Goretti Sanmartín asume a portavocía do BNG en Santiago, que compaxinará coa vicepresidencia da Deputación

O partido nacionalista pon en marcha a comisión electoral e abordará a constitución da lista municipal a partir de setembro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2018 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, asume a portavocía do BNG no Concello de Santiago, municipio no que será candidata á Alcaldía pola formación frontista nas eleccións do próximo ano.

Goretti Sanmartín anuncia a portavocía do BNG de Santiago. BNG
Goretti Sanmartín anuncia a portavocía do BNG de Santiago. BNG | Fonte: Europa Press

Este xoves, nun almorzo informativo, Goretti Sanmartín informou que colle as rendas da portavocía do Bloque Nacionalista Galego (BNG), cargo no que substitúe a Rubén Cela e que compaxinará co de vicepresidenta na deputación.

Sanmartín asegurou que esta decisión supón "máis implicación, esforzo e dedicación" pola súa banda a nivel local e que conciliará este cargo co que desempeña desde hai tres anos na vicepresidencia da Deputación da Coruña.

Neste sentido, a nova portavoz declarou que existe "compatibilidade" entre os dous postos e que, ademais, "a vicepresidencia" lle permitiu coñecer mellor "as necesidades de Santiago" debido ao "modelo de relación" establecido entre os gobernos provinciais e os concellos.

A pesar de que o partido nacionalista avoga pola disolución das deputacións provinciais, Goretti Sanmartín manifestou que, mentres existan, o Goberno actual traballa "por un programa de actuación claro" co obxectivo de "consolidar proxectos de cambio" que se manterán para os próximos gobernos entrantes.

COMISIÓN ELECTORAL

Ademais, o BNG tamén comunicou a posta en marcha da comisión electoral do partido para elaborar o programa das eleccións municipais e unha rolda de contactos con institucións e cidadáns "para recoller propostas" nos barrios e parroquias santiaguesas.

Desta maneira, o partido deseñará unha "estratexia" cunha "mensaxe clara e contundente" e tamén abordará a constitución da "lista municipal" a partir de setembro, que se cinguirá ao obxectivo de crear un "equipo sólido e cohesionado" que pretenden ter listo a "finais de ano".

Así mesmo, a nova portavoz destacou que o BNG deixará que sexan "os militantes" os que decidan a lista. Por este motivo, o responsable local do partido, Xesús Domínguez —que acompañou este xoves a Sanmartín—, manifestou que non se postula como número dous da lista encabezada pola nova portavoz nacionalista na capital galega.

Pola súa banda, Rubén Cela sinalou que adquirirá un papel "en segundo plano" porque a "cara visible" pasa a ser Goretti Sanmartín, aínda que remarcou a súa intención de seguir achegando o mesmo "esforzo e compromiso" ao partido que os anos anteriores e, ademais, trasladou o seu "apoio" a súa compañeira.

PROXECTO MUNICIPAL

Respecto dos plans de futuro no municipio santiagués, a portavoz considerou que "a experiencia" previa na Deputación lle permitiu "fortalecer os seus coñecementos" en diferentes ámbitos da cidade e que, a partir deste momento, traballará nunha "liña unitaria" que teña como obxectivo "melloras das condicións de vida" dos cidadáns.

No que respecta a estas medidas de mellora, Sanmartín propuxo que Santiago sexa "un referente" en "políticas ambientais, culturais, feministas" e que aposte pola "integración" das diferentes partes da cidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Bernal Calvo Delaciga

Tradución bloqueiro-galego: Bloqueiro: "compaxinar". Galego: "acumular". Facer da necesidade virtude: acumular soldos e evidenciar a falta total de relevo xeracional.

2 comunista independentista

Acumular cargos, acumular soldos. O deporte preferido dos tío-toms bloqueiros.

1 Carguiños teño

Ostras, é que un carguiño é un carguiño e tampouco eche cousa de andar regalandoos por ahí, ...