Inaudito: arroaces boto alimentándose no porto da Coruña

Gravan dentro do porto coruñés unha manda da especie Grampus griseus.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/07/2018 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

Unha manda de arroaces boto merendando luras en pleno porto da Coruña. Un acontecemento inaudito que puido gravar Pedro Lourido este martes e que fixo chegar á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA). Trátase, segundo os biólogos, dun "inusual avistamento".

Arroaces boto alimentándose no porto da Coruña
Arroaces boto alimentándose no porto da Coruña | Fonte: Pedro Lourido.

Como explica a CEMMA, o arroaz boto (Grampus griseus) atópase "en mala situación de conservación" e "cada vez hai menos".

"Son como pantasmiñas que están aí, pero non sabemos onde. Poder velos é unha delicia e unha tranquilidade porque pensamos, ves? aquí os están! Un ano máis veñen visitarnos á costa!", celebran desde a CEMMA.

O normal é que se atopen "no borde do cantíl, onde o fondo oceánico cae dos 200 metros de profuniddade da plataforma ás chairas abisais de 3.000 metros, onde se mergullan 300 ou 500 metros de profundidade para comer os polbos cabezudos e as luras, que son o que máis lle gustan", explican os científicos da CEMMA na súa canle en Facebook..

O certo é que todos os anos achéganse á costa algúns exemplares; outros anos foron localizados na ría de Arousa, Muros... "Agardemos que non atopen con redes ou problemas e que volten todos os que viñeron", desexan desde a CEMMA.

Con todo, non é habitual velos tan de preto. As súas achegas ao litorial ibérico son moi contadas e velos dentro dun porto é algo excepcional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta