Temas: CITROëN CIG VIGO

A CIG leva a xuízo a Citroën por "vulneración ao dereito de conciliación e redución da xornada"

O sindicato nacionalista convocou unha concentración este mércores, día 11, ás 13,30 horas ante a factoría de PSA. Unha mobilización que servirá como "preámbulo" do xuízo que se celebrará o día 16, ás 12,00 horas, a partir do que a CIG espera "tirar abaixo este acordo restritivo".

Por E.P. | VIGO | 09/07/2018 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

A CIG denuncia unha "clara vulneración ao dereito de conciliación e tamén ao de redución de xornada" na planta viguesa de PSA Peugeot Citroën, polo que convocou unha concentración este mércores e presentou unha denuncia que derivou nun xuízo que se celebrará o próximo día 16.

A CIG presenta unha campaña sobre a conciliación laboral e familiar
A CIG presenta unha campaña sobre a conciliación laboral e familiar | Fonte: Europa Press

Así o comunicou este luns a responsable de automoción e da Secretaría da Muller da Federación Industria na CIG, María Xosé García, que explicou que estas accións se enmarcan nunha campaña do sindicato ante uns "dereitos de conciliación que son totalmente insuficientes e un claro motivo de discriminación das mulleres nos seus centros de traballo".

Aínda que mantivo que esta situación se dá en numerosas empresas, indicou que empezaron a campaña centrándose en Citroën, polo seu acordo sobre sistemas de organización en casos de redución de xornada, o cal entenden que "limita o exercicio dos dereitos de conciliación laboral e familiar do seu persoal".

En concreto, segundo explicou a técnica de igualdade Esther Mariño, este acordo establece que a redución de xornada debe ser da metade ou un 25%, que nese caso haberá rotación de quendas (co que pode darse a situación de librar en horario escolar), e que a duración deste dereito é anual. Con isto, criticou que "pasa por alto" tres artigos do Estatuto dos Traballadores.

Ademais, censurou que se liga a concesión do dereito á redución de xornada a que outra persona complemente as horas; e a maiores reprobou que tamén se inclúe no sistema de quendas "ás vítimas de violencia de xénero", o que é "gravísimo". "O máis indignante é cando os sindicatos se prestan e avalan" estes acordos, remachou.

É por isto que o sindicato nacionalista convocou unha concentración este mércores, día 11, ás 13,30 horas ante a factoría de PSA. Unha mobilización que servirá como "preámbulo" do xuízo que se celebrará o día 16, ás 12,00 horas, a partir do que a CIG espera "tirar abaixo este acordo restritivo".

Temas: CITROëN CIG VIGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta