Os colaboradores de Diario Cultural renuncian a continuar polo que consideran o desmantelamento do programa

O luns 18 de xuño remituse a carta de renuncia dos colaboradores e colaboradoras do Diario cultural. O documento foi enviado á xefa de programas da Radio Galega (RG) por consideraren que se está desmantelando o programa.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/06/2018 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

A carta foi dirixida a Tania Fernández Lombao, xefa de programas da Radio Galega. No documento as persoas asinantes declaran que “despois de anos traballando como colaboradores do Diario Cultural e de contribuír, xunto a un magnífico equipo de profesionais, a crear un programa emblemático na historia da radio galega”,  din estar asistindo desde hai unhas semanas “ás informacións, xustificacións e detalles sobre o proceso que culminará o próximo mes setembro co reparto dos contidos culturais nunha aparatosa sucesión de fragmentos”.

Micros na Radio Galega
Micros na Radio Galega | Fonte: RG

Na mesma misiva, as persoas asinantes consideran que se está diante “a destrución dun tecido radiofónico de probada efectividade informativa, con identidade propia, produción singularizada e impulso á diversidade, todo isto marcado por unha calidade indiscutible”. Pero o máis destacable para quen asina a carta é “que o Diario Cultural logrou ao longo de case trinta anos establecer un territorio comunal onde puidemos vernos todos os sectores implicados na cultura do país”. Iso sábeno miles de persoas que cada día converten o programa nun espazo propio no que oírse e oír.

Os cambios anunciados pola Radio Galega “son, a todas luces, desacertados, e pedímoslle que reflexione sobre as consecuencias e reconduza a situación, xa que a existencia do Diario Cultural no seu formato actual non implica renunciar á súa proposta de programación, cumprimentada con microespazos informativos” queren aclarar. A todo isto, os e as asinantes declaran que “consideramos que o exercicio libre da crítica é indispensable para a consolidación dun contexto crítico propositivo, nun medio como a Radio Galega con vontade de servizo público”.

A este último parecer consideran que unha análise crítica das distintas realidades artísticas, que contribúa a “xerar a normalización e profesionalización do tecido cultural galego precisa dunha relación co medio e coa actualidade que estes cambios de formato anunciado anulan”.

E xa por último engaden “ante circunstancias tan adversas, os abaixo asinantes, actuais colaboradores semanais do Diario Cultural, presentamos a nosa desvinculación a partir do vindeiro 25 de xuño de 2018, coincidindo co remate de temporada e co comezo da programación de verán”.

As persoas que asinaron o documento enviado á Dirección de Programas da Radio Galega son:


Uxía Domínguez Senlle

Miguel Anxo Fernández Fernández

María Xesús Nogueira Pereira

Natalia Poncela López

Antón Rodríguez López

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Hoxe quixera deixar constancia doutra morte anunciada, en breve CABOZO desaparecerá da rede, e Galicia volverá a quedar orfa sen que ninguén se decate siquera do traballo silente dos bos e xenerosos que durante anos agardaron unha resposta por parte da nosa xente! Asistimos ao peche dos formatos que propician a reflexión e a crítica mentres todo o mundo se volve tolo coas redes foráneas sen máis criterio que seguir o camiño que marcan as multinacionais do sector da comunicación !!! Dende aquí quixera agradecerlle aos fundadores de Cabozo tanta xenerosidade durante tantos anos !!! https://gamela00.blogspot.com/2011/...