O golfiño número 3.000 que vara en Galicia en tres décadas

O exemplar atopado en Corrubedo o pasado 9 de xuño é o rexistro 3.000 da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños desde que atende os varamentos de Delphinus delphis nas nosas costas. A poboación de golfiño común en Galicia estímase en arredor de entre 7.4000 e 9.500 exemplares.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/06/2018 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O pasado sábado 9 de xuño foi localizado varado en Corrubedo (Ribeira) un golfiño común (Delphinus delphis) vivo que finalmente non sobreviviu. Era o individuo número 96 da especie no que corresponde a este ano 2018, un número dentro dos valores habituais na costa galega, onde se rexistra unha media de 230 varamentos cada ano, incluíndo todas as especies de cetáceos, lobos mariños e tartarugas. Mais ao integrar o rexistro na base de datos totais da Rede de Varamentos, dende que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) empezou o seu traballo en 1990, resultou que ese golfiño común representaba o rexistro número 3.000 para a especie nas nosas costas.

Golfiño común varado e morto en Corrubedo
Golfiño común varado e morto en Corrubedo | Fonte: CEMMA.

O golfiño común é a especie de cetáceo máis abundante nas augas cálidas e temperás do Atlántico, e iso reflíctese tamén nos varamentos en Galicia, representando o 54% do total de cetáceos.

En traballos realizados pola CEMMA a poboación de golfiño común en Galicia estímase en arredor de entre 7.4000 e 9.500 exemplares, e nun recente estudo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) ese valor para toda a costa cantábrica é de entre 4.700 e 22.500 exemplares, dependendo do método estatístico utilizado.

Aínda así, e pese a esa aparente abundancia, a CEMMA destaca que "o número de individuos varados non deixa de ser abraiante". De feito, se se ten conta que en distintos estudos realizados en Galicia se demostrou que o número de cetáceos que chegan á costa é só do 25% dos que morren no mar, os 3.000 exemplares rexistrados pola CEMMA, atopados varados, "son a testemuña da morte de 12.000 golfiños reais", salientan desde esta organización.

Os varamentos son unha importante fonte de información sobre os cetáceos. Grazas a asistencia e recollida de mostras da Rede de Varamentos de Galicia, que conta con financiación da Xunta de Galicia, ao longo destes anos leváronse a cabo investigacións en colaboración con centros de investigación estatais e internacionais sobre ecoloxía, anatomía, idade, dieta, reprodución, patoloxías, acústica e contaminantes na especie.

Chama a atención á CEMMA nos últimos anos o estudo de microplásticos no aparato dixestivo en colaboración co IEO, do que se conclúe que están presentes no 100% dos individuos examinados.

Pero a principal ameaza da especie, advirten os científicos, segue sendo a morte por captura accidental en artes de pesca. Un 43% dos golfiños comúns que aparecen varados e que aínda presentan un bo estado de conservación para poder valorar a posible interacción, presentan indicios de que a súa morte é compatible con esta actividade humana, informa a CEMMA.

Isto, salientan, significa que unha vez aplicado o factor de corrección dos varamentos fronte ás mortes reais, cada ano uns 212 individuos morren por captura accidental en Galicia. Nunha poboación duns 10.000 exemplares suporía o 2,12%, un valor por enriba do máximo asumible para mortalidade dentro dunha poboación segundo os criterios de ASCOBANS, que establecen o límite no 1,7%. "Cánto tempo poderá soportar esa presión a especie?", pregúntanse desde a CEMMA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta