Biotecnoloxía, criminoloxía e paisaxe incorpóranse o próximo curso universitario para ofrecer "formación polivalente"

Os dous primeiros graos impartiranse en Santiago e o terceiro alternarase entre Lugo e A Coruña

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2018 | Actualizada ás 14:20 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Biotecnoloxía, criminoloxía e paisaxe formarán parte do plan universitario galego do próximo curso 2018/2019, o que supón a incorporación de "graos multidisciplinares" á oferta da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade da Coruña (UDC).

Presentanción novos graos USC 2018
Presentanción novos graos USC 2018 | Fonte: Europa Press

O reitor da USC, Antonio López, xunto cos coordinadores dos novos graos e os decanos das facultades onde se impartirán, presentou este mércores en rolda de prensa as titulacións que se engaden á oferta universitaria galega e a modalidade en inglés para materias do grao de química na capital galega.

Cada novo título conta con 240 créditos que se cursarán durante catro anos cunha oferta de 50 prazas, que se asignarán a través dos procesos habituais de acceso á universidade.

Na presentación dos graos, os decanos da USC das facultades de bioloxía, Antonio Segura; dereito, Gumersindo Guinarte e o director da Escola Politécnica Superior de Lugo, Tomás Costa, explicaron as particularidades de cada titulación e como serán "implantados de forma progresiva".

GRAOS MULTIDISCIPLINARES

Por unha banda, o decano da Facultade de Bioloxía, Antonio Segura, apuntou que o grao de biotecnoloxía nace do "potencial" da Universidade de Santiago para formar graduados, así como o traballo que realiza a Xunta no "impulso do sector tecnolóxico". Desta forma, a biotecnoloxía pretende abrir portas aos graduados no ámbito sanitario, industrial e agroalimentario.

Pola súa banda, o titular da Facultade de Dereito, Gumersindo Guinarte, destacou o traballo do últimos sete anos por converter o título 'Diploma Superior en Criminoloxía' nun "grao oficial".

Ademais, Guinarte engadiu que as persoas que posúan este diploma poderán obter o título de grao a través dun "curso ponte" integrada por 70 créditos e medio que "recoñecerá" o traballo dos "alumnos que cursaron a titulación propia" e contará con outras 50 prazas.

A implantación deste grao supón un "reto importante", en palabras do decano, para a facultade de dereito, xa que require da "implicación de áreas non xurídicas".

GRAO INTERUNIVERSITARIO

Neste sentido, Tomás Costa (da Escola Politécnica Superior de Lugo) valorou que o grao en paisaxe tamén integra áreas moi diversas e que en España este ámbito comeza a contemplarse como un "recurso económico que xera riqueza", a diferenza de países como Francia ou Portugal, onde se implantou hai décadas.

Respecto diso, indicou que é un "grao que chega tarde, pero que chega" e que é un dos "primeiros graos interuniversitarios de España" xa que se impartirá os dous primeiros anos en Lugo e os dous seguintes na Coruña.

Segundo Costa, para elaborar o programa de formación do grao tamén se tivo en conta aos alumnos, xa que non pretenden xerar "problemas de incompatibilidade" á hora de impartir os cursos en diferentes cidades.

EXPECTATIVAS

O reitor da USC e o resto do equipo coordinador dos novos graos consideran que "haberá demanda" por parte dos estudantes, xa que ofrecen unha "formación polivalente" que "atende a diferentes áreas de coñecemento", desde as ciencias sociais até as ciencias e a enxeñaría, pasando pola arquitectura.

Ademais, Antonio López sinalou que isto produce un "achegamento" entre institucións para "explotar recursos e mellorar inconvenientes" que poidan producirse ao longo do desenvolvemento dos graos, que se implantarán cun curso novo cada ano.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta