Tres parques eólicos poñen en perigo unha especie única no mundo que só se atopa na Costa da Morte

A Centaurea ultreiae atópase nunha área de 10X10 KM e só hai 6.821 individuos no mundo. Ademais, este gran proxecto eólico tamén afectaría a outras tres especies moi vulnerables.

Por Galicia Confidencial | Cee | 10/07/2018 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A Centaurea ultreiae está considerada como “en perigo crítico de extinción” no Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, e catalogada tamén como “en perigo de extinción” no Catálogo galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007 do 19 de abril). Esta planta é un endemismo galego cuxa poboación mundial total está composta por 6.821 individuos distribuídos en dúas cuadrículas de 10x10 km arredor do Monte Castelo e a lagos de Alcaián.

Unha especie única no mundo que agora está en perigo pola posta en marcha de tres parques eólicos. Greenalia Power (antes Kakekias Eólica) presentou  xa estes tres proxectos  (Campelo, Bustelo e Monte Toural) de 42, 46,2 e 21 MW respectivamente, nunha mesma área xeográfica arredor do Monte Castelo e a lagoa de Alcaián, nos concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia. Uns espazos que abarcan, xustamente, o lugar onde se atopa a Centaurea ultreiae.

Segundo denuncia ADEGA, a instalacións destes tres parques eólicos no seu conxunto (muíños, pistas, gabias, liñas de evacuación eléctrica, estacións de transformación, etc.) ameazan a conservación desta especie e tamén da Silva Pando.

Curiosamente, no lugar onde se atopa e onde estará este futuro proxecto éolico, está a Lagoa de Alcaián que foi proposta tanto polo bipartito (2008) como polo PP (2011) para formar parte da Rede Natura 2000 polos seus excepcionais valores ecolóxicos e a rareza das especies presentes, entre as que tamén se atopan outras especies endémicas en perigo de extinción e/ou vulnerables como a Lycopediella inundata, a Euphorbia uliginosa, a Centaurea ultreiae ou a Spiranthes aestivalis, que xa sufriron importantes danos nas súas poboacións en novembro do 2016, logo da apertura dun camiño por parte da Consellaría de Medio Rural.

Os tres parques que teñen o mesmo promotor, coinciden nunha mesma área xeográfica e mesmo partillan infraestruturas: liñas de evacuación e estación transformadora. Son, por tanto, un mesmo parque eólico despezado en 3, que ao non superar individualmente os 50MW de potencia, serán tramitados pola Xunta, segundo indica ADEGA.

“LEI DE DEPREDACIÓN”

O Consello da Xunta concedeulles en maio pasado aos tres proxectos a declaración "de interese especial". Esta categoría, recollida na Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais, máis coñecida como "lei de depredación", implica a tramitación prioritaria e a redución á metade dos prazos de instrución, alén de que automaticamente considérase prevalente a utilidade pública das instalacións sobre calquera outra.

“A fragmentación dun mesmo proxecto en varias partes persegue, ademais das vantaxes xa expostas para o promotor, furtar unha avaliación ambiental axeitada ao ignorar os efectos sinérxicos causados por varias instalacións sobre hábitats, especies, paisaxes, servizos ecosistémicos...”, denuncia a entidade ecoloxista. “Trátase dun recurso fraudulento do que a Xunta é cómplice e que prexudica aos intereses públicos e mesmo aos particulares: fragméntase tamén a posíbel oposición e mérmase a capacidade de negociación dos propietarios”, conclúe.

A Centaurea ultreiae só se atopa na Costa da Morte e está en perigo de extinción
A Centaurea ultreiae só se atopa na Costa da Morte e está en perigo de extinción | Fonte: fotonatura.org

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta