Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2018 | Actualizada ás 13:15
O dispositivo de procura formado por Protección Civil, Bombeiros, GES, Policía Local e Policía Nacional localizou ao mediodía deste xoves o corpo do mozo, duns 20 anos de idade, que fora arrastrado pola corrente no río Miño ao seu paso por Ourense. Segundo confirmou a Policía Nacional, o corpo do mozo foi recuperado próximo á zona na que fora arrastrado pola corrente.
O mozo, veciño de Portugal e de orixe angoleño, introduciuse na auga para bañarse ao redor das 17,30 horas do mércores, nas proximidades da Ponte Romana, e foi arrastrado polo río. Estaba a realizar o Camiño de Santiago en compañía duns amigos, segundo precisaron fontes de Protección Civil.
O dispositivo de rastrexo prolongouse durante a tarde do mércores até a noite e retomouse ao oito da mañá, coa participación de efectivos de Protección Civil de Ourense e de Barbadás, do GES de Pereiro de Aguiar, os Bombeiros da cidade, e axentes da Policía Nacional e Local.
Durante toda a noite procedeuse a reducir o caudal da auga do río na zona na que desapareceu o mozo, até limitalo a un nivel ecolóxico que, aínda sendo apto para o tránsito de embarcacións, puidese permitir un mellor rastrexo do fondo do río.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.