Por E.P. | A CORUÑA | 27/06/2018 | Actualizada ás 21:30
O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, apelou, ante o baixo número de inscritos para participar na votación do 5 de xullo para elixir sucesor de Mariano Rajoy, a "distinguir" entre afiliados e simpatizantes, antes de defender que os máis de 800.000 que o PP computa en España -101.100 en Galicia-- son, en realidade, "a suma" de ambos.
Na Coruña, un día despois de coñecerse que apenas o 8% do total de afiliados en España votarán nas primarias do 5 de xullo -pouco máis do 4% dos galegos no caso da comunidade--, Feijóo remarcou esta distinción en relación á cifra global. "Os simpatizantes non pagan cotas", explicou.
Con relación á baixa participación, sinalou a outros posibles motivos, como o "pouco tempo" ou as "estritas normas" fixadas polo comité organizador do congreso para que haxa "as máximas garantías", que inclúen porse ao día na cota e o voto rogado. Tamén sinalou que se vota "no verán e día laborable".
En todo caso, incidiu en que no PP hai dobre volta e no congreso votarán os compromisarios. "Veremos a ver cantos votan ao final", apelou, antes de subliñar que o importante é que no proceso puido participar todo afiliado que quixese facelo.
LEXITIMIDADE
Pola súa banda, a exvicepresidenta do Goberno e candidata do PP a suceder a Rajoy, Soraya Sáenz de Santamaría, antes de participar nun acto con afiliados na Coruña, defendeu a lexitimidade do proceso e esgrimiu que a Albert Rivera "o votaron 5.900 persoas" no seu partido e ninguén "cuestiona" o seu liderado á fronte de Cidadáns; un extremo no que coincidiu Feijóo.
Santamaría apelou ao "respecto" polos afiliados e por quen decidiron participar no proceso. Iso si, reiterou que, unha vez que conclúa o proceso, despois do conclave de xullo, hai que traballar por "ampliar a base" do partido e facer unha campaña de afiliación. O obxectivo último debe ser que "a cota non sexa un obstáculo" e todos os populares poidan "participar e opinar" no partido.
Así, recalcou a súa proposta de desempregados e pensionistas acheguen "unha cota simbólica" dun euro e os mozos realicen tamén unha achega reducida, mentres o resto de afiliados realizarían a achega que corresponda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.