Temas: 061 FOLGA

Alertan de improvisacións con pacientes reais na nova sede do 061

O comité de folga do 061 sinala a perigosidade das probas con pacientes reais feitas por persoal que non é médico coordinador en activo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2018 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

O comité de folga do 061 alerta tamén que o persoal que realiza estas probas son persoas que levan máis de seis anos sen exercer como médico coordinador e sen o curso de reciclaxe. Desde o comité declaran que “é unha actuación temeraria sen ningún tipo de garantía e por iso non ten o apoio dos médicos coordinadores”.

Protesta da 061 fronte ao Sergas
Protesta da 061 fronte ao Sergas

O día 9 de agosto comezaron a realizárense probas en paralelo entre as dúas centrais do 061. Á Central deste servizo trasladouse persoal de diversas categorías para participaren nas mesmas. Segundo denuncia o comité de folga “para levar a cabo ditas probas con chamadas de urxencias e emerxencias reais non contaron co persoal médico coordinador” que  segundo explica o mesmo comité “é o persoal encargado de xestionar esas chamadas e decidir que recursos públicos se mobilizan”.

Nun comunicado enviado polo mesmo comité de folga, lembran que a potestade de mobilizar recursos é propia dos médicos coordinadores. Para facer eses traballos, apuntan no comunicado, “o 061 trasladou ás dependencias da Estrada á xefa de Servizo de Atención ao Usuario, á xefa de Servizo do Transporte Sanitario Urxente e ao director de Coordinación” que ademais “foron eles os que se encargaron de realizar a atención das emerxencias e urxencias” tarefa que é propia dos médicos coordinadores, sendo estes os únicos que teñen a habilitación e competencia para desenvolver ese labor.

Tamén denuncian que os exercicios estanse a facer “sen un cronograma detallado e sen os recursos humanos destinados para cada unha das tarefas”. Así, o comité de folga do 061 alerta que este comportamento “é temerario e pode ocasionar responsabilidades administrativas e mesmo penais”.

Sobre a última reunión coa Xunta de Persoal do 061o comité de folga di “facilitouse un cronograma cheo de imprecisións e vaguedades que non garanten un traslado cun mínimo de garantías”. Por todo isto, desde o comité “queremos comunicar que se a calidade do servizo da central do 061 se ve minguada non é porque esteamos en folga” pois “os servizos mínimos son do 100%, senón que é porque o traslado se está facendo sen a dilixencia precisa e sen planificación de ningún tipo”.

Temas: 061 FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta