Sobre as tradicións e identidade

(Con motivo da Semana Santa presento este vello artigo –reflexión- que para a Semana Santa foi escrito, e só pode ser repetido)

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 23/04/2011

Comparte esta noticia

“...Pero veo gobernantes capaces de sacar pecho delante de valores que proceden del cristianismo y… aquí en Catalunya, esta izquierda que tenemos, que es la más anticuada de Europa, saca pecho con el laicismo frente a la Iglesia católica y luego pierde el culo, con perdón, para ir a festejar el Ramadán con los musulmanes.”  Josep Antoni Duran i Lleida.   

Alén dos motivos partidistas que poidan repousar nesas palabras, hai no dito sobexos indicios de verdade.  

Vén e vai a Semana Santa, como o leva facendo por tantos séculos. Vén acompañada por algunhas -quizais aínda moitas- persoas de fe, unha morea de agnósticos, e un bo puñado de ateos; pero, sobre todo, vén acompañada por toda a forza das tradicións. ¿Onde haberá compañía mellor? 

Fe, dúbida e ateísmo existen nun mesmo plano da razón. Ningunha desas maneiras de entender a vida posúe unha superioridade ético-moral sobre as outras. As tres, cando son verdadeiras, autenticas e dereitas, son producto da reflexión, ou sexa, producto da ausencia da hipocrisía. É por iso que os ateos de convicción están chamados a manifestar o máis profundo respecto polas persoas de fe (nunca confundir a estas co lixo fundamentalista) e as persoas de fe tamén están chamadas a manifestar  o máis profundo respecto polos ateos de convicción (e non confundir estes co lixo do “todo vale”);  ambos  saben que cadaquén chegou as súas conclusións con toda a forza da honestidade que emana da fonte da reflexión. E sendo a fonte da reflexión inesgotable, abertas quedan, para todos e para sempre, tódalas posibilidades. Todo canto emane na ausencia da hipocrisía nace na igualdade que garante o mundo das conviccións. Todo o demais, coma tódalas outras grandes verdades, son, nos momentos  máis afortunados, simples puntos de vista  susceptibles ó fermento das vivencias no enxergar de novas experiencias. Non obstante, distinguir aos ateos e agnósticos de convicción dos resentidos e desleigados é case tan útil coma distinguir aos crentes de convicción dos fascistas asasinos aiatoloides envelenados.

Aparcando o da fe, onde cadaquén  -se acaso- sabe da súa, e enfocando nas tradicións, atrévome a afirmar que é de fanáticos intransixentes suxerir que tódalas tradicións fan falta, e atrévome a afirmar que  é de desleigados indiferentes suxerir que todas estorban. Algunhas  -coido que aínda moitas- hai que preservalas (que non é o mesmo ca subvencionalas), entre elas, alomenos as que acariñan as ilusións e aloumiñan as esperanzas. E aínda -e sempre con cautela- lle hai que facer sitio a algunhas desas máis agarimosas entre as  recen chegadas.  Quizais tamén haxa que  desprenderse dalgunhas das máis trasnoitadas. Pero, sobre todo, hai que frearlle a entrada ás que chegan envelenadas, cuxo ronsel só amosa pobreza, decadencia, destrucción e morte. Non obstante, e quede claro, cultura e tradición non son dos fenómenos illados, nin poden existir por separado.

Quizais nas sociedades laicas (as únicas sociedades que verdadeiramente existen, sendo todo o demais simples refugallos de humanidade, vertedoiros fermenteiros de sustancias nocivas) cada día haxa menos abeiros para Deus e máis para o demo, e mesmo iso sexa desexable; mais,  o ben e  mailo mal, si, existen, fronte a fronte. Manifestándose, un,  no amor,   tolerancia, e sacrificio;  na soberbia, avaricia, hedonismo e nepotismo, o outro. Os ritos e símbolos que antano representaban a fe,  quizais no futuro (para moitos) non poidan representala, e algúns teñan que desaparecer, mais outros han ser preservados;  porque aínda cando Deus baixe dos altares e o demo fuxa dos infernos, e as corredoiras desterren para sempre os augurios da Santa Compaña,  o ben e mailo mal han seguir aí, nos lugares de sempre.  Os ritos da Semana Santa, aínda na ausencia da fe, ha seguir sendo unha gran metáfora do sacrificio e do amor. E iso, de seu, xa é moito ser.  Os símbolos do sacrificio e do amor non sobran, o que si sobran, e quizais xa sexa demasiado tarde para extirpalos, son os do hedonismo, soberbia, e egoísmo; os mesmos que reinan triunfantes nos abusos e excesos, deixando unha sociedade en decadencia, de corazóns e conciencias baleiras, ermos de esperanza, camiñando a paso xigantesco nos vieiros da súa propia extinción. ¿Onde haberá peor decadencia, maior inmoralidade, reaccionarismo comparable, dictadura máis perniciosa, ca sentenciarse a deixar de existir?

No referente ás procesións de Semana Santa  ( tan criticadas, por uns; tan aclamadas, por outros;  tan explotadas e abusadas, por tantos)  espalladas por toda España, que tanta alegría e deleite a tantas xentes lle traen, as posicións de apoio e mailas de indiferencia son igualmente lexítimas, e quizais necesarias, para que sexan as voces da cultura espontánea as que despachen os veredictos pertinentes. O que si é decididamente importante, mesmo indispensable, é o nunca esquecerse que a identidade é o único que somos, o único verdadeiramente noso; e a identidade non é outra cousa senón a suma de tódalas tradicións. Os pobos que saben ser pobo seguen reinventándose e reafirmándose no lévedo das súas tradicións.   Pois claro que non é o mesmo cargar cun simbólico madeiro na Semana Santa ca acoitelar un touro na presencia de cincuenta mil fanáticos, nin é o mesmo vestir de brando a unha meniña o día da Primeira Comuñón  ca envolvela, de pés a cabeza, no cotián do cada día, na permanencia da escravitude anunciada. Non tódalas tradicións son iguais. E ás que sobren, e habelas hainas, hai que despachalas, quedándonos con aquelas que de nós fan Nós.

Sempre estarei na primeira fila dos que defendan as tradicións (propias e alleas), coa excepción daquelas que deshumanicen, incidan na crueldade ou asfalten os vieiros da decadencia. Defendelas todas, mesmo aquelas que me estorben.  As tradicións contan; ¡vaia senón! O día que se vaian, qué ha ser das nosas lendas, dos contos das lareiras..., das fogueiras de San Xoán, e das romarías -que nunca foron moitas - que aínda quedan.  ¿Quen nos ha mornear o corazón e espertar a conciencia?  ¿Que ha ser de nós cando a noite de Noiteboa sexa unha noite calquera?  ¿Terán o turrón e mailas castañas o morno sabor da esperanza que esperta ás ilusións e alimenta ás lembranzas?  ¿Privaremos aos –poucos - rapaciños do futuro do inocente sorriso do Día de Reis? ¿Que ha ser das nosas  corredoiras, dos nosos camiños e vieiros, cando deixen de ser beicidos polos cristos dos cruceiros?

As tradicións contan.  E queiramos ou non, o día que elas non conten, nós tampouco imos contar para moito. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA