Galicia e Baviera, xuntas no Museo do Pobo

O conselleiro de Cultura apunta a que entre ambos os territorios existiu un "vínculo milenario que nace co Camiño de Santiago".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2018 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices; e o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, asinaron este mércores un protocolo de colaboración para a exhibición a mediados de outubro da exposición 'Galicia-Baviera', que reúne a obra de 28 artistas de ambas as nacionalidades.

Firma de colaboración entre Román Rodríguez, Miguel Ángel Santalices e Beramendi
Firma de colaboración entre Román Rodríguez, Miguel Ángel Santalices e Beramendi | Fonte: Europa Press

A exhibición, tal e como apuntou o seu responsable artístico, Antón Sobral Iglesias, é símbolo dunha "traxectoria de intercambio desde hai máis de 20 anos" entre artistas galegos e bávaros, favorecida principalmente a través do Camiño de Santiago. Acollerá mostras de arte audiovisual de todo tipo, desde esculturas, até gravados e pinturas.

A Xunta achegará 9.000 euros para a produción e difusión da mostra, a cargo do pintor galego Antón Sobral Iglesias, así como para a realización das xornadas. Ademais, as institucións asinantes do protocolo editarán un catálogo de recompilación das obras expostas.

Durante a súa intervención, o conselleiro fixo alusión a un "vínculo milenario" entre Baviera e Galicia, que nace co propio Camiño de Santiago. "Destas orixes xacobeas --explicou o titular de Cultura-- nace e crece co tempo a relación secular entre os nosos territorios". Así, afirmou que "con este protocolo profúndase un pouco máis nese camiño común que comparten ambas as comunidades".

Pola súa banda, Román Rodríguez terminou a súa intervención agradecéndolle ao presidente do Parlamento "a súa aposta permanente pola cultura galega" e a Xusto Beramendi o seu traballo á fronte do Museo do Pobo, "mantendo sempre as súas portas abertas para mostrarlle a Galicia o mundo e traer o mundo a Galicia" --en referencia á apertura de portas á cidadanía que estes días está a desenvolver o Parlamento galego--.

SIMILITUDES CULTURAIS

Así mesmo, polo que respecta á estreita relación entre Galicia e Baviera, o conselleiro de Cultura apuntou que a pesar dos 1.300 quilómetros que separan ambos os territorios "teñen certas similitudes culturais, sociais e unha tradición relixiosa común".Por iso, explicou que se trata de dous pobos que "ao longo dos séculos desenvolveron unha identidade e cultura propia", cunha "paisaxe que define ás persoas que viven nestas comunidades".

Ademais, tamén se referiu ao calificativo de Baviera como "land" e de Galicia como "comunidade autónoma", dous termos que denominan o mesmo modo de "defensa do Goberno autónomo nun marco de convivencia integrador". Neste senso, Miguel Ángel Santalices tamén reincidiu nestas "semellanzas" entre ambos os territorios, que "nun determinado momento foron tomadas como referencia para o asentamento da autonomía da Comunidade galega".

ELECCIÓN DE ARTISTAS CONSOLIDADOS

En concreto, segundo explicou o Goberno galego, co obxectivo de "favorecer o intercambio cultural co exterior", o acordo de colaboración permitirá reunir pezas creadas por case 30 "recoñecidos creadores galegos e bávaros". Despois de ser presentada en Santiago no cuarto cuadrimestre de 2018, a exposición viaxará a Alemaña. Por parte de Galicia, participarán Alfonso Costas, Amelia Palacios, Pedro Bueno, Carmen Hermo, Enrique Velasco, Soledad Pite, Tino Poza, Antón Sobral, Ruth Montiel, Xosé Vázquez Castro, Maribel Longueira, Tino Canicoba, Manuel Gandullo, Jorge Valenciano, Miguel Pereira e Xulio Gil.

Polo que respecta a Baviera, estará representada cos artistas invitados Waltraud Danzig, Wolfgang Kretzer, Hubert Huber, Anja Kutzki, Stefan Meisl, Otto Müller, Verena Schönhofer, Ernst Zahnweh, Helga Mader, Ilona Maier, Karin Hölzlwimmer e Gerhard Mader. Noutra orde de asuntos, o presidente do Parlamento galego adiantou que impulsará a promoción desta mostra a través da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), da que tamén forma parte Baviera.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta