#PegadaGalega

A falta de visibilidade de Galicia no exterior non compete só ás autoridades públicas senón a todos e cada un de nós.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 20/07/2018

Comparte esta noticia

Do 20 ao 22 de Xullo, no marco das Festas do Apóstolo, celébrase o programa ONDA no Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre "como escaparate para mostrar a cultura migrante, a que leva a sinatura dos galegos na diáspora e dos inmigrantes que acollemos na nosa terra". O obxectivo final é "a constitución dun organismo permanente de atención á creación e pensamento da diáspora, o Observatorio da Nova Diáspora Galega".  Unha iniciativa interesante, na que participan xente que voluntariamente e sen subvención promocionan a cultura galega no exterior, coma o Galician Film Forum ou o moi activo Galegos en Londres. Excelente iniciativa. Xa falamos noutra columna, e ao fío de Bruxelas, do raro que é que galegos no exterior se poñan de acordo para non contraprogramarse, xa non digamos facer algo conxunto.

 No mes de xuño e no espazo dunha semana o Centro Galego de Bruxelas coorganizou o Festival Compostela, viñeron unha ampla delegación de artistas e escritores galegos ao parlamento e casualmente tamén os líderes dos tres partidos políticos tradicionais galegos. Mesmo deixando estes últimos á marxe, o lóxico sería que existise unha coordenación cando non unha acción conxunta para aproveitar os minguados recursos dunha pequena e particularmente descohesionada comunidade galega. Pois non só non foi o caso senón que non houbo sequera promoción destes eventos cara o resto dos (poucos) galegos interesados en promocionar Galicia que hai en Bruxelas.

 Obviamente non é unha enfermidade que nos acae só a nós. Os portugueses organizaron por separado dúas enormes verbenas co gallo do día de Portugal e das comunidades no estranxeiro no espazo dunha semana e en dous lugares diferentes: coa calor que facía podía un pensar que estaba nas festas do patrón de Barcelos ou nas da Virxe do Carme. Alén do despilfarro de facer dúas actividades en Xuño e case nada o resto do ano a enorme comunidade portuguesa pode permitirse estes malgastos porque son moitos. Non é o noso caso.  Preferimos a celebración individualista do noso feito colectivo.

É unha cuestión de vontade. Un vasco, non digamos un escocés, di sempre e primeiro que é tal. No caso británico non só non é controvertido senón que é mesmo alentado pola maioría inglesa da poboación, no caso español, tan herdeiro do xacobinismo francés do que é unha mala copia, tal xesto é visto coma un acto sedicioso.

 Pero os galegos pasámonos de vertebrados orteguianos: no censo do EEUU pódese atopar un listado moi exhaustivo dos idiomas que se falan nos fogares norteamericanos, abranguindo casos insignificantes coma os 800 falantes de euskera. Nós temos varios miles de galegos establecidos en Nova Iersey e ningún declara o galego coma lingua materna. Só hai que ir pola Costa da Morte no verán para comprobar que iso non é así.  Obviamente a autodefinición é un dereito persoal, pero as acción individuais teñen consecuencias colectivas para os que sí se  declaran como galegos estando no estranxeiro sexan vistos como que están a falar dun país imaxinario.

En Galicia abusamos en absolver as responsabilidades persoais desprazándoas ás autoridades públicas. O cidadán coma usuario e non coma actor. En todo caso a responsabilidade das entidades galegas non é menor tampouco: Fagan a proba e verán que en Amazon non existe ningunha soa guía en inglés dedicada exclusivamente a Galicia (namentres que hai varias para Catalunya e non digamos para Escocia). Irónicamente o Eixo Atántico e a comisión rexional do Norte de Portugal financiaron con cargo os fondos europeos que DK Eyewitness (tamén coñecida como El País Aguilar) a edición dunha excelente guía turística ilustrada en inglés sobre Galicia e Norte de Portugal. Mais non a atoparán en ningures xa que ao ser financiada con fondos UE non pode ser vendida. Algúns atesouramos un exemplar porque as regalaron nas varias presentacións que se fixo da tal guía.

 Na mesma liña hai uns anos logo de falarlle moito de Galicia a unha parella de islandeses (que por suposto non sabían nin que sequera existía o noso país, pero sí coñecían Porto) pedíronme que lles suxerise sitios para ver e pernoctar polo país adiante. A páxina web de Turgalicia é excelente, conta cun catálogo de moitos aloxamentos e posibilidade de reservar mesmo en chinés. Cal é o problema: aparte de non estar actualizado o único que fai a web é reenviar a reserva ao hotel ou casa  rural. Resultado a parella de islandeses, frugales coma son alí, acabou por facer cámping. Ningunha das súas solicitudes de reserva (en inglés) tivo sequera acuso de recibo. Coma católicos culturais que somos hai que buscar un culpable que sempre é outro: “Cando a ver un enfermo moitos médicos van, alporízase o sancristán porque é sinal de ¡din! ¡dan!”.

 Na case nula visibilidade internacional de Galicia sexa como país, territorio ou “xis” non só teñen responsabilidades as autoridades públicas, máis preocupadas por facer accións teóricamente cara o exterior senón que son para consumo interno (Os Xacobeos,as Terras Únicas, as Cidades da Cultura, as habituais noticias na prensa provincial subvencionada de Galicia-cidade-provincia convértese o centro mundial disto ou do outro) . Tamén conta é moito as accións individuais: nese senso a medalla Castelao habería que darlla non a moitos apesebrados do poder senón ao traballo abnegado, non subvencionado e anónimo de xente coma os editores da Galipedia, que cos seus 150,000 artigos pón a nosa lingua e cultura a disposición do mundo enteiro, moi en desproporción co número de falantes: as versións en español e portugués só teñen 10 veces máis entradas.

 Ou coma Patrimoniogalego, Arquitectura Tradicional Galega e outras webs e contas en redes sociais semellantes. Traballo realmente meritorio de documentar gráficamente o enorme capital cultural esparexido polos 30,000 núcleos habitados do país e os que a cultura oficial subvencionada nin pode nin quere abranguir.

Todo isto para facer unha proposta semellante pero para o patrimonio galego no exterior. Hai só unha década un podía atopar pegadas da enorme vagas migratorias do século XX nunha sucursal de Caixa Galicia en Xenebra, varios locais galegos en Bruxelas, por non falar de  bares galegos en cada esquina do centro de Barcelona algúns deles decorados coma auténticos monumentos a toda unha epopeia colectiva. Por haber ata había unha edición de La Voz para Madrid e El Progreso podíase atopar nos quioscos barceloneses.  A crise do 2008 e a falta relevo xeneracional levou ao traspaso nun espazo de dous tres anos de todas esas auténticas embaixadas de Galicia no exterior: hoxendía algúns ainda están abertos e se hai sorte un chinés ofrece un sucedáneo de polbo á feira.

 Pero en xeral estes testemuños dunha das maiores migracións da historia contemporánea  (en proporción á poboación) vai desaparecer sen que quede rastro para a comunidade de orixe coma a de destino. A nosa pegada é tan basta que mesmo se repetisen iniciativas moi meritorias (coma pouco difundidas) coma “Nós mesmos. Asociacionismo Galego na Emigración” do Consello da Cultura Galega do bipartito non pode abarcar que o máis superficiais. Peor, a desaparición do patrimonio galego no exterior está a avanzar a pasos tan axigantados que en breve quedarán poucos testemuños físicos da mesma. Por iso que non pode quedar ese esforzo por salvagardar o noso patrimonio colectivo nas autoridades pública. Tomando coma inspiración as dúas devanditas iniciativas, ambas voluntarias e dependentes dos recursos da internet, propoño documentar o patrimonio galego no exterior mediante fotos subidas ao twitter baixo o marcador #pegadagalega. Coma no caso des webs anteditas en breve existirá para as xeracións futuras un catálogo enorme de fondos documentais da nosa minguante presenza no exterior. Só é preciso un móbil. De todos nós depende. Feliz 25 de Xullo.

Bandeira da ANG
Bandeira da ANG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA