Médicos responsabilizan da morte dun paciente nun PAC aos "recortes" da Xunta

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública critica a "incapacidade" do Sergas para asumir "os seus erros" na morte dun home no PAC da Estrada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2018 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Pontevedra demandou á Consellería de Sanidade que "afronte con urxencia" a reordenación da atención primaria tras a morte dun home sen asistencia médica este sábado no PAC da Estrada (Pontevedra).

Situación do Hospital de Ourense
Situación do Hospital de Ourense | Fonte: Asociación de Usuarias e Pacientes do CHUO

Nun comunicado, esta institución lembrou que isto é "unha necesidade xa manifestada" en 2015 por mor dos grupos de traballo constituídos polos órganos colexiados. "Pasado o tempo e por falta de vontade política desde a Administración, non se afrontaron as peticións realizadas", lamentou o Colexio de Médicos de Pontevedra.

Así mesmo, achacou o sucedido no PAC da Estrada aos "recortes" iniciados nos centros de saúde "por mor da xa superada crise económica", así como á "precariedade, a insuficiencia de medios, a mala xestión dos recursos dispoñibles e a falta dunha adecuada planificación" por parte do Sergas.

CRÍTICAS

Por outra banda, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública criticou este martes a "incapacidade" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para asumir "os seus erros" ou para informar "de forma clara e transparente" sobre a morte do home do PAC da Estrada.

Nun comunicado, a plataforma mostrou a súa "indignación" polas "contradicións" dos responsables da sanidade pública, que trataron, ao seu modo de ver, de "trasladar as responsabilidades" do sucedido "aos profesionais" do centro de saúde.

No entanto, a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública considera que esta situación "demostra as advertencias" que realizaron "nos últimos anos" sobre as consecuencias "da política de recortes de orzamento e persoal" que leva a cabo, segundo censura, a Xunta.

"As protestas e mobilizacións xeneralizadas por toda Galicia pola ausencia de substitucións de persoal de baixa ou de vacacións, que masifican os centros de saúde ou o peche de consultas e traslados de pediatras, son outras mostras desta situación", engade a plataforma.

E é que, segundo a versión do Sergas, o médico da PAC da Estrada atopabase atendendo a unha emerxencia fora do centro, polo que o falecido, que sufría "unha enfermidade crónica avanzada", foi atendido polo persoal de enfermaría mentres non chegaban os profesionais do PAC, tal e como indicou Sanidade.

Por iso, a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública asegura que "se non hai substitutos é pola falta de planificación" da Xunta, pola "súa mala xestión" e "a súa política de recortar e precarizar as condicións de traballo na atención primaria, que fai que os traballadores fuxan fora de Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta