Agreden a un concelleiro da Cañiza que arbitrou un partido nun torneo amigable de fútbol

Un xogador, que ademais é adestrador do equipo de xuvenís, agrediu cunha puñada no ollo ao concelleiro de Deportes da Cañiza, Carlos Rincón, despois de que arbitrase un partido nun torneo amigable de fútbol.

Por E.P. | VIGO | 11/07/2018 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

Un xogador agrediu cunha puñada no ollo ao concelleiro de Deportes da Cañiza, Carlos Rincón, despois de que arbitrase un partido nun torneo amigable de fútbol, concretamente no 'mundialito' de fútbol 7 que cada ano disputan na localidade un grupo de coñecidos.

Campo de fútbol
Campo de fútbol | Fonte: Wikipedia

O edil explicou que "ningún" dos árbitros que habitualmente arbitran quería facelo neste encontro pola presenza deste xogador, porque "é unha persoa problemática de seu", e nos anos previos "sempre" xeraba "discusións e protestaba moito".

É por iso que decidiu arbitrar el mesmo, nun partido no que novamente este xogador "increpou e houbo moitas protestas pola súa banda". Así, ao acabar o partido despois de que o seu equipo perdese, de acordo co relato do concelleiro, o xogador empezoulle " a insultar" de camiño aos vestiarios porque "non lle pareceu ben o resultado".

Chegado un punto, recoñeceu que lle contestou e espetoulle "que lle botaba do torneo", ao que o outro reaccionou dándolle "unha puñada en todo o ollo", tras o que empezou a sangrar polo nariz. Por isto, acudiu ao centro de saúde, onde lle viron "algo anormal na vista" e deriváronlle ao Hospital Álvaro Cunqueiro, a onde ten que volver este mércores e o xoves.

Como consecuencia do ocorrido, explicou que ten dores no ollo e o nariz, o ollo inchado (aínda que aberto) e un problema de visión no ollo afectado. De feito, aínda que na mañá deste mércores foi traballar, indicou que tivo que parar porque forzaba o ollo.

Segundo indicou, até o momento non presentou unha denuncia contra o xogador, aínda que isto dependerá do que lle diga o médico. "Por unha banda creo que si, pero por outro non quero leas con ninguén", comentou, apuntando que lle sorprendeu "que se puxese agresivo" e que lle "estrana" máis que dispoña de licenza para adestrar a un equipo de xuvenís.

O CONCELLO ADOPTARÁ MEDIDAS

Tal e como comunicou o alcalde da localidade, Miguel Adolfo Domínguez, este é un torneo amigable que se organiza "de andar por casa" dende o ano 2010; e este martes o concelleiro arbitrou un deses encontros. O rexedor manifestou que dende o Concello tamén están a valorar a posibilidade de adoptar medidas por estes feitos, xa que o xogador responsable da agresión é adestrador dun equipo de fútbol de xuvenís.

"É un adestrador, que valores ensina pegando unha puñada a un concelleiro?!", cuestionouse, a colación do que apuntou que o equipo de xuvenís non é municipal, "senón estaría apartado ao momento" do seu cargo; non obstante, adiantou que aínda así o Concello prevé adoptar "algunha medida".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta