O persoal de Correos en pé contra a perda de postos de traballo e os recortes

Esixen, ademais, negociar un convenio colectivo que, segundo o CSIF, "leva sen actualiar desde hai catro anos".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/07/2018 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

Máis dun centenar de traballadores de Correos concentráronse este xoves diante da sede
principal do operador postal en Santiago de Compostela para denunciar a perda de 1.000
postos de traballo
en Galicia e os recortes orzamentarios, de 60 millóns de euros
este ano e de 123 millóns o pasado. Ademais, urxen negociar un convenio colectivo, que segundo o CSIF, "leva sen actualizar desde hai catro anos".

Concentración do persoal de Correos
Concentración do persoal de Correos | Fonte: CSIF Comunicación

Os empregados foron convocados por CSIF, CCOO, UGT e Sindicato Libre, organizacións
sindicais maioritarias que suman o 85% da representación. CSIF alertou durante a concentración de que se espera un novo recorte no persoal de medio milleiro de traballadores, o que deixaría ao servizo "baixo mínimos" na comunidade, "incrementándose os importantes problemas actuais de cobertura de moitas áreas, especialmente nas zonas rurais", asegura.

"Ao aumento da carga de traballo polos recortes súmase a conxelación do Convenio Colectivo e o Acordo Funcionarial, o que supón xa catro anos sen regulación xeral que actualice nin salario, nin emprego nin dereitos dos empregados de Correos", afirma o CSIF. Ademais, advirte de que Correos non dispón dun plan de modernización e expansión arrastrando unha previsión de déficit de 225 millóns de euros en 2017 e 2018, sen adaptarse ao novo mercado en auxe da paquetería e o comercio electrónico.

Para o sindicato, é "preocupante a falta dun Plan Estratéxico que garanta a viabilidade dunha empresa con máis de 300 anos de historia nun mercado que está a deixar en bandexa os operadores postais estranxeiros que si teñen o respaldo dos seus gobernos". Por todo isto, as centrais sindicais programaron un calendario de mobilizacións que continuará a mediados de xuño e que se estenderán ata final de ano coa convocatoria de tres folgas xerais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta