María do Cebreiro ou a necesidade de rexistrar a perda do rural desde a literatura

A poeta María do Cebreiro, que participou cun relatorio nos cursos "Galego sen fronteiras" para persoas de fóra de Galicia, incidiu na necesidade de prestarlles atención desde a literatura aos procesos de transformación que sofre o rural.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2018 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

"Que tipo de afecto é o arraigamento?" Iso é o que se preguntou a poeta e investigadora María do Cebreiro no seu relatorio para os Cursos de Lingua e cultura galegas, organizados pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega. Reflexións sobre poesía e lugar. Un camiño que emprendeu a autora froito dunha necesidade persoal: rexistrar os procesos de perda que se están a producir no medio rural.

María do Cebreiro no seu relatorio para 'Galego sen fronteiras'
María do Cebreiro no seu relatorio para 'Galego sen fronteiras' | Fonte: Cedida

“Todos sabemos que está pasando algo pero non temos ferramentas nin para describilo, nin para facer un loito desa perda, nin para atopar solucións. Pero eu creo que desde a produción cultural hai que asumir esta herdanza desde unha perspectiva crítica e contemporánea, non podemos desentendernos dela", sinala a poeta. Así, para ela hai unha realidade que non está a ser contada, que está desaproveitada. Unha realidade que precisa dunha maior resposta desde a expresión cultural: "por exemplo, no caso dos incendios forestais; eu non son novelista pero paréceme que é para pensar literariamente, porque ao final tamén estamos desaproveitando un potencial que temos. Probablemente, atraídos polos cantos de serea de modelos urbanos, identificamos con modernidade cousas que non o son", profunda. 

Doutra banda, a autora, ademais de compartir versos inéditos dela misma que se sitúan nun esteiro xa habitado por Rosalía, puxo como exemplo as poéticas de Lupe Gómez e da académica Chus Pato. Como exemplos da excepción, xa que para María do Cebreiro as obras de Chus Pato e de Lupe Gómez ofrecen cadansúa “resposta crítica” ante a desarticulación do tecido rural.

E explica que "o ton da poesía de Lupe Gómez é de moita intensidade afectiva e a posición de Chus Pato é probablemente máis intelectualizada. Bebe do discurso filosófico contemporáneo, paréceme moi interesante como aplica, por exemplo, a teoría de Giorgio Agamben sobre o holocausto á conversión do medio rural galego en ruína, á destrución dun modo de vida. No caso de Lupe Gómez, a relación con esta cuestión é máis visceral, máis baseada seguramente no rexistro da propia experiencia". 

O PRESTIGE

Segundo María do Cebreiro, a catástrofe do Prestige marcou un antes e un despois na produción cultural, especialmente arredor da poesía, que dalgún xeito testemuñou o impacto que provocou na sociedade. Porén, “outros procesos de perda e de reconfiguración territorial”, como os derivados dos incendios forestais, “non tiveron a mesma resposta” desde a literatura, nin en forma de novelas nin de poesía.

A profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela vincula este diagnóstico a unha evolución paradoxal relacionada co mundo rural. “Todos os galegos pertencemos ao medio rural dalgunha maneira e a nosa articulación discursiva como cultura dálle moito peso historicamente pero, en cambio, semella que nos fose máis difícil rexistrar ou ler os procesos de transformación contemporánea que sofre, cando o que está a acontecer agora mesmo nel é algo moi brutal”, sinala en referencia aos devanditos incendios, a caída do prezo do leite ou o despoboamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta