe sobre o Camiño

Feijóo evita responder sobre se haberá preferencia por produtoras galegas ou se subvencionarán segundas partes de produtos xa emitidos como a serie El final del Camino, de Voz Audiovisual.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/06/2018 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

Poñer en valor as potencialidades turísticas do Camiño de Santiago de cara ao “importante evento” do Xacobeo 2021. Ese foi o principal argumento do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a presentación dun novo concurso millonario para facer unha serie ou unha longametraxe sobre o Camiño ou o fenómeno xacobeo.

Camiño de Santiago
Camiño de Santiago

E como se levará a cabo este proxecto?. Feijóo só deu algunha pincelada. Seleccionaranse cinco proxectos que serán financiados con 15.000 euros e deses, finalmente, será escollido un único produto. O máximo que a Xunta outorgará como subvención será un millón de euros para as longametraxes de máis de 90 minutos e 1,5 millóns para a serie, que terá un mínimo de 300 minutos e de seis capítulos.

A idea deste concurso, segundo o presidente galego, é “o impacto internacional” do Camiño e “impulsar o audiovisual galego”. Sen embargo, non aclarou se haberá preferencia por produtoras galegas ou se se financiarán segundas partes de produtos xa emitidos, como El final del Camino, de Voz Audiovisual. “Diso informará a Agadic pero supoño que se valorarán, sobre todo, UTEs entre produtoras de aquí e internacionais”, limitouse a responder.

En todo caso, a axuda final non poderá supoñer o 30% do total do custe de produto audiovisual e un dos requisitos é que, cando menos, un 30% dese custe terá que ser investido en Galicia. “Queremos que se potencien os valores culturais de Galicia e, ao mesmo tempo que se consolide a marca Galicia”, suliñou Feijóo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta