A derrogación da prórroga a Ence centra o primeiro debate na Cámara con Sánchez no Goberno

Para BNG e En Marea, a responsabilidade agora é do novo Executivo e para o PSdeG, dos xuíces. Mentres, o PP ironiza e centra a súa intervención na posición do PSOE: "como cambia o conto".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2018 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

A postura do PSOE na oposición favorable á derrogación da prórroga a Ence na ría de Pontevedra até 2076 marcou o primeiro debate no Parlamento galego sobre a fábrica desde que se produciu o cambio de Goberno que levou ao socialista Pedro Sánchez á presidencia. Para o deputado do BNG Luís Bará, que defendeu este mércores unha iniciativa para pedir a anulación da "vergoñosa" prórroga na comisión de medio ambiente, a "responsabilidade" agora é do Goberno socialista.

Ence na ría de Pontevedra. EUROPA PRESS - Archivo
Ence na ría de Pontevedra. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Así, fixo fincapé en que a decisión adoptada en 2016 polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións, que tachou de "traizón" e "cacicada", é "revisable". "Non é irreversible", incidiu. Pola súa banda, a parlamentaria do PSdeG Patricia Vilán, que expuxo unha emenda do seu grupo ao texto do Bloque, opinou que a "responsabilidade" nestes momentos é "dos maxistrados", ao estar o asunto nos tribunais.

De feito, o Concello de Pontevedra interpuxo un requirimento repositorio ante o ministerio que "non tivo resposta" e despois presentou un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional. "Pedir a anulación da prórroga xa a pedimos no Congreso en 2016", lembrou Vilán, quen, despois de pór o foco na resolución que determinen os xuíces, engadiu que "doutra banda a responsabilidade é do PP, que no seu momento modificou a lei" pola que a prórroga concluiría en xullo de 2018.

A emenda do PSdeG, admitida polo BNG, engadía á solicitude de anulación que esta se acometa "de acordo co desenvolvemento dos procedementos xurídicos vixentes". Con todo, a proposición non de lei non saíu adiante debido ao voto en contra do grupo maioritario, o do PPdeG, que, en boca de Jacobo Moreira, centrou igualmente a súa intervención na posición do PSOE.

"Agora está a gobernar, ten a competencia no ministerio que foi responsable desta prórroga", chamou a atención, para, a continuación, reprobar que "agora hai que respectala legalidade", pero "cando o di o PP, non". "Como cambia o conto", exclamou o popular.

Por parte de En Marea, o seu portavoz no debate, Marcos Cal, quen se referiu a "promesas incumpridas" por parte do PP, subliñou, no que incumbe aos socialistas á fronte do Executivo central, que "o que hai que facer é cumprir", xa que ao seu xuízo "non hai que esperar nada".

"CORRUPCIÓN"

Tamén Bará censurou a "historia de tropelías, enganos e trampas" que rodea á fábrica de Ence, con "manobras" para favorecer a súa permanencia na ría. A súa "maior contaminación", segundo recalcou, non é a que provoca á ría ou á contorna de Lourizán, senón a de "a corrupción das portas xiratorias", que implicou, na súa opinión, o "agasallo de 373.500 metros cadrados de terreos públicos gandos ao mar".

Así mesmo, o nacionalista lamentou o comportamento do PP galego, co seu líder, Alberto Núñez Feijóo, á fronte, xa que o tamén titular da Xunta dixo "esa frase soada" de que "non cabe a posibilidade de manter Ence na ría".

Na súa quenda, Moreira replicou que cando Feijóo manifestou que a factoría "non podía seguir", logo argumentou que "houbo un cambio lexislativo aprobado polas Cortes". A maiores, o deputado do PP asegurou non entender "por que agora" o Bloque "se contradi", posto que no seu día (en 2008) foi o bipartito (cos nacionalistas na Consellería de Industria) o que concedeu á empresa de celulosas a autorización ambiental integrada.

E é que "denegar a aprobación da modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o asentamento industrial de Lourizán polo forte impacto na contorna e polas consecuencias negativas para os montes e para a biodiversidade" era o segundo dos puntos que reclamaba a iniciativa.

PLENO 5 DE XUÑO

No pleno da Cámara autonómica do 5 de xuño, xusto despois da moción de censura, Bará xa advertiu que o BNG "vai esixir que Galicia conte neste novo tempo". Coincidindo co día mundial do medio ambiente, o nacionalista reivindicou o lema "Ence fóra da ría". 

"Esperamos por parte do Partido Socialista a valentía necesaria para abordar a anulación da prórroga,para abordar a anulación da prórroga, desa prórroga vergoñosa nas portas xiratorias da democracia", aseverou entón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta