Científicos galegos presentan un novo tratamento para o ictus

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) publica un traballo sobre o avance dun tratamento para doentes tras un ictus, na revista 'Annals of Neurology', da Sociedade Americana de Neuroloxía, unha das máis prestixiosas do mundo no eido da neuroloxía.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/08/2018 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

A revista oficial da Sociedade Americana de Neuroloxía, Annals of Neurology, situada entre as máis importantes no ámbito neurolóxico mundial, ven de publicar un estudo levado a cabo por investigadores do Laboratorio de Neurociencias Clínicas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), dirixido polos doutores Francisco Campos e José Castillo. Os científicos obtiveron resultados moi prometedores en doentes cun novo tratamento para o ictus.

Científicos galegos avanzan no tratamento contra o ictus
Científicos galegos avanzan no tratamento contra o ictus | Fonte: IDIS.

O artigo titúlase 'Validación clínica do atrapamento de glutamato en sangue no ictus isquémico'. O grupo do Laboratorio de Neurociencias Clínicas do Hospital Clínico de Santiago ven traballando dende hai anos no obxectivo de atopar un fármaco que puidese axudar a reducir as lesións neuronais tras un ictus.

Buscaban un tratamento que puidese ser administrado a un gran numero de pacientes, xa que os tratamentos actuais apenas poden beneficiar a preto dun 20% dos doentes. O reto era acadar unha estratexia terapéutica que se puidese aplicar mesmo antes da chegada do doente a un centro hospitalario, é dicir nun centro de saúde ou no propio transporte sanitario, xa que poder administrar un tratamento nas primeiras horas é vital para reducir secuelas e mesmo para a supervivencia.

Unha das súas liñas de investigación enfocáse no bloqueo dun composto chamado glutamato, que está asociado ao dano neuronal tras o ictus. Dita estratexia xa fora probada polo grupo en modelos experimentais de laboratorio con resultados favorables. No estudo que acaba de publicar Annals of Neurology probouse esta estratexia terapéutica nunha poboación de 50 pacientes (25 tratados e 25 controis) con ictus isquémicos.

“Aínda que o número de pacientes incluído foi reducido, os resultados que obtivemos demostran que esta estratexia presenta altas expectativas de converterse nun futuro tratamento para o ictus”, subliña o doutor Francisco Campos.

Este traballo foi realizado en colaboración co laboratorio da profesora Mabel Loza (IDIS) e o profesor Eddy Sotelo, ambos da Universidade de Santiago (USC), e co centro bioGUNE de Biscaia. O estudo foi parcialmente subvencionado polo programa PRIS da Xunta de Galicia.

ICTUS

O ictus cerebral —causado pola obstrución dunha arteria cerebral— é a segunda causa de mortalidade no mundo entre as persoas de máis de 60 anos e é a quinta causa de mortalidade entre as persoas de 15 a 59 anos. Ademais, o ictus é unha causa importante de morbilidade e discapacidade, o que supón unha tremenda carga económica e social, difícil de soster polas familias e institucións. Esta situación é mesmo máis preocupante en rexións con poboacións envellecidas como é a poboación galega.

O cerebro require unha achega constante de glucosa e osíxeno, por tanto, ante unha obstrución da achega de sangue ao cerebro como ocorre tras un ictus, se non se restablece de forma inmediata, a aparición da lesión neuronal sobrevén en cuestión de horas. É por iso polo que o ictus considérase unha emerxencia médica onde se debe actuar coa maior rapidez para evitar o dano neuronal.

Hoxe en día, os procedementos destinados a reperfundir (abrir) a arteria ocluída representan os únicos tratamentos dispoñibles. Pero este tipo de tratamentos están limitados a un reducido número de pacientes (menos do 15-20% no mellor dos casos), principalmente debido á curta xanela terapéutica, xa que en moitos casos, cando o paciente chega ao hospital xa é demasiado tarde.

Outra das limitacións que presentan é que deben realizados nun centro hospitalario axeitado baixo a supervisión dun médico especializado, xa que previo á súa administración, o paciente debe de ser avaliado por un neurólogo e TAC ou por resonancia magnética. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta