O Sergas di que "é falso que en Lugo haxa unha maior mortalidade" por infarto

A Xunta responde ao PSdeG de Lugo e asegura que a atención a infarto no HULA é "boa" e igual ao resto de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2018 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

A Xunta asegurou que a asistencia sanitaria aos pacientes que sofren infarto de miocardio na provincia de Lugo é "boa" e "cumpre cos estándares de calidade na atención" propostos polas sociedades científicas, e "mesmo a mellora". Así o afirmou en resposta ás "graves, alarmantes e infundadas" acusacións realizadas este martes polo secretario xeral do PSdeG de Lugo, Álvaro Santos, que acusou ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de "disparar case unha hora" a espera media para atender a un infarto (155 minutos fronte aos 102 rexistrados por outras provincias).

Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo
Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo | Fonte: www.cirugialugo.com

Neste sentido, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) explicou que o estándar de calidade para a mortalidade en pacientes con infarto de miocardio após a anxioplastia despois de 30 días debe ser menor do 5%, segundo establece a Sociedade Española de Cardiología, e sinalou que na zona de Lugo, este valor "mellora" o parámetro.

Ademais, lembrou que os datos do Rexistro Galego de Infarto Agudo de Miocardio (Regaliam), baseados en todos os estudos feitos até o momento, constatan que "non hai diferenza algunha entre a taxa de mortalidade por infarto agudo de miocardio entre os pacientes de Lugo e os do resto de Galicia".

Por iso, e a pesar de que o secretario do PSdeG de Lugo advertiu este martes de que en Lugo se produce "o dobre de taxa de mortalidade que noutras provincias" por infarto, o Sergas insistiu en que "é falso que en Lugo haxa unha maior mortalidade".

Con todo, Álvaro Santos protestou porque os datos do Regaliam "non son públicos na súa totalidade", pero que "os poucos que dan demostran que os (lucenses) están a ser maltratados polas decisións do PP". Así mesmo, o Goberno galego asegurou que os pacientes de Lugo "se atenden, diagnostican e tratan coa mesma calidade que noutras provincias galegas".

AVALIACIÓN DA COMISIÓN DE CONTROL E SEGUIMENTO

A Xunta informou de que é a Comisión de Control e Seguimento a que avalía todos os datos relacionados coa atención ao infarto de miocardio en Galicia, formada por expertos dos Servizos de Cardioloxía de todo o país.

Respecto diso, tamén explicou que esta comisión se reúne "de forma periódica, monitorizando os datos e avaliando os resultados", con estudos "dinámicos" feitos "cada certo tempo", nos que se reflicte que "a mortalidade por infarto na provincia de Lugo non é distinta á do resto de Galicia".

Ademais, ante a solicitude do secretario xeral do PSdeG de Lugo de que se estenda o servizo a todo o día, a Xunta asegurou que a Unidade de Hemodinámica do Hospital Universitario Lucus Augusti funciona en "horario continuado", desde as 8 da mañá até as 10 da noite, con "ampliación horaria motivada precisamente polos estudos e avaliacións realizadas polo grupo de expertos", algo que Álvaro Santos ve como "inescusable".

Por outra banda, o Executivo autonómico indicou que este servizo ofrece aos pacientes de Lugo "os maiores niveis de calidade asistencial nunha unidade próxima" e "con alto nivel de especialización, mellorando substancialmente os tempos de resposta para o inicio do tratamento".

'PROGRAMA GALEGO DE ATENCIÓN AO INFARTO'

O Sergas lembrou, ademais, que na rápida atención ao infarto agudo de miocardio é "primordial a coordinación entre os distintos niveis de atención sanitaria", e fixo especial referencia ao 'Programa Galego de Atención ao Infarto Agudo de Miocardio' (Progaliam), "pioneiro en España na implantación dun sistema en rede".

Sobre este plan, subliñou que permitiu "mellorar substancialmente a atención" na provincia de Lugo e en Galicia en xeral, mediante "a integración e mellora da coordinación entre a atención extra hospitalaria e a hospitalaria".

Por iso, advertiu de que o obxectivo de 'Progaliam' é "mellorar a expectativa e calidade de vida do paciente con esta doenza" e "promover a equidade no acceso ás prestacións do sistema sanitario".

Finalmente, aplaudiu o "esforzo" dos profesionais implicados neste programa e, "principalmente", aos de Urxencias Sanitarias do 061, en colaboración cos hospitais do Sergas, xa que "puideron acurtar o tempo en que os pacientes con infarto de miocardio reciben o tratamento óptimo de repercusión".

SERVIZO "EXCELENTE" EN SÍNDROME CORONARIA

Doutra banda, a Xunta apuntou que o Servizo de Cardioloxía do HULA é un do catro de España certificado pola Sociedade Española de Cardiología (SEC) como un "servizo excelente no manexo da síndrome coronaria sen elevación".

Este servizo, tal e como resaltou o Goberno galego, dispón de 17 cardiólogos, 35 enfermeiros, 18 auxiliares de enfermaría, tres celadores e tres auxiliares administrativos, ademais de contar con 30 camas de hospitalización —a metade delas telemetradas—.

Neste sentido, indicou que, desde o ano 2011, o Servizo de Cardioloxía do HULA asume gardas de presenza física as 24 horas do día —en Galicia, só os hospitais de Santiago, Vigo e Pontevedra dispoñen desta modalidade asistencial—. Así, asegurou que a súa posta en marcha supuxo "unha redución da mortalidade por infarto agudo de miocardio do 50%".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta